Remove ads
normas da dieta xudía From Wikipedia, the free encyclopedia
Un alimento kosher é un tipo de comida propia do xudaísmo, que cumpre con certas esixencias desta relixión. As leis do kaxrut (כַּשְׁרוּת en hebreo , kašrut en hebreo estándar) ("manter o kosher", dise en hebreo: כֶּשֶׁר / כָּשֶׁר; e en hebreo estándar kéšer / kášer) son as leis dietéticas do xudaísmo. A comida de acordo coa lei xudía denomínase kóxer, da palabra hebrea kaxer (כשר), que significa "axeitado" (neste caso, para o consumo humano). A comida que non cumpre a lei xudía chámase treifah ou treif (טרפה) ("rota"); o termo orixinalmente referíase ós animais que foran mortos despois de seren feridos mortalmente por animais salvaxes e polo tanto non eran aptos para o consumo humano. Entre os sefardís, as referencias fanse exclusivamente á carne non kóxer.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde febreiro de 2015.) |
As leis básicas do kaxrut no libro da Torah están no Levítico, os seus detalles están especificados pola lei de tradición oral (a Mixnah e o Talmud) e os rabinos codificáronas despois.
Existen de feito varios niveis de kaxrut, en cuxo derradeiro banzo se esvaece entre medias do comportamento e a mesma comida. Por exemplo, a comida non kóxer pódese vender ó público xeral ou usarse para animais domésticos. Porén, o leite e a carne non poden mesturarse, mesmo aínda que o resultado da combinación se teña que tirar, deixar sen vender ou de dar ós animais.
As comidas son kosher cando cumpren tódolos requirimentos que a lei xudía lle esixe á comida. As causas do incumprimento poden variar dende a presenza de mestura entre leite e carne ó uso de produtos procedentes de Israel que non estean decimados (recaudo do 10%) convenientemente ou mesmo o uso de utensilios de cociña que fosen usados antes con comida non kosher.
As comidas adquiribles nas tendas pódense identificar coa presenza do símbolo gráfico chamado hechxer (de plural hechxerim), que indica que a comida está garantida como kosher por unha autoridade rabínica. Isto pode facerse por un só rabino pero é máis normal que sexa por unha organización.
O emblema máis habitual é o da figura Ⓤ. Procede de inscribir un U dentro dunha circunferencia, que simboliza a Unión de Congregacións Ortodoxas. Porén, moitos rabinos e organizacións, teñen a súa propia insignia e hai moitos outros símbolos.
O hechxerim de certas autoridades ás veces se considera inválido por parte doutras. Un K só se utiliza de cando en cando como símbolo de kaxrut, pero este símbolo non ten dereitos de copia (mecanismo que impide a falsificación doutros símbolos), e o único que indica que a compañía fabricante o considera kosher.
Outro xeito de comprobar o kaxrut dun produto é ler a lista de ingredientes: porén, moitos observantes do kaxrut non consideran que abonde, aínda que o certo é que pode identificar obviamente substancias non kosher presentes na comida.
Os produtores de comidas e aditivos poden contactar coas autoridades xudías para validaren o seu produto como kosher. Un comité visitará as súas instalacións para inspeccionar os métodos de produción e os contidos do produto e así expedir un certificados de que todo está en orde.
Por diferentes motivos, como mudanzas dos procesos produtivos, produtos que antes eran kosher poden perder a súa hechxer; por exemplo, o cambio dun aceite de lubricación a outro que teña sebo. A miúdo, estes cambios vixiaranse por parte do rabino ou organización supervisores para garantiren que se use unha nova embalaxe para o novo produto que non induza a pensar en ningún hechxer ou kaxrut, pero nalgúns casos as etiquetas co hechxer poden chegar ós novos alimentos non kosher. Debido a isto, hai unha dinámica moi activa na comunidade xudía para identificar os produtos que son dubidosos, así como os produtos que xa son kosher pero que aínda non portan o hechxer na etiqueta. Estas campañas mesmo poden destapar as situacións nas que un hechxer desautorizado aparece nun produto tanto accidental como deliberadamente.
Aínda existe un debate sobre as motivacións e os significados das leis sobre o kaxrut. A filosofía xudía recoñece que das 613 leis (mitsvot), unha boa parte non se poden explicar racionalmente: clasifícanse como chukim, incluíndo leis como a do número 19, o heifer vermello (probablemente base do argumento do filme "O bosque"). Hai dous puntos de vista respecto a estas leis: un afirma que as leis teñen razón pero no que a explicación final do mitsvot non está ó alcance da intelixencia humana e a outra perspectiva defenden que estas leis non serven máis que para instituíren a disciplina.
Algúns estudosos xudaicos sosteñen que estas leis dietéticas simplemente deberían clasificarse como un grupo de leis consideradas irracionais no que respecta a que non hai unha explicación particular para a súa existencia. A razón para isto é que hai certas regulamentacións divinas que a mente humana non ten por que ser capaz de entender. Relacionada con isto é a idea de que as leis dietéticas foron dadas como unha demostración da autoridade divina e que o home debería obedecelas sen buscar ningunha razón (William H. Shea (1988) Clean and Unclean Meats ("Alimentos limpos e sucios"), Biblical Research Institute).
Porén, as autoridades xudías modernas e máis clásicas rexeitan esta perspectiva, e tamén os estudosos actuais. Maimónides, por exemplo, sostén que tódalas leis dadas por Deus teñen unha razón, que á humanidade lle está permitido buscarlles as súas razóns e que debería sentirse cómoda sabendo que existen razóns racionais para tódalas leis divinas da Torah, mesmo aínda se non se sabe con seguridade cales son estes motivos. Para Maimónides, a idea de que Deus dea leis sen razón é un anatema.
Algúns xudeus que non contemplan tódalas esixencias do kaxrut aínda así cumpren con algunhas das leis: por exemplo, abstérense da carne de porco e do marisco. Hainos tamén que evitarían tomar leite con carne sen saberen porqué cumpriren con isto é tan estraño. Do mesmo xeito hainos que cumpren un certo nivel de kaxrut na casa mentres que non teñen ningún prexuízo ó comeren nun restaurante non kosher.
En inglés, o termo kosher emprégase frecuentemente cun significado metafórico para dicir "aceptable" ou "aprobado", que é o significado denotativo ou convencional en hebreo. Tamén é parte dalgúns nomes de produtos comúns: por exemplo, o sal kosher (tecnicamente "sal [que cumpre con] kaxer" é unha forma de sal que ten cristais de facetas ou lados irregulares, facendo que sexa ideal para preparar carne consonte a lei kaxrut, debido a que a alta área superficial dos cristais absorba o sangue con máis eficacia. Así mesmo, o cogombro kosher é un tipo especial de cogombro orixinario de tendas europeas orientais de ultramarinos especiais (delicatessen) cun sabor específico.
As leis de protección do consumidor en moitos sitios prohiben o uso do termo kóxer agás que se demostre que segue as leis dietéticas xudías, pero a definición varía segundo as diferentes xurisdicións e situacións. Por exemplo, nalgúns lugares a lei obriga a que un rabino certifique o kasrut mentres que noutros abonda con que o fabricante o crea. Moitos produtos embalados coa etiqueta de kóxer terían que ter certa certificación de confianza coas leis xudías, pero son os individuos os que deben definir o nivel que é axeitado para si mesmos.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Kosher |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.