Mina da Silvarosa

explotación mineira de ferro en Covas, Viveiro From Wikipedia, the free encyclopedia

Mina da Silvarosa

A mina da Silvarosa foi unha antiga explotación mineira situada en Covas (Viveiro), dedicada á extracción de ferro. Funcionou desde finais do século XIX até a década de 1960, xestionada pola empresa The Vivero Iron Ore Co. Ltd. Debe o seu nome á aldea da Silvarosa.

Mina da Silvarosa, a comezos do século XX.
Cargadeiro de mineral da Insua.

Historia

A extracción de ferro na contorna para uso industrial empezou a comezos do século XIX, coa construción do primeiro alto forno de España en Sargadelos (Cervo) para a obtención de ferro coado. En 1889 Ricardo de Llano Oleaga solicitou a inscrición no Rexistro Mineiro de varios filóns situados nos concellos de Viveiro, O Vicedo e Ourol, aínda que nunca chegou a explotalos. O empresario alemán Otto Kreizner e mais o enxeñeiro Joseph Massenez fixéronse cos dereitos de explotación mineira da Silvarosa e fundaron a sociedade alemá The Vivero Iron Ore Co. Ltd., arrendataria da concesión de Kreizner e Massenez. Os traballos preparatorios da mina empezaron en 1893 baixo a dirección do enxeñeiro Frederic Staaden, e o 20 de decembro de 1899 partiu do cargadeiro da Insua o primeiro barco mercante con rumbo a Alemaña.

Ao comezo, a extracción de mineral de ferro realizábase ao descuberto, seguindo a veta. No primeiro ano de actividade lográronse extraer 104.197 toneladas, que se transportaron en 35 cargamentos. A partir de 1910 continuaron os labores, pero de maneira subterránea.

Para poder transportar o mineral de ferro desde a mina até os barcos mercantes deseñouse un sistema teleférico, construído pola compañía Adolf Bleichert & Co. de Leipzig. Este teleférico tiña unha capacidade para transportar 250 toneladas de ferro á hora.

En 1914, co estalido da primeira guerra mundial, a actividade mineira quedou paralizada. A mina adquiriuna o empresario vasco Horacio Echevarrieta, que retomou a actividade no ano 1919, mais a actividade viuse de novo interrompida en 1932 por mor da persecución política e económica a Horacio Echevarrieta por parte da Segunda República.

No ano 1951, durante a ditadura de Francisco Franco, o Instituto Nacional de Industria fíxose cos dereitos da mina, que explotou a través da Empresa Nacional Siderúrgica. O INI mantivo activa a mina até 1966, cando se decidiu abandonar a actividade, debido a que o mineral de ferro que se extraía da Silvarosa tiña numerosas impurezas.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.