lingüista alemán From Wikipedia, the free encyclopedia
Karl Brugmann, nado en Wiesbaden o 16 de marzo de 1849 e morto en Leipzig o 29 de xuño de 1919, foi un lingüista alemán. É unha das máis egrexias figuras da lingüística indoeuropea.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (de) Karl Friedrich Christian Brugmann 16 de marzo de 1849 Wiesbaden |
Morte | 29 de xuño de 1919 (70 anos) Leipzig |
Lugar de sepultura | Südfriedhof (pt) |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Alemaña |
Actividade | |
Lugar de traballo | Friburgo Leipzig |
Ocupación | lingüista , profesor universitario , historiador da lingua |
Empregador | Universidade de Leipzig, profesor universitario Universidade de Freiburg im Breisgau |
Membro de | |
Lingua | Lingua alemá |
Durante a meirande parte da súa vida profesional (1887–1919), Brugmann foi profesor de sánscrito e lingüística comparada na Universidade de Leipzig.
Xa desde novo adheriuse a emerxente escola neogramática, que afirmaba que as leis fonéticas eran inviolábeis (lei de Brugmann) e dedicouse a unha estrita metodoloxía de investigación. A fama de Brugmann reside nos dous volumes sobre fonoloxía, morfoloxía e formación de palabras cos que contribuíu ao Grundriss der vergleichenden Grammatik der indogermanischen Sprachen, en cinco volumes, publicado de 1886 a 1893. Os outros tres volumes escribiunos Berthold Delbrück que nos proporcionaron unha visión aínda non superada da sintaxe indoeuropea.
A obra de Brugmann reborda os límites que se lle asignaron, así o primeiro volume foi dividido en dúas partes. Ao separar os índices nun volume á parte, os seus dous volumes volvéronse catro.
Dándose de conta da importancia da obra de Brugmann, tres lingüistas británicos empezaron a publicaren unha tradución ao inglés dos volumes de Brugmann case simultaneamente á edición alemá, so o título Elements of the Comparative Grammar of the Indo-Germanic Languages. Nela dividiron o segundo volume de Brugmann en dúas partes, facendo un total de cinco volumes incluídos os índices.
A partir de 1897, Brugmann comezou a publicar unha revisión e expansión da súa parte do Grundriss. O volume final da segunda edición resultante publicouse en 1916.
O método de Brugmann para presentar os seus datos era radical e aínda hoxe pode sorprendernos. Na maioría dos asuntos, no canto de presentar argumentos discursivos, simplemente enumeraba os datos que lle parecían relevantes. O lector vese obrigado a establecer a súa propia opinión para os interpretar. Esta presentación totalmente empírica multiplica o tempo necesario para seguir a argumentación de Brugmann, pero converte o esforzo en moi frutífero.
A grande obra de Brugmann non partiu do nada. Está baseada na gramática indoeuropea de August Schleicher, e esta á súa vez no esforzo previo de Franz Bopp. Asemade, Brugmann estaba en contacto cos estudosos que estaban a revolucionar a lingüística indoeuropea nas linguas fillas, en particular con Christian Bartholomae para o iranio antigo, Johann Heinrich Hübschmann para o armenio e Rudolf Thurneysen para o irlandés antigo.
En 1902-1904, Brugmann publicou unha versión abreviada e levemente modificada da súa Gramática, que se segue a considerar unha obra de referencia útil por algúns, pero que non contén a riqueza de datos das versións máis amplas. Existe unha tradución francesa desta versión abreviada.
O elenco total das obras de Brugmann e moito máis longo que isto. Algunhas foron moi importantes no seu tempo e algunhas seguen mantendo o interese, pero a súa reputación radica nas dúas edicións do Grundriss. Continúan a ser indispensábeis para os indoeuropeístas e de grande interese para quen se interese na lingua.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.