Dermatoma
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un dermatoma [1] é unha área da pel que está innervada fundamentalmente pola raíz dorsal dun só nervio espiñal ou raquídeo. Cada un destes nervios envía ao cerebro a sensación (incluída a dor) dunha rexión concreta da pel. Os pares de nervios que orixinan dermatomas son: os nervios cervicais de C2 a C8 (sendo excepción o C1, que non forma dermatoma), os doce nervios torácicos, os cinco nervios lumbares e os cinco nervios sacros. Os nervios espiñais orixinan os nervios cutáneos que chegan á pel.
Principais nervios cutáneos. |
- Non confundir con dermátomo (instrumento cirúrxico para cortar a pel)
Ao longo do tórax e abdome os dermatomas son como discos superpostos que formasen o corpo humano, cada un dos cales está innervado por un nervio espiñal distinto. Nos brazos e pernas o patrón é diferente: os dermatomas discorren lonxitudinalmente polas extremidades. Aínda que o patrón xeral é similar en todas as persoas, as áreas exactas detalladas de innervación son tan únicas para cada persoa como as pegadas dactilares. Nos límites entre dermatomas adxacentes hai unha certa sobreposición da innervación, polo que se houbera unha perda de función dun nervio por lesión do ganglio, a sensibilidade non se perde totalmente, pero vese moi minguada.