Río da Prata
O río da Prata, en castelán Río de la Plata, é un río do Cono Sur de América do Sur, formado pola xunción dos ríos Paraná e Uruguai. Pode ser dividido en dous sectores: o sector interior composto polos tramos superior e medio, que posúe pouca profundidade e está ausente de intrusión salina, e o sector exterior comprendido entre Montevideo, Punta del Este, e a baía de Samborombón, tramo de maior profundidade, e cunha importante influencia mariña, sendo un estuario do océano Atlántico. Ten unha forma triangular de 290 km de lonxitude, servindo de fronteira en toda a súa traxectoria entre a República Arxentina e a República Oriental do Uruguai. Posúe un rumbo xeral noroeste-sueste, vertendo no mar Arxentino a escorrentía da súa cunca hidrográfica máis a dos seus afluentes, que suma unha área de arredor de 3 200 000 km². Considérase tradicionalmente, en especial nos dous países das súas ribeiras, como o río máis ancho do mundo, con 220 km de ancho na súa foz.