Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
O mascato do Cabo (Morus capensis, antes Sula capensis) é unha ave mariña da familia dos mascatos, Sulidae.
Mascato do Cabo | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Colonia de mascato do Cabo en Birds Island, Lamberts Bay, Suráfrica | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
Vulnerable[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Morus capensis (Lichtenstein, 1823) | |||||||||||||||
Área de distribución do mascato do Cabo |
Identifícanse doadamente polo seu gran tamaño, plumaxe negro e branco e unha distintiva coroa e parte posterior do pescozo amarelos. O peteiro amarelo claro é bicudo finamente aserrado preto da punta. O seu peteiro non ten orificios nasais externos, quizais debido á profundidade e a velocidade á que nada cando está mergullado para pescar xa que a auga se vería forzada a entrar cando se mergulla (dependendo da altitude, os mascatos bótanse en picado sobre a superficie da auga a velocidades entre 40 e 120 km/h).[2]
Cando se olla en voo é doado de identificar polo seu corpo moibranco con cola negra e primarias e secundarias negras, e peteiro escuro. Visto máis de preto o máis salientable é a súa distintiva cabeza coa parte superior e caluga amarela, que gradualmente se vai facendo branca no pescozo. Os individuos xuvenís e inmaturos son marróns escuros con peteiro claro, e poden lembrar a primeira vista a un mascato marrón (Sula leucogaster) de cor escura. Os adultos miden entre 84 e 94 cm de lonxitude e teñen unha envergadura de ás entre 171 e 185 cm e un peso arredor de 2,6 kg.
As parellas de mascato do Cabo poden permanecer xuntas durante varias tempadas. Realizan elaborados rituais de saúdo no niño, estirando os seus peteiros e pescozos cara ao ceo e chocando suavemente os seus peteiros.
Os mascatos do Cabo empezan a reproducirse en agosto e setembro. Normalmente a posta é un só ovo azulado, que axiña se lixa. Ambos os proxenitores participan activamente no proceso de incubación que dura de 42 a 46 días. Utilizan as membranas dos pés para incubar o ovo, xa que están ricamente irrigadas de vasos sanguíneos e rodean con elas o ovo.
A cría ao saír do ovo é negra, espida e cega, pesa só uns 70 g, pero en tres semanas a súa masa corporal é un terzo da dun adulto. Ás sete semanas o polo pesa máis que un adulto, e permanece así ata que empeza a emplumar aos 95 a 105 días de idade.
O mascato do Cabo pode diferenciarse do mascato australiano Morus serrator pola súa cola totalmente negra, unha banda negra máis longa baixo a garganta (desde debaixo do peteiro) e máis cantidade de negro na cara, pero todas estas características son difíciles de identificar a non ser que se estea moi próximo. O mascato do Cabo é tamén moi similar ao mascato do norte Morus bassanus (antes Sula bassana), pero este último diferénciase por ter a cola e as ás case completamente brancas, con só as puntas negras. Tamén é similar ao mascato de pés azuis Sula nebouxii e mesmo antes estaba clasificado no xénero Sula.
Os mascatos do Cabo son poderosos voadores, que utilizan principalmente a técnica do voo batido-planado, que consome máis enerxía que o planeo dinámico utilizado polos albatros. Como todos os súlidos, comen peixes que capturan mergullándose en picado desde considerable altura e acadando grandes velocidades.
A área de reprodución do mascato do Cabo está restrinxida ao sur de África en tres illas da costa de Namibia e outras tres en Suráfrica. Normalmente aniñan en grandes e densas colonias sobre illas planas ou plataformas planas da illa Mercury namibia de acusadas pendentes. A poboación mundial da especie estimouse en 1996 en 340.000 individuos, un 12% deles en Namibia e un 88% en Suráfrica. A colonia máis grande ten 140.000 individuos e encóntrase na illa Malgas, Suráfrica. Algunhas aves víronse reproducíndose en illas da costa australiana, en compañía do Morus serrator local, aínda que a especie do Cabo só estaba neses casos representada por unhas poucas parellas.[3]
A área de distribución non reprodutora é moito máis ampla e esténdese pola costa desde as augas do golfo de Guinea en África occidental, a Mozambique en África oriental. A miúdo poden verse en mar aberto a máis de 100 km da costa, e hai algúns rexistros destas aves vistas a máis de 200 km da costa nos océanos Atlántico e Índico.
O número de mascatos do Cabo nas illas namibias descendeu considerablemente entre 1956 e 2000 desde 114.600 a 18.200 parellas reprodutoras respectivamente, o que supón un descenso do 84% en menos de 50 anos. Isto contrasta coa tendencia nas illas de Suráfrica, onde as cifras multiplicáronse por 4,3 durante o mesmo período, desde 34.400 a 148.000 parellas reprodutoras. A IUCN considéraa unha especie en estado "Vulnerable".
Informouse en varias ocasións de aves errantes desta especie no Atlántico norte, pero actualmente crese que a súa identificación non está ben probada.[4] Crochet e Haas[5] examinaron o status da especie na rexión paleártica occidental. Recompilaron datos de varios avistamentos históricos que non foran aceptados polos comité de informes de aves, e analizaron o que ata o momento era o único informe que fora amplamente aceptado como auténtico, un individuo xuvenil recollido en mar aberto no Sáhara Occidental en 1966, e chegaron á conclusión que ocorrera un erro; os datos orixinais situaban esta ave no interior do Chad, e a suposta localización no mar aberto fronte ao Sáhara Occidental era o resultado dun intento de corrixir isto, situándoo nunha localización máis plausible. Unha (re)transposición da latitude e lonxitude orixinal tivo como resultado que a localización real era na costa de Namibia, o que cadra ben coa distribución invernal da especie. Como resultado recomendaron que o mascato do Cabo fose borrado da lista de aves que visitan o Paleártico occidental. Aínda así, esta ave figura na lista de aves de Galicia.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.