From Wikipedia, the free encyclopedia
Os labirintulomicetos (Labyrinthulomycetes segundo o ICBN, e Labyrinthulea[1] segundo o ICZN), son un grupo de protistas con categoría de clase que se caracterizan por producir unha rede de filamentos ou tubos,[2] que lles serven como vías de reptación para que escorreguen por elas as súas células e absorben nutrientes para elas e fíxanos ao substrato. Existen dous grandes grupos: labirintúlidos e traustoquítridos (Thraustochytriales). Son principalmente mariños, frecuentemente parasitos de algas e vexetación mariña (anxiospermas como as posidonias e outras) ou como descompoñedores de materia vexetal morta. Uns poucos son parasitos de invertebrados mariños.
Labirintulomicetos | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Célula cunha rede de filamentos de Aplanochytrium sp. | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
| |||||||||||
Xéneros | |||||||||||
Labyrinthulids |
Os filamentos ectoplásmicos que segregan, aínda que se proxectan fóra da célula, están rodeados pola membrana celular e saen da célula por entre os espazos que hai entre unha especie de escamas que cobren a célula. Fórmanse e conéctanse ao citoplasma por un orgánulo exclusivo chamado saxenóxeno, saxenoxenetosoma [3], saxenetosoma [4] ou botrosoma. As células son uninucleadas e tipicamente ovoides, e móvense dun lado para outro sobre a rede amorfa de filamentos a velocidades que van de 5 a 150 μm por minuto. Nos labirintúlidos as células escorregan dentro da rede de filamentos que os envolve totalmente, e nas colonias de traustoquítridos están a un lado e os filamentos parecen "raíces".
Co termo Labyrinthulomycetes/Labyrinthulea desígnase o antigo filo de fungos Labyrinthulomycota, que agora non son considerados fungos senón protistas. Inicialmente foron considerados un grupo raro de mofos mucosos (outros protistas), pero viuse que non son moi similares a eles. A estrutura das súas zoósporas e os estudos xenéticos mostraron que son un grupo primitivo de heterocontas, pero a súa clasificación e tratamento non está aínda firmemente establecido.
Esta clase ten só unha orde, Labyrinthulales (polo código botánico ICBN) ou Labyrinthulida[5] (polo código zoolóxico ICZN).
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.