Arquitectura bizantina
From Wikipedia, the free encyclopedia
Chámase arquitectura bizantina aquela desenvolvida polo Imperio Bizantino (así chamado como referencia a Bizancio, o antigo nome da capital imperial Constantinopla) durante a antigüidade tardía (decadencia romana) e a idade media como desenvolvemento da arquitectura romana.[1]
O estilo caracterízase polos mosaicos vitrificados e polas iconas, pinturas sacras normalmente realizadas sobre madeira, con disposición tríptica.
A arquitectura bizantina está marcada polo procesamento das varias influencias estéticas recibidas polo Imperio Bizantino. Tamén destacou no desenvolvemento da enxeñaría e de técnicas construtivas arriscadas, sendo a responsábel da difusión de novas formas e tipoloxías de cúpulas.
Os bizantinos destacaron especialmente na arquitectura relixiosa, coa igrexa de Santa Sofía, como a súa realización máis paradigmática. Foi construída en tempos do emperador Constantino en 360, mais coa idea encomendada por Xustiniano, que contratou dous matemáticos para realizaren o proxecto, Antemio de Trales e Isidoro de Mileto. Os dous sorprenderon a todos edificando unha obra que representa unha icona da arquitectura bizantina.
O edificio é unha mestura das grandes construcións romanas, como as termas de Caracalla, co clima místico das construcións orientais. A estrutura aseméllase a unha basílica romana, cunha forma rectangular. Alén da dimensión, o seu grandioso domo central, distinto do Panteón que tiña paredes circulares, e que é por primeira vez utilizado aquí, tórnase nun dos máis impresionantes puntos de interese. Catro arcos forman un cadrado que sustenta pendentes de bóvedas esféricas, que, á súa vez, apoian o inmenso domo. A base deste domo é baleirada por corenta xanelas en arco que permiten a entrada da luz, dando leveza á estrutura e ofrecendo a ilusión dun halo celestial.
Durante catrocentos anos esta cidade foi a maior do mundo e, de Rusia a Venecia, as catedrais baseáronse en Santa Sofía, considerada unha das máis belas igrexas do cristianismo.