From Wikipedia, the free encyclopedia
A segunda revolta serbia (en serbio Други српски устанак), (1815-1817), foi a segunda fase da Revolución Serbia contra o Imperio Otomán, e estourou pouco despois da reanexión do país a este Imperio, en 1813. A ocupación foi levada a cabo despois da primeira revolta serbia (1804-1813), durante a cal existiu Serbia como un estado independente de facto durante máis dunha década. O segundo levantamento trouxo consigo a semi independencia de Serbia do Imperio Otomán. Estabeleceuse o Principado de Serbia, que se rexía polo seu propio Parlamento, Constitución e a súa propia dinastía real. A independencia de iure conseguise na segunda metade do século XIX, mais esta segunda insurrección foi o comezo do estabelecemento definitivo dun Estado e un exército serbios.
A primeira revolta serbia logrou ceibar ao país do Imperio Otomán durante un tempo significativo (1804-1813). Por primeira vez en tres séculos, os serbios gobernáronse a si mesmos sen a supremacía do Imperio Otomán nin dos Habsburgo de Austria.[1]
Tras o fracaso do primeiro levantamento, a maioría dos seus mandos instigadores escaparon ao abrigo dos Habsburgo, e só uns poucos permaneceron en Serbia. Karađorđe Petrović, líder do primeiro levantamento, escapou coa súa familia. A pesar dos esforzos de Karađorđe para obter aliados entre os serbios de Austria, os serbios de Bosnia, os rusos ou de Napoleón Bonaparte, o Estado serbio rebelde foi esmagado polos otománs en 1813.
Miloš Obrenović, un dos líderes da primeira revolta, rendeuse aos turcos otománs, e foi nomeado Obor-Knez (Nez Supremo 'dirixente').[2] Stanoje Glavas tamén se rendeu aos turcos e recibiu un título de novo, mais despois foi executado cando estes comezaron a desconfiar da súa lealdade. Hadzi Prodan Gligorijević tentou un novo levantamento en 1814, pero Obrenović non o apoiou, pois considerou que non era o momento oportuno.
O levantamento de Gligorijević fracasou e este tivo que fuxir a Austria. Tras o fracaso desta revolta, os turcos responderon cunha maior persecución contra os serbios, con traballos forzados e máis impostos. En marzo de 1815, os dirixentes serbios, tras varias xuntanzas, decidiron iniciar unha nova revolta.
O Consello Nacional proclamou a revolta en Takovo o 23 de abril de 1815. O Knez Supremo Obrenović foi elixido como líder e proclamou o famoso:
Aquí estou, aquí estades. Guerra aos turcos!
Cando os otománs descubriron a nova revolta condenaron a todos os seus líderes a morte. Os serbios libraron as batallas de Ljubic, Čačak, Palež, Požarevac e Dublje e expulsaron os otománs do Paxalato de Belgrado.
A mediados de 1815, comezaron as negociacións entre Obrenović e Maraşli Ali Paşa, o gobernador otomán. Obrenović conseguiu unha forma de autonomía parcial para os serbios e, en 1816, a Sublime Porta de Turquía asinou varios documentos para a normalización das relacións entre serbios e turcos. O resultado foi o recoñecemento do Principado de Serbia polo Imperio Otomán.[2] Aínda que o principado pagaba un imposto anual a Istambul e houbo unha gornición de soldados turcos en Belgrado até 1867, Serbia era, na maioría dos asuntos, un Estado independente.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.