From Wikipedia, the free encyclopedia
A presión (ou tensión) arterial (PA) é a presión exercida pola circulación do sangue nas paredes dos vasos sanguíneos, e é un dos principais sinais vitais. En cada latexo do corazón, a PA varía entre un máximo (presión sistólica) e un mínimo (presión diastólica) de presión. A PA media diminúe a medida que a circulación vai dende o corazón para as arterias, e ten a súa maior diminución nas pequenas arterias e arteriolas, e segue a diminuír a medida que o sangue se move a través dos vasos capilares e volve ó corazón polas veas. É un dos signos vitais, xunto coa frecuencia respiratoria, a frecuencia cardíaca, a oxixenación e a temperatura corporal. A presión arterial dun adulto en repouso é de arredor de 120 milímetros de mercurio (16 kPa) sistólicos, e 80 milímetros de mercurio (11 kPa) diastólicos, abreviado "120/80 mmHg".
O termo de presión arterial, xeralmente, refírese a presión medida no brazo dunha persoa, especialmente na arteria braquial, empregando un esfigmomanómetro.[1] Máis recentemente, empréganse outros métodos semiautomáticos por mor do potencial risco de intoxicación por mercurio,[2] aínda que o custo e a facilidade de uso tamén influíron nesta tendencia.[1] As alternativas anteriores ó esfigmomanómetro eran pouco exactas, pero os dispositivos modernos teñen un grao de exactitude semellante ós de mercurio.[1]
A presión do sangue está influída polo gasto cardíaco, a resistencia vascular e a rixidez arterial e varía dependendo da situación, do estado emocional, a actividade e os estado de saúde ou enfermidade. A curto prazo é regulada por barorreceptores que actúan a través do cerebro para influír nos sistemas nervioso e endócrino.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.