arbusto From Wikipedia, the free encyclopedia
O mirto, mirta ou arraián (Myrtus communis) é un arbusto da familia das Myrtaceae, nativo do sueste de Europa e do norte de África. Atópase nos xardíns e naturalizado nas catro provincias galegas.
Arbusto sempre verde e recendente de até 5 m de fuste, de follaxe compacta. As follas son opostas, coriáceas, curtamente pecioladas, de bordo enteiro, ovais ou lanceoladas, de cor verde escura pola face anterior e máis clara polo revés, con glándulas oleíferas transparentes no limbo foliar. Flores brancas, solitarias sobre longos pedúnculos axilares, con cinco pétalos e cinco sépalos, moi recendentes de 1 a 2 cm de ancho. Os estames son amarelos. Florea na primavera. O froito é unha baga comestíbel arredondada de 1 a 1,5 cm de diámetro, de cor azul escura pruinosa ao madurar, acompañado do cáliz na parte superior. Ten moitas sementes, que son espalladas polos paxaros que se alimentan deles.
A miúdo cultívase coma ornamental. As follas, flores e froitos son ricos en óleo aromático empregado en perfumaría. Planta moi sonada na antigüidade, cando a consideraban símbolo do amor e mais da beleza. Con coroas de mirta honrábanse os campións olímpicos.
O mirto está moi espallado na rexión mediterránea. A outra especie semellante, o mirto do Sahara M. nivellei, restrínxese ás montañas Tassili n'Ajjer no sueste de Alxeria e mais ás Montañas do Tibesti no Chad, co status de especie ameazada. Algúns botánicos non están de acordo con que M. nivellei sexa suficientemente distinta para ser tratada como outra especie.
Na mitoloxía grega, a mirta considerábase sagrada por Afrodita. As noivas acostumaban a levar coroas de mirta nos casamentos da antiga Grecia. Ademais da extracción do óleo para a elaboración de perfumes, na illa de Sardeña, fan un licor dixestivo chamado mirto, macerando as bagas en augardente.
subsp. communis. De Macaronesia até o Paquistán.
subsp. tarentina (L.) Nyman, Consp. Fl. Eur. 2: 245 (1879). Del sur de Europa.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.