Autismo
Desorde do desenvolvemento neural / From Wikipedia, the free encyclopedia
O autismo é un trastorno do neurodesenvolvemento caracterizado por problemas na interacción social, comunicación verbal e non verbal e comportamentos limitados e repetitivos. Os primeiros sinais deste trastorno detéctanse habitualmente nos dous primeiros anos de idade dos nenos.[5] Estes sinais adoitan desenvolverse de forma gradual, malia que algúns nenos con autismo acadan os seus fitos de desenvolvemento a un ritmo normal e posteriormente presentan unha regresión.[6] O criterio para o seu diagnóstico precisa que os síntomas sexan aparentes nunha idade temperá, habitualmente antes dos tres anos de idade.[7]
Autismo | |
---|---|
Amontoar repetitivamente obxectos uns sobre outros asóciase co autismo. | |
Especialidade | Psiquiatría |
Síntomas | Discapacidade para a interacción social, discapacidade para a comunicación e intereses limitados e comportamento repetitivo |
Causas | Factores xenéticos e ambientais[1] |
Diagnóstico | Baseado en historial de desenvolvemento e comportamento[2] |
Tratamento | Intervención temperá sobre a comunicación verbal e o comportamento[3] |
Frecuencia | 24,8 millóns de persoas (2015)[4] |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A causa do autismo é unha combinación de factores xenéticos e ambientais.[1] Algúns casos están fortemente asociados con factores presentes durante o embarazo, incluíndo certas infeccións coma a rubéola e o consumo de alcohol ou cocaína.[8] O autismo afecta ó procesamento da información no cerebro alterando como se conectan e organizan as neuronas e as súas sinapses, aínda que non se coñece con exactitude como ocorre isto.[9] No manual DSM V o autismo inclúese dentro do espectro autista, ó igual que a síndrome de Asperger, que non presenta atrasos no desenvolvemento cognitivo ou de linguaxe, e co trastorno xeneralizado do desenvolvemento non especificado, que se diagnostica cando non se cumpren o conxunto de criterios para o autismo ou Asperger.[7][10]
As intervencións temperás sobre a linguaxe ou sobre o comportamento poden axudar a que os nenos con autismo melloren nas súas capacidades sociais, de comunicación e que teñan unha maior autoestima.[3] Malia que non se coñece unha cura para o autismo,[3] existen casos rexistrados de nenos que superaron este trastorno.[11] Poucos dos nenos con autismo viven de forma independente tras chegar á idade adulta, aínda que hai casos nos que os individuos acadan un alto nivel de éxito persoal e profesional.[12] Tamén se desenvolveu unha "cultura autista", na que mentres algúns individuos procuran unha cura outros cren que o autismo debería aceptarse coma unha diferenza e non tratarse coma un trastorno.[13]
A estimación global indica que o autismo afectaba a uns 24,8 millóns de persoas a data de 2015.[4] A data de 2010, o número de persoas afectadas estimábase entre o 1 e o 2 por cento en todo o mundo, e a súa ocorrencia é de entre catro e cinco veces maior nos nenos que nas nenas. No 2014 diagnosticáronse con trastornos do espectro autista a un 1,5% dos nenos nos Estados Unidos, un incremento do 30% con respecto ó ano 2012,[14][15][16] mentres que a taxa de autismo entre os adultos de máis de 18 anos de idade no Reino Unido é dun 1,1%.[17] O número de individuos diagnosticados con autismo medrou de forma dramática dende os anos 1980, en parte debido a cambios na práctica do propio diagnóstico,[16] aínda que a cuestión de se as taxas actuais medraron realmente non se considera resolta.[18]