Anel de actomiosina
From Wikipedia, the free encyclopedia
En bioloxía molecular, o anel contráctil de actomiosina é unha prominente estrutura que se forma nas células durante a citocinese e contribúe ao estrangulamento da célula.[1] Fórmase perpendicularmente ao eixe do aparato do fuso[2] contra o final da telofase, na cal as cromátides irmás se separan cara a lados opostos do fuso, onde se formarán os novos núcleos (Figura 1). A formación do anel de actomiosina segue unha secuencia ordenada de eventos: identificación do sitio de división activo, formación do anel, constrición do anel e desensamblaxe do anel.[1] Está composto de feixes das proteínas actina e miosina II, de aí o seu nome de anel de actomiosina. Este anel funciona creando un movemento contráctil,[3] aínda que o mecanismo que explica como se contrae e que desencadea a contracción aínda se está estudando.[4] Outras proteínas citoesqueléticas tamén están implicadas no mantemento e estabilidade do anel[5] e en impulsar a súa constrición.[6] Ademais da citocinese, na cal o anel se estrangula a medida que a célula se divide (Figura 2), a constrición do anel de actomiosina tamén se activa durante o peche de feridas.[7] Durante este proceso, os filamentos de actina son degradados, preservando o grosor do anel. Despois de que a citocinese se completa, unha das dúas células fillas herda un resto do anel denominado anel do corpo medio.[8]
A activación de quinases do ciclo celular (por exemplo, as quinases asociadas a Rho) durante a telofase inicia a constrición do anel de actomiosina creando un suco que migra cara ao interior da célula. As quinases Rho como ROCK1 regulan a contracción da actomiosina pola fosforilación da cadea lixeira da misosina.[9] Este mecanismo promove os contactos entre células e a súa integridade causando a adhesión celular.