dispositivo electrónico que reproduce os contidos de libros electrónicos From Wikipedia, the free encyclopedia
Un lector de libro electrónico[1][2], dispositivo de lectura para libros electrónicos ou eReader[3] é un dispositivo que permite ler a versión electrónica ou dixital dun libro. Na ficción unha das mostras máis coñecidas que se coñecen é no filme 2001: Unha odisea do espazo de 1968, no que aparecen dous astronautas lendo un xornal nun dispositivo de lectura portátil. Os primeiros dispositivos reais apareceron a mediados dos anos 80 coa popularización da informática, xa que un libro electrónico se pode ler nun PC, unha PDA, nun portátil ou en calquera outro dispositivo que teña unha pantalla. Non obstante, o libro electrónico non conseguiu desbancar o libro tradicional como sistema de lectura.
Este artigo trata sobre un dispositivo de lectura.Para os libros editados ou publicados en formato dixital véxase: Libro electrónico (homónimos).
O libro electrónico é un aparello portátil destinado primordialmente á lectura de textos nunha pantalla. Ten unha tecnoloxía baseada nos formatos e ferramentas dixitais pero moito máis simple que a dun ordenador. Está destinado a un público lector que precisa dun aparello máis lixeiro, autónomo e económico que un ordenador portátil ou un tablet pero máis cómodo e funcional que un teléfono móbil ou un teléfono intelixente. Algunhas editoriais e librarías tradicionais (libros en papel) están a desenvolver liñas específicas no sector do libro electrónico como é o caso de Amazon que comercializa o Kindle fabricado por Foxconn.
As principais características dun libro electrónico son:
Dispositivo lixeiro e de tamaño pequeno.
Visualización máis respectuosa para a vista. Por iso se fala de tinta electrónica.
Almacenamento de grandes cantidades de obras.
Ferramentas para clasificar, buscar e organizar as obras.
Facilidades para marcar e localizar as páxinas.
Posibilidade de visualización do texto en tamaños diversos.
Autonomía da batería moi superior á dun ordenador portátil clásico.
Algunhas marcas tamén posibilitan:
Orientar o formato da pantalla para ler de forma vertical ou horizontal (véxanse as imaxes á dereita).
Escoitar audios (musicais ou textuais).
Escoitar en voz textos escritos (lectura de pantalla).
Realizar anotacións.
Entre os formatos de arquivos comunmente usados para libros electrónicos, distínguense entre formatos xenéricos e formatos nativos:
Formatos xenéricos
Son formatos comúns e estandarizados:
DjVu: Pronunciado como "déjà vu" (/'deƷa'vy/). É un formato libre que se especializa en particular destaca en almacenar imaxes dixitalizadas.
EPub: Pronunciado /'ipʌb/. Un formato libre desenvolvido polo IDPF (International Digital Publishing Forum). É un XML baseado en tres estándares de código aberto (open source): Open Publication Structure (OPS), Open Packaging Format (OPF) e Open Container Format (OCF).
HTML: Pronúnciase deletreado. Formato característico das páxinas Web.
LIT: Pronunciado /lit/. É un dos formatos máis antigos, creado no 2000 para ler con Microsoft Reader, unha aplicación gratuíta que foi orixinalmente concibido para uso en PDA.
OEB: Pronúnciase deletreado. É un formato libre patrocinado polo consorcio NIST (National Institute for Standards and Technology, EUA).
OPF: Pronúnciase deletreado. Paquete de libros dixitais de código aberto OEB.
PDF: Pronúnciase deletreado. Portable Document File da compañía Adobe. Un dos formatos máis utilizados en Internet pola súa portabilidade e interpolaridade.
PRC: Pronúnciase deletreado. Baseado no estándar Open eBook usando XHTML que pode incluír JavaScript e marcos.
RTF: Pronúnciase deletreado. Rich Text Format. Creado inicialmente por Microsoft para facilitar a portabilidade entre procesadores de texto.
Formatos nativos
Os formatos nativos son aqueles que se crearon a propósito para marcas ou aparellos específicos. Pronúncianse todos eles deletreados:
AEH: Advanced Embedded Hypertext file. Baseado en XML. Empresa Arghos.
AZW: Amazon Word. É o formato creado para o lector de libros electrónicos vendido pola libraría Amazon.