From Wikipedia, the free encyclopedia
Teeteto é un diálogo escrito por Platón que trata sobre a natureza do saber (a ciencia). Dentro da obra deste filósofo adoita situarse o Teeteto nun grupo de diálogos posteriores á publicación da República.[1]
Considérase o Teeteto como un dos diálogos tardíos de Platón. Existe unha gran proximidade estilística e temática entre o Teeteto e o Parménides; ambos os diálogos serían escritos en 369/368 a.C.
Sócrates refírese á ocasión na que coñeceu aos filósofos eleáticos Parménides e Zenón. Os especialistas sosteñen que este encontro é ficticio, e que a referencia só pode apuntar á situación dramática do Parménides, polo que este último diálogo sería escrito pouco antes.[2][3]
O final do Teeteto —Sócrates debe interromper o diálogo para dar conta da súa acusación, pero promete retomala ao día seguinte— dá pé para que no Sofista, o interlocutor de Sócrates recorde que se reencontran, cumprindo co acordado o día anterior.
Ademais, ambos os diálogos son protagonizados polos mesmos interlocutores (Sócrates, Teodoro de Cirene e Teeteto) aos que se engade o Estranxeiro Eléata no Sofista. Este último personaxe cobra un valor fundamental tamén no Político.
Desta maneira viuse que o mesmo Platón vincula estes catro diálogos e dá unha orde de lectura para os mesmos: 1º Parménides, 2º Teeteto, 3º Sofista e 4º Político.[2]
O diálogo comeza cunha breve introdución na que dous personaxes vinculados co círculo socrático, Euclides de Megara [4] e Terpsión, se encontran e intercambian observacións sobre unha batalla que se librara recentemente en Corinto, e sobre o destino dun dos cidadáns que participaran nela: o eminente matemático ateniense Teeteto.
A continuación, Euclides pide a un escravo que lea un manuscrito no que el rexistrara todos os detalles dunha conversa mantida entre Sócrates, o matemático Teodoro de Cirene e o seu discípulo Teeteto, daquela un mozo. Servíralle como fonte o relato do mesmo Sócrates.[5]
O resto do diálogo consiste na lectura directa deste escrito, que relata o encontro entre o filósofo e os dous matemáticos xusto o mesmo día en que o primeiro debía dar conta da acusación que se formulara contra el, e que o levaría máis tarde á morte.[6]
Omitindo as longas e importantes digresións que contén, o diálogo trata sobre a natureza do saber. Nel ensáianse tres definicións: o saber é percepción; o saber é opinión verdadeira, e o saber é opinión verdadeira acompañada dunha explicación. Sócrates termina por recoñecer que ningunha das tres definicións é adecuada, o que lle dá ao diálogo o seu carácter aporético, é dicir, que non resolve o problema que o suscitou.[7]
O problema central do diálogo xorde deste carácter, e de que non apela, para resolver a aporía, á teoría das formas, un trazo máis que vincula este diálogo con aqueles da madurez de Platón, nos que trata dita teoría de maneira crítica.[8]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.