From Wikipedia, the free encyclopedia
O retrómero é un complexo proteico que é importante para a reciclaxe dos receptores transmembrana desde os endosomas á rede trans-Golgi.[1][2][3]
O retrómero é un complexo heteropentamérico que nos humanos está composto por un dímero de nexina seleccionador asociado a membrana menos definido (SNX1, SNX2, SNX5, SNX6), e un trímero proteico seleccionados vacuolar (Vps) que contén Vps26, Vps29, Vps35. Aínda que o dímero SNX é necesario para o recrutamento do retrómero na membrana endosómica, a función de unión do cargamento deste complexo depende do trímero central por medio da unión da subunidade Vps35 a varias moléculas do cargamento,[4] como o M6PR,[5] wntless[6] e a sortilina.[7] Os estudos iniciais sobre a selección de hidrolases ácidas como a carboxipeptidase Y (CPY) en mutantes de Saccharomyces cerevisiae levaron á identificación do retrómero como mediador do tráfico retrógrado do receptor pro-CPY (Vps10) desde os endosomas á rede trans-Golgi.[8]
O complexo retrómero está moi conservado: atopáronse homólogos no nematodo C. elegans, o rato e os humanos. O complexo retrómero consta de 5 proteínas en lévedos: Vps35p, Vps26p, Vps29p, Vps17p e Vps5p. O retrómero de mamíferos consta de Vps26, Vps29, Vps35, SNX1 e SNX2, e posiblemente SNX5 e SNX6.[9] Propúxose que actúa en dous subcomplexos: (1) complexo de recoñecemento do cargamento, que consta de Vps35, Vps29 e Vps26 (trímero Vps), e (2) dímeros SNX-BAR, que constan de SNX1 ou SNX2 e SNX5 ou SNX6, que facilitan a remodelación da membrana endosómica e da súa curvatura, o que ten como resultado a formación de túbulos ou vesículas, que transportan as moléculas do cargamento á rede trans-Golgi.
O complexo retrómero media a recuperación de varios receptores transmembrana, como o receptor de manosa 6-fosfato independente de catión, que é o receptor funcional de mamíferos correspondente ao Vps10, e o receptor de Wnt Wntless.[10] O retrómero é necesario para a reciclaxe de Kex2p e DPAP-A, que en lévedos tamén pasan ciclicamente do trans-Golgi ao compartimento prevacuolar (equivalente en lévedos ao endosoma). Tamén cómpre este complexo para a reciclaxe do receptor da superficie celular CED-1, que é necesario para a fagocitose de células apoptóticas.[11]
O retrómero desempeña un papel central na recuperación de varias proteínas de cargamento desde o endosoma á rede trans-Golgi. Porén, está claro que hai outros complexos e proteínas que actúan neste proceso de recuperación. Polo momento non está claro se outros compoñentes que foron identificados na vía de recuperación actúan co retrómero na mesma vía ou interveñen en vías alternativas. Estudos recentes implican os defectos na selección de moléculas polo retrómero na enfermidade de Alzheimer[12][13] e na enfermidade de Parkinson de comezo tardío.[14]
O retrómero tamén parece exercer un papel na replicación do virus da hepatite C.[15]
A asociación do complexo Vps35-Vps29-Vps26 aos dominios citosólicos das moléculas de cargamento en membranas endosómicas inicia a activación do tráfico retrógrado e a captura do cargamento.[16] O complexo de nucleación fórmase pola interacción do complexo VPS con Rab7 activado por GTP,[17] con clatrina, adaptadores da clatrina e varias proteínas de unión.[18]
O dímero SNX-BAR entra no complexo de nucleación por unión directa ou movemento lateral na superficie do endosoma. O aumento do nivel dos SNX-BAR do retrómero causa un cambio conformacional a un modo que induce curvatura na membrana, que inicia a formación de túbulos de membrana.[19][20] Unha vez que os transportadores do cargamento están maduros, catalízase a escisión do transportador pola dinamina-II ou a EHD1,[21] xunto coas forzas mecánicas xeradas pola polimerización da actina e a actividade motora.
O transportador do cargamento é conducido á rede trans-Golgi por proteínas motoras como a dineína. O amarre do transportador do cargamento ao compartimento receptor orixinará a eliminación da cuberta do transportador, o cal é impulsado pola hidrólise do ATP e a hidrólise de Rab7-GTP. Unha vez liberados do transportador, o complexo Vps35-Vps29-Vps26 e os dímeros SNX-BAR son reciclados de volta ás membranas endosómicas.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.