From Wikipedia, the free encyclopedia
A ontoxenia (tamén ontoxénese ou morfoxénese) é a formación e desenvolvemento dun organismo, xeralmente desde o momento da fecundación do óvulo ata a forma madura do organismo, aínda que o termo tamén se usa para referirse ao estudo de toda a vida do organismo.
A ontoxenia refírese á historia do desenvolvemento dun organismo durante a súa propia vida, polo que é distinta da filoxenia, que se refire á historia evolutiva dunha especie. Na práctica, os autores no campo da evolución adoitan falar de especies como trazos ou características "en desenvolvemento". Isto pode causar confusión. Aínda que os procesos de desenvolvemento (é dicir, ontoxenéticos) poden influír nos procesos posteriores evolutivos (por exemplo, os filoxenéticos)[1] (ver bioloxía evolutiva do desenvolvemento), cada organismo individualmente considerado desenvólvese (ontoxenia), mentres que as especies evolucionan (filoxenia).
A ontoxenia, a embrioloxía e a bioloxía do desenvolvemento son estudos estreitamente relacionados e estes termos úsanse ás veces de forma intercambiable. Recentemente (2003), o termo ontoxenia foi utilizado en bioloxía celular para describir o desenvolvemento de varios tipos celulares nun organismo.[2]
A ontoxenia é un fértil campo de estudo en moitas disciplinas, como a bioloxía do desenvolvemento, psicoloxía do desenvolvemento, neurociencia cognitiva do desenvolvemento e psicobioloxía do desenvolvemento.
Ontoxenia é tamén un concepto usado en antropoloxía como "o proceso por medio do cal cada un de nós encarna a historia da nosa propia construción".[3]
A maioría dos organismos sofren cambios alométricos na súa forma a medida que crecen e maduran, mentres que outros experimentan unha metamorfose. Incluso os réptiles (como por exemplo crocodilianos, tartarugas, serpes,[4] lagartos[5]), nos cales a descendencia xeralmente semella unha miniatura dos adultos, mostran diversos cambios ontoxenéticos na súa morfoloxía e fisioloxía.[6]
O termo ontoxenia úsase tamén en xeoloxía para referirse á orixe dunha formación, cova, lago etc.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.