From Wikipedia, the free encyclopedia
José Ortiz Echagüe, nado en Guadalaxara o 2 de agosto de 1886 e finado en Madrid o 7 de setembro de 1980, foi un enxeñeiro militar, piloto e fotógrafo español. O seu irmán, Antonio Ortiz Echagüe, foi un importante pintor de comezos do século XX. Foi tamén Xentilhome de cámara con exercicio do Rei Afonso XIII.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde febreiro de 2015.) |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 2 de agosto de 1886 Guadalaxara, España |
Morte | 7 de setembro de 1980 (94 anos) Madrid, España |
Educación | Academy of Military Engineering of Hoyo de Manzanares (Madrid) (en) |
Actividade | |
Campo de traballo | Fotografía |
Ocupación | fotógrafo, empresario, aviador, enxeñeiro, militar |
Movemento | Pictorialismo |
Carreira militar | |
Conflito | Guerra do Rif |
Familia | |
Fillos | César Ortiz-Echagüe Rubio |
Premios | |
Como enxeñeiro destaca o seu traballo no campo da aviación e o automobilismo. En 1903 ingresa na Academia de Enxeñeiros Militares de Guadalaxara, e tralo seu paso por ela serviu na unidade de globos aerostáticos na Guerra do Norte de África. Obtivo os títulos de piloto de globos e de piloto de aviación en 1911. Tralo seu regreso definitivo do Norte de África funda en 1923 Construcións Aeronáuticas S.A. (C.A.S.A.) e máis tarde, en 1950, a primeira industria española de fabricación de automóbiles en cadea, SEAT, da que será nomeado Presidente con funcións executivas ata 1976, ano en que é designado Presidente de honor vitalicio desta compañía.
No campo da fotografía artística é quizais o fotógrafo máis popular e un dos máis recoñecidos internacionalmente. En 1935 a revista American Photography considerouno un dos tres mellores fotógrafos do mundo.[1]
Algúns críticos considérano o mellor fotógrafo español ata o momento, o cal é máis meritorio porque a fotografía foi unha afección á que dedicaba intres libres, especialmente os fins de semana e durante as súas viaxes. Desde o punto de vista artístico e pola súa formación e temática poderíaselle considerar o representante da xeración do 98 na fotografía. Adóitaselle encadrar dentro da corrente fotográfica do pictorialismo, sendo o mellor representante do chamado pictorialismo fotográfico español, aínda que esta denominación non lle gustaba a Ortiz Echagüe. A súa obra fotográfica se enfoca cara á plasmación dos caracteres máis definitorios dun pobo: os seus costumes e vestimentas tradicionais e os seus lugares. Consegue expresar coas súas fotografías unha expresión persoal máis próxima á pintura, case sempre mediante efectos durante o positivado.
En 1898 regaláronlle a súa primeira cámara; desde entón e ao longo de 75 anos realizou miles de fotografías. Revelaba el mesmo os seus negativos usando unha técnica ao carbón fresson, corrente na súa mocidade aínda que pronto quedou desfasada. El usouna en toda a súa obra artística, o que daba un especial matiz aos seus positivos, así como un maior contraste, que fai que as súas obras sexan facilmente recoñecibles. A súa produción é enteiramente en branco e negro.
Tanto a fabricación do papel como o procedemento de obtención de fotografías requirían moita paciencia, unha extraordinaria habilidade e un perfecto manexo da técnica polo que, co paso dos anos e a medida que se simplificaban os procesos fotográficos, os poucos fotógrafos que o utilizaban o foron abandonando.
O papel levaba unha fina capa de xelatina á que se engadía pigmento de cor negra e facíase sensible á luz. O fotógrafo obtiña copias por contacto baseándose no principio de que nas partes da imaxe que recibían menos luz a xelatina quedaba branda e as partes de imaxe que recibían máis luz se endurecían co cal, ao lavar a copia –con auga e serraduras para producir rozamento sobre o papel- eliminábase a xelatina branda co pigmento, quedando esa zona branca e resistía a xelatina endurecida, aprisionando no seu interior o pigmento, producindo zonas negras. Deste xeito aparece a imaxe sobre o papel.
