Ditadura
From Wikipedia, the free encyclopedia
A ditadura é unha forma de goberno no que unha persoa, ou un grupo de persoas máis ou menos extenso, exerce o poder en virtude dunha afirmación persoal[2], sen limitacións legais ou constitucionais efectivas[3].
O concepto de ditadura úsase contemporaneamente dunha forma moito máis laxa para designar todo tipo de réximes non democráticos modernos[4]. Este "estiramento conceptual" do termo restoulle precisión e capacidade de diferenciación ao colocar baixo unha mesma etiqueta a réximes políticos que teñen pouco en común. Así, refírense como ditaduras as monarquías árabes, os sistemas de partido único, os gobernos militares de suramérica, os fundamentalismos islámicos ou as autocracias africanas e do sueste asiático. Para evitar ese "estiramento conceptual" e darlle máis precisión ao concepto, pódense sinalar catro características das ditaduras: a concentración do poder, a precariedade das regras sucesorias, a non subxección a leis e o seu carácter transitorio[2].
É importante sinalar que algúns autores non diferencian os conceptos de ditadura e autoritarismo, consideran ambos conceptos rivais e que realmente non existe ningunha vantaxe clara dun sobre outro para nomear os réximes políticos non democráticos modernos[2] mentres que outros si o fan[5]. Entre estes últimos hainos que consideran o autoritarismo e o totalitarismo como dúas formas de ditaduras; mentres que outros reservan o termo ditadura para momentos interinos de crise de goberno entre o réxime tradicional, democrático ou autoritario[2].