From Wikipedia, the free encyclopedia
Un lahar é unha coada de barro orixinada nas pendentes dos volcáns cando capas inestables de cinzas e entullos se saturan de auga e flúen pendente abaixo seguindo os cursos dos ríos. Os lahares tamén se producen como consecuencia da interacción dos volcáns cos glaciares. Estes xéranse cando a auga da chuvia ou o xeo glaciar ou neve dun cumio funde rapidamente pola calor do volcán. A auga resultante no seu descenso pola aba incorpora grandes cantidades de cinzas, solos volcánicos e máis tarde grandes bloques e árbores. En Islandia coñécese como jökulhlaups.
Un Lahar pode carrexar unha gran cantidade de material volcánico, pero comprobouse que un lahar non necesariamente se atopa cerca dun volcán, pode presentarse onde exista unha gran cantidade de material volcánico mesturado a quilómetros de distancia. Os lahares poden ser fríos ou quentes. As coadas de barro poden moverse a máis de 50 km/h triturando, soterrando e arrastrando todo ó seu paso.
As coadas de barro compórtanse coma un fluído viscoso e de moita densidade, os lahares seguen o percorrido de menor enerxía potencial, en xeral seguindo os vales dos cursos de auga. A lama que forma o lahar ten a consistencia do betume fresco, mantendo un elevado grao de fluidez cando está en movemento, pero solidificándose e perdendo auga case instantaneamente cando se detén. Estas características reolóxicas permiten aos lahares coller unha gran velocidade de desprazamento e gran capacidade de penetración nos espazos baleiros, o que leva á rápida enchedura por material sólido de todas as cavidades que atope no seu percorrido.
A elevada densidade do fluído formado permite o transporte de grandes masas rochosas que flutúan no barro e son arrastadas a alta velocidade como se de material lixeiro se tratase. Esa propiedade dos lahares resulta o xurdimento nas paisaxes volcánicas de grandes rochas illadas, deixadas polo enfraquecemento da capacidade de transporte do lahar, normalmente pola dispersión e perda de velocidade e profundidade da lámina de barro debido ao alongamento da zona recoberta. Un exemplo notable deste feito dos lahares é a presenza de xigantescos bloques traquíticos, con cerca de 8–10 m de altura e pesando algúns millóns de toneladas, illados no plano existente na cima do lugar da Caparica, Biscoitos, na illa Terceira do Arquipélago dos Azores. Aqueles bloques foron deixados alí por un xigantesco lahar que se formou fará cerca de 25.000 anos durante a última grande erupción do Pico Alto.
O resultado da gran densidade do fluído e da súa velocidade, é que os lahares teñen un enorme poder erosivo, arrincando por abrasión grandes volumes de material xeolóxico nas zonas atravesadas, transportando e integrándose nun proceso de avalancha que permite o crecemento da masa en movemento, alimentando así o lahar.
Os lahares poden avanzar a velocidades moi elevadas, podendo, cando o declive dos terreos sexa elevado e a viscosidade sexa reducida, pasar dos 100 km/h (30 m/s).
Os Lahares poden ser xigantescos: un lahar que aconteceu hai uns 5.600 anos en Osceola, ao longo do val do río White, durante unha erupción do Monte Rainier (Estado de Washington), produciu unha camada de lodo con 180 m de profundidade e recubriu unha área de 320 km².
O lahar máis coñecido aconteceu en 1985 en Colombia durante a erupción do Nevado del Ruiz. Morreron entre 20.000 e 24.000 habitantes da vila de Armero. 200 fogares foron destruídos. Curiosamente, o alcalde realizaba unha entrevista na radio na cal expresou que había pouco perigo intres antes de que el fora sepultado pola coada de barro.
Outras coadas coñecidas aconteceron no monte St. Helens (1980) onde as coadas de barro produciron un represamento do Lago Spirit.
O gran lahar que destruíu Vila Franca do Campo na noite de 21 ao 22 de outubro de 1522, causou millares de mortos, recubriu de lama e pedras cerca de 3,5 km² de terreo.
Nas Illas Azores existen moitas centenas de formacións xeolóxicas identificadas que tiveron sido formadas por lahares, algúns recubrindo grandes áreas, como é caso do lahar que a partir da zona do Pico Rachado descendeu ao longo da Ribeira de São Roque percorrendo máis de 6 km ata ao seu fin.
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Lahar |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.