Dita imaxe, co papel aínda húmido, podía retocarse mediante pinceis, muñequillas de algodón ou raspadores o que daba ao autor unha gran liberdade creativa.
A capacidade de intervención no resultado final dunha fotografía, a maior riqueza de tons que proporciona o pigmento e a súa estabilidade eran os motivos principais de José Ortiz Echagüe para o uso deste procedemento. Con todo, non é este arcaico método o máis importante nas imaxes do autor. Sen un asunto interesante, unha boa composición, luces ben dirixidas sobre os modelos e a correcta disposición da escena, o procedemento ao carbón directo sobre papel Fresson daría lugar a copias vulgares.
El mesmo fixo unha clasificación das súas obras ao agrupalas en catro libros: Tipos y Trajes (1930), España, Pueblos y Paisajes (1939), España Mística (1943) e España, Castelos y Alcázares (1956). A estas coleccións débense engadir outras dúas series: Marruecos e fotos familiares.
Na serie de tipos y trajes contemplamos unha sociedade española de gran folclorismo, e á vez vemos retratos dunha gran profundidade humana. É difícil non sentirse impresionado por certas miradas e xestos dos tipos retratados, personaxes populares das rúas dalgún pobo español.
En España, pueblos y paisajes vemos, máis aló da mera reprodución do monumento ou da paisaxe, o contraste das terras e dos pobos.
A serie sobre España mística céntrase nas comunidades de relixiosos de clausura e en devocións populares como procesións ou romarías. Nesta serie preséntanos retratos de monxes que nos recordan aos monxes de Zurbarán ou O Greco.
Os castillos e alcázares españoles poderíanse considerar unha grupo dentro da serie sobre os pobos e paisaxes españolas, aínda que se caracterizan pola súa especial dedicación, desta serie existen moi poucos exemplares un deles en posesión do seu amigo Francisco Benito, camareiro e confidente da familia en Madrid.
A serie de Marruecos foi realizada durante a súa estancia entre 1909 e 1916 como enxeñeiro militar no entón chamado Protectorado Español de Marrocos.
As fotos familiares son retratos realizados para a súa familia, moitos deles de tan alta calidade como os anteriores.
Os méritos das súas obras son evidentes: a beleza e a maxestade das súas fotografías, a delicadeza e a sensibilidade das súas composicións, o seu respecto e afecto polos tipos tradicionais que retrata. As súas fotografías seguen causando a fascinación da época en que foron tomadas.
A súa obra reeditouse múltiples veces, e expúxose en numerosos lugares en todo o mundo. Recibiu varios premios en vida, en España e no estranxeiro.
A maior parte da súa obra está reunida no Legado Ortiz Echagüe, na Universidade de Navarra, que recolle aproximadamente 1.000 composicións orixinais realizadas segundo o método de carbón fresson, así como máis de 20.000 negativos.[2] O Museo do Traxe de Madrid, dependente do Centro de Investigación do Patrimonio Etnolóxico, posúe unha boa colección de fotografías da serie de Tipos e Traxes, adquirida en 1933.
O Metropolitan Museum of Art de Nova York, baixo o título Spectacular Spain, organizou en 1960 unha exposición antológica na que Ortiz Echagüe figurou xunto a artistas como Goya. Esta exposición recollía oitenta fotografías do autor.
En 1998 a Universidade de Navarra, titular de boa parte do fondo fotográfico de Ortiz Echagüe, baseándose na selección do Metropolitan Museum of Art organizou unha exposición antolóxica de fotografías, que abarcan uns sesenta anos de produción ata 1964. Desde 1998 esta selección percorreu diversos museos e exposicións, entre eles o Museo Nacional de Arte de Cataluña, o Hotel Sully de París, a Sala de Armas da Ciudadela de Pamplona, o Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía –neste último caso superando os 150.000 visitantes–, o Palacio do Infantado de Guadalaxara, ou a Sala Amós Salvador de Logroño.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.