From Wikipedia, the free encyclopedia
Pob. 1280 é unha novela negra de Jim Thompson, escrita en 1964 co título orixinal en inglés de Pop. 1280 . Non foi publicada até despois da súa morte, ao igual que o resto da colección Crime Masterworks de Orion. A narración amosa o estilo experimental da ficción literaria (en oposición ao xénero de ficción), con episodios ocasionais de surrealismo.
Pob. 1280 | |
---|---|
Título orixinal | Pop. 1280 |
Autor/a | Jim Thompson |
Orixe | Estados Unidos |
Lingua | inglés |
Xénero(s) | Novela negra |
Editorial | Rinoceronte Editora |
Data de pub. | 1964 2012 |
Páxinas | 217 236 |
ISBN | ISBN 978-0-679-73249-5 ISBN 987-84-92866-39-7 |
Tradución | Eva Almazán |
[ editar datos en Wikidata ] |
O protagonista é Nick Corey, o shériff do condado de Potts, cunha poboación "de 1.280 almas" (que se verá reducida ao final da historia). Corey preséntase como un completo parvo: simple, acomodado e preguiceiro, que vive do seu soldo do condado. Vive coa súa muller Myre e o seu cuñado idiota, se ben ten como amante a Rose Hanck. Enfróntase á campaña electoral para o posto de shériff, ao que tamén se presenta Sam Gaddis.
Logo de visitar a Ken Lacey, o shériff dun condado veciño, regresa á súa vila e mata dous proxenetas da barra americana do outro lado do río. Tom Hanck (marido da súa amante) bate no tío John (un negro camorrista), e o shériff interponse, facendo quedar mal a Tom perante os seus veciños. Despois mátaos aos dous (ao marido para quedar con Rose e ao negro para que non se chivase). Fai crer a Robert Lee Jefferson (o ferreteiro da vila) que entre a veciñanza se fala mal do outro candidato. Reencóntrase con Amy, a moza coa que ía casar, e fode con ela.
Após unha analepse na que conta como coñeceu a súa muller, acompaña a Rose á súa casa, xa que é amiga da súa esposa. A vila acepta a teoría de que Tom e o negro John se mataran entre eles, e Rose dille ao shériff que tiña un seguro de vida, e que trala morte do seu marido vai ser rica, e proponlle marcharen xuntos. Despois marcha de novo onda Amy, e ela dille que mirou como mataba os dous proxenetas. Iníciase un incendio no barrio negro, como represalia pola morte de Tom, e organízase unha reunión entre os personaxes poderosos da vila. Para recuperar a confianza entre a poboación, Nick dedica todo un sábado a facer campaña para a súa reelección como shériff. Pasa a noite con Amy e ao amencer vai con Rose. O domingo pola mañá, á saída de misa, deixa quedar mal ao outro candidato.
Chega un detective para investigar a morte dun dos proxenetas. A maioría da xente pensa que foi Ken (o shériff do outro condado) quen o matou. Nick vai á de Rose seguido do seu cuñado. Este chívase á muller do shériff, que aparece na casa de Rose cunha cámara fotográfica, e obriga a Lennie a deitarse con Rose. A obra remata cunha conversa ben profunda entre Nick e Buck (o axudante do shériff Ken).
A obra está narrada en primeira persoa. Conta con aspectos autobiográficos do autor, fillo dun shériff. Conta cun estilo cómico e un léxico popular, basto e bocalán. O espazo principal é a vila rural de Pottsville, con visitas ao condado veciño, posiblemente ambos os dous do estado de Texas. Hai moita acción en espazos pechados, especialmente as vivendas de Rose, Amy e o shériff. O tempo atmosférico ten certa importancia, sendo crucial a escuridade das noites e a choiva.
O tempo histórico é 1917, durante a Revolución Rusa. O tempo narrativo dura uns dez días, amais da analepse sobre a voda. A acción inclúe episodios diúrnos e nocturnos.
A novela foi traducida ao galego por Eva Almazán e publicada en 2012 por Rinoceronte Editora. Pop. 1280 foi levada ao cine en 1981 co título de Coup de Torchon, dirixida por Bertrand Tavernier.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.