From Wikipedia, the free encyclopedia
George Orson Welles, nado en Kenosha (Wisconsin) o 6 de maio de 1915 e finado en Hollywood (California) o 10 de outubro de 1985, foi un actor, director, guionista e produtor cinematográfico estadounidense.
Fillo de Beatrice Ives e de Richard Head Welles, en 1918 participa como actor nunha representación da ópera Samson and Delilah.
Aos 18 anos, Welles comezou a traballar no teatro en Irlanda. Logo trasladouse a Nova York, onde debutou ao ano seguinte en Broadway coa representación de Romeo e Xulieta. Fundou posteriormente a compañía de teatro Mercury Theatre, coa que obtivo grande éxito. En 1938, xunto con varios colegas da súa compañía, representou por radio, na cadea CBS, unha adaptación da obra de H. G. Wells A guerra dos mundos. O realismo foi tal que a emisión causou auténtico pánico en Nova Jersey, onde segundo a obra tiña lugar a invasión dos extraterrestres. Este episodio deulle fama mundial, e levou a RKO Pictures a contratalo en 1939 con plena liberdade para escribir, producir e dirixir.
Posteriormente, Welles convenceu ao guionista Herman J. Mankiewicz para escribiren unha historia baseada na vida de William Randolph Hearst, magnate da prensa, propietario de dous importantes xornais. Tras uns retoques que el mesmo realizou no guión, Welles dirixiu a película co título de Cidadán Kane. Hearst tentou prohibir a proxección, pero estreouse en 1941 con grande éxito de crítica, aínda que non de recadación, debido ás trabas que tivo na distribución, promovidas por Hearst.
Actor prolífico, Welles a miúdo valíase do seu traballo de actor para financiar os seus proxectos como director. Foi un dos directores de maior talento da historia do cine, Cidadán Kane, no seu momento e agora, representou (e representa) un prodixio da técnica e narrativa cinematográfica. O plano secuencia inicial (unha toma ininterrompida de varios minutos) de Sede de mal amosa un dominio da posta en escena e organización dos movementos como só un cineasta da súa categoría podía conseguir. Mesmo obras menores coma O estraño presentan pegadas do seu grande talento.
En ocasións é difícil establecer a cronoloxía exacta da súa filmografía debido ás películas que iniciou e non puido rematar por falta de financiamento.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Orson Welles |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.