Canle (enxeñaría)
vía artificial para o paso de auga / From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento.
Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
O estudo da utilización das canles desenvolveuse ao longo dos séculos e moitos xenios, como Leonardo da Vinci, dedicaron moita enerxía para a súa mellora. Entre outras, achegaron ideas para o desenvolvemento das canles que circundan Milán, chamados navigli, totalmente artificiais e que conectan a cidade cos ríos Tesino e Adda. A través destes podíase chegar indirectamente por vías fluviais cara ao norte ata o lago Maggiore e cara ao leste, utilizando o río Po ata o mar Adriático. Por medio destas vías fluviais, relativamente pequenas e pouco profundas, facíase o transporte de mercadorías mediante barcazas de fondo case plano e así conseguiuse levar os materiais que se usaron para a construción da cidade.
Entre os exemplos de grandes canles que cambiaron en gran medida a economía de continentes completos están a canle de Suez e a canle de Panamá. Coa apertura destas grandes obras de enxeñaría, os tempos dos transportes intercontinentais reducíronse drasticamente e marcaron un crecemento exponencial do comercio de occidente co Extremo Oriente.
Outro tipo de canles moi característico é o que permite a navegación no interior das cidades. Un exemplo de canles navegables internos son os de Tarento, onde as canles permiten o acceso dos buques de guerra ata o arsenal militar da cidade. Con todo, o mellor exemplo é Venecia; aínda que outras cidades como Ámsterdam posúen varios quilómetros de vías navegables no seu interior, Venecia é o único exemplo no mundo dunha cidade na que o modo de moverse, ademais de a pé, é a través da súa intricada rede de canles.