Dengue (enfermidade)
From Wikipedia, the free encyclopedia
O dengue é unha doenza infecciosa tropical causada polo virus do dengue que se transmite por mosquitos. Os síntomas típicos son unha febre alta, dor de cabeza, vómitos, dores musculares e articulares, así como unha erupción cutánea característica. Estes síntomas adoitan presentarse entre os tres e os catorce días trala infección, e a recuperación pode levar entre dous e sete días. Nunha pequena proporción dos casos a doenza evoluciona a un estado potencialmente mortal de febre hemorráxica do dengue, provocando hemorraxias, baixos niveis de plaquetas e extravasacións de plasma sanguíneo, ou a un estado de síndrome de choque do dengue, o que provoca unha presión sanguínea perigosamente baixa.
Dengue | |
---|---|
Erupción cutánea típica provocada polo dengue | |
Sinónimos | Febre quebraósos (inglés: breakbone fever)[1][2] |
Especialidade | Doenzas infecciosas |
Síntomas | Febre, cefalea, dores musculares e articulares, erupcións cutáneas[1][2] |
Complicacións | Hemorraxia, niveis baixos de plaquetas, shock[2] |
Inicio habitual | De 3 a 14 días trala exposición[2] |
Duración | De 2 a 7 días[1] |
Causas | Virus do dengue transmitido por mosquitos |
Diagnóstico | Detección de anticorpos para o virus ou o seu ARN[2] |
Condicións semellantes | Malaria, febre amarela, hepatite viral, leptospirose[3] |
Prevención | Vacinación, redución da exposición ós mosquitos[1][4] |
Tratamento | Terapia de apoio, terapia intravenosa, transfusións de sangue[2] |
Frecuencia | De 50 a 528 millóns por ano[5] |
Mortes | Entre 10 000 e 20 000 (aprox.)[5][6][7][8] |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
Esta doenza transmítese polas picaduras de varias especies de mosquitos do xénero Aedes, principalmente a especie Aedes aegypti. O virus do dengue ten cinco serotipos distintos. A infección cun dos tipos habitualmente provoca a inmunidade de por vida a ese tipo, pero tan só unha inmunidade a curto prazo para os tipos restantes, e unha infección subsecuente cun tipo diferente incrementa o risco de complicacións graves. Existen diversas probas que permiten confirmar a diagnose desta doenza, incluíndo a detección de anticorpos para o virus ou o seu ARN.
Existe unha vacina para o dengue aprobada e comercialmente dispoñible nunha serie de países. Outros métodos de prevención son a redución dos hábitats dos mosquitos e a limitación da exposición ás súas picaduras. Isto pode lograrse eliminando augas estancas e levando roupa que cubra a maior parte do corpo. O tratamento do dengue é mediante terapias de apoio, mediante a hidratación por vía oral ou intravenosa para casos leves e moderados da doenza, aínda que para casos máis graves poden ser necesarias as transfusións sanguíneas, e non deben utilizarse antiinflamatorios non-esteroides como o ibuprofeno no seu tratamento. Ó redor de medio millón de persoas precisan hospitalización médica a causa desta enfermidade cada ano.
O dengue converteuse nun problema de saúde global dende a segunda guerra mundial e é unha doenza común en máis de 110 países. Entre 50 e 528 millóns de persoas resultan infectadas cada ano, e aproximadamente entre 10 000 e 20 000 delas falecen cada ano a causa da enfermidade. As primeiras descricións dun gromo desta doenza datan do ano 1779, aínda que o seu espallamento e causa viral non quedaron definidos por completo ata comezos do século XX. A maiores da propia eliminación dos mosquitos transmisores, existen traballos en curso para desenvolver medicamentos para o tratamento directo do virus, aínda que esta doenza está clasificada como unha doenza tropical desatendida.