Alcestis
filla de Pelias e esposa de Admeto / From Wikipedia, the free encyclopedia
Alcestis (ou Alcestes ou Alceste) foi un personaxe da mitoloxía grega, filla de Pelias[1] e de Anaxibia e dona de Admeto, un heroe que participara na expedición dos Argonautas.
A tradición di que Alcestis era irmá, emtre outros, de Acasto, e a filla de Pelias máis fermosa e piadosa[2]. Foi a única delas que non participou na morte de Pelias[3].
Pelias esixira ós pretendentes de Alcestis unha condición: que xunciran nun mesmo carro un xabaril e un león e conducir tan estraña xugada ó redor do estadio[4], algo que só puido conseguir Admeto, coa axuda do deus Apolo[5], polo que Pelias consentiu no matrimonio.
Pero o día da voda, Admeto esqueceu a Ártemis á hora de facer sacrificios ós deuses e esta, irritada, decideu vingarse provocando a morte de Admeto e, como agoiro das futuras desgrazas, encheu de serpes o tálamo nupcial[6]. Aínda que Apolo intentou acougar a ira da súa irmá e levantar a condena, só conseguiu que Hades aceptase outra ánima se alguén se ofrecía voluntariamente para morrer en lugar de Admeto, ademais de atrasar o momento da morte, o que permitiu á parella ter dous fillos.
Chegado por fin o día sinalado como último para a vida de Admeto, Hermes chegou ó palacio reclamándoo para levalo ó Tártaro[7]. Apolo acudiu en axuda do seu amigo e embriagou ás Moiras (responsables de cortar o fío da vida dos homes), conseguindo así un tempo adicional para que Admeto puidese buscar ese voluntario a morrer. Pero ninguén aceptou sacrificarse por el, nin tan sequera os seus pais, xa anciáns, que aduciron que iso non entraba entre as obrigas dos pais polos fillos e que el debía contentarse co prazo de vida que lle correspondeu.
Así ata que a esposa, Alcestis, por amor ó seu home, consentiu en morrer ela e salvar así a vida de Admeto. Deste xeito, Alcestis puido despedirse dos fillos e morrer[8]. Pero cadrou que Heracles, vello amigo de Admeto, apareceu na súa casa cando se estaban organizando os ritos funerarios[9]. Por amizade con Admeto, Heracles baixou ós Infernos e esixiu a Hades a devolución de Alcestis, que puido volver ós brazos de Admeto máis fermosa e moza que nunca; Eurípides conta que Heracles obrigou a Tánatos, personificación da Morte, a que devolvese a Alcestis, cando a estaba esperando ó pé da sepultura. Pero as tradicións máis antigas non contemplan a intervención de Heracles, senón que sería a propia Perséfone, raíña do Inframundo, a que devolvería a Alcestis á vida, conmovida pola abnegación do xesto dela[10].
Fronte a estas interpretacións mitolóxicas existe unha explicación racionalista, achegada por Plutarco. O sucedido sería unha grave enfermidade de Alcestis, da que se salvou grazas ós tratamentos impostos por un médico de nome Heracles.