Un esfínter, é unha estrutura anatómica constituída por un músculo circular ou con forma de anel que normalmente mantén a constrición dun orificio ou pasaxe natural do corpo, que se relaxa cando é necesario para o funcionamento fisiolóxico normal. Os esfínteres atópanse en moitos animais vertebrados e invertebrados, e no corpo humano existen moitos, aínda que algúns son pequenos e microscópicos, especialmente os millóns de esfínteres precapilares existentes nos capilares sanguíneos. Os esfínteres reláxanse ao morrer. O mal funcionamento dos esfínteres orixina diversos problemas como a incontinencia urinaria ou fecal ou o refluxo gastroesofáxico.