exfutbolista e adestrador chileno From Wikipedia, the free encyclopedia
José Luis Sierra Pando, alcumado Coto, nado en Santiago de Chile o 5 de decembro de 1968, é un exfutbolista e adestrador chileno. Dende 2021 dirixe o Al-Tai de Arabia Saudita.
José Luis Sierra | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | José Luis Sierra Pando | ||
Nacemento | 5 de decembro de 1968 | ||
Lugar de nacemento | Santiago de Chile | ||
Altura | 1,81 m. | ||
Posición | Centrocampista | ||
Información de club | |||
Club actual | Al-Tai (ad.) | ||
Carreira xuvenil | |||
1985–1988 | Unión Española | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1988–1994 | Unión Española | 124 | (29) |
1989–1990 | → Valladolid | 3 | (0) |
1994–1995 | São Paulo | 8 | (0) |
1996–2001 | Colo-Colo | 144 | (42) |
1999 | → Tigres | 13 | (1) |
2002–2009 | Unión Española | 217 | (51) |
Total | 509 | (123) | |
Selección nacional | |||
1991–2000 | Chile | 54 | (8) |
Adestrador | |||
2010–2015 | Unión Española | ||
2015–2016 | Colo-Colo | ||
2016–2018 | Al-Ittihad | ||
2018 | Shabab Al Ahli | ||
2019 | Al-Ittihad | ||
2020–2021 | Palestino | ||
2021– | Al-Tai | ||
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Xogaba de centrocampista e desenvolveu a maior parte da súa carreira como futbolista no Unión Española. Destacou tamén no Colo-Colo, co que logrou varios títulos. Foi 54 veces internacional coa selección chilena, coa que disputou tres edicións da Copa América e a Copa do Mundo de 1998.
Como adestrador gañou o campionato chileno tanto con Unión Española como con Colo-Colo, e dirixiu varios equipos sauditas. É pai do tamén futbolista José Luis Sierra Cabrera, xogador do Unión Española.
Naceu en Santiago de Chile o 5 de decembro de 1968, sendo fillo de Domingo Sierra e Pilar Pando, inmigrantes de Galicia e Asturias respectivamente.[1] Estudou no Colexio Hispano Americano, institución educativa pertencente á Congregación dos Escolapios. Seu pai era un antigo dirixente do Unión Española e despois de ser convencido por Luis Pando, levou ao seu fillo José Luis a probalo nas divisións inferiores do club en xaneiro de 1985.
En novembro de 1988 debutou co primeiro equipo do Unión Española, da mando do adestrador Luis Santibáñez, nun partido ante o Universidad de Chile, correspondente á Copa da Fraternidade.[2][3] Marcou o seu primeiro gol oficial na primeira xornada do Campionato Nacional de 1989, contra O'Higgins en Santa Laura, no día no que debutaba na liga nacional, nun partido que acabou en derrota por 4-1.[4] Ese mesmo ano gañou o seu primeiro título, a Copa Chile, marcando un dos dous goles do seu equipo na final ante o Huachipato.[5]
Xogou en Unión Española ata decembro de 1989, cando saíu cedido ao Real Valladolid da Primeira División de España,[6] grazas ao seu bo papel en Chile e aos beneficios da súa dobre nacionalidade. Debutou nun partido ante o Rayo Vallecano, pero acabou por xogar só tres partidos co equipo valisoletano, adestrado por Pepe Moré. A continuación regresou ao Unión Española, onde se adaptou rapidamente de novo e logrou ser convocado pola selección chilena en 1991.
En 1992 e 1993 coroouse co Unión Española como campión da Copa Chile. En 1994 debutou na Copa Libertadores de América, onde completou unha campaña por riba das expectativas, eliminando ao Cruzeiro en oitavos de final, e caendo ante o São Paulo por 4-3 en cuartos de final. A pesar da derrota, espertou o interese do club paulista, que o contratou a finais de 1994.
Marcou o seu primeiro gol co São Paulo o 23 de novembro de 1994, facendo o gol da vitoria ante o Corinthians no Pacaembu.[7] Disputou tamén o Campionato Paulista, a Copa Libertadores e dúas edicións da Supercopa Suramericana,[8][9] e pechou o seu paso polo Brasil con 43 partidos e 3 goles, en pouco máis dun ano.[10]
En 1996 fichou polo Colo-Colo, co que gañou os títulos nacionais dos anos 1996, 1997 e 1998, así como a Copa Chile en 1996. Ademais chegou ás semifinais da Copa Libertadores en 1997, caendo na quenda de penaltis contra o Cruzeiro, e tamén ás semifinais da Supercopa Suramericana de 1996 e 1997.
En 1999 xogou uns meses cedido no Tigres de la UANL, na Liga Mexicana sen moito éxito. Trala quebra económica do Colo-Colo, en 2001 abandonou o club para regresar ao equipo dos seus amores: a Unión Española.
A súa segunda etapa no Unión Española durou sete anos, nos que se converteu nun dos futbolistas históricos do club, así como no seu capitán.
En 2004, baixo a dirección de Fernando Carvallo, marcou 14 goles no Torneo Apertura, a mellor marca anotadora da súa carreira. No Torneo Clausura do mesmo ano, a Unión Española logrou acceder á final do campionato, onde foi derrotada polo Cobreloa. En 2005, con Fernando Díaz como adestrador, Sierra e o seu equipo conquistaron o Torneo Apertura de Primeira División, tras derrotar ao Coquimbo Unido. Sierra foi autor do gol da vitoria no partido de volta da final no estadio Francisco Sánchez Rumoroso de Coquimbo, co que a Unión Española conquistou o seu primeiro título en 28 anos.[11] Esa mesma campaña foi elixido como o mellor futbolista chileno do ano.[12]
O 1 de abril de 2008 recibiu unha homenaxe do Consello de Presidentes da Asociación Nacional de Fútbol Profesional (ANFP), ao completar 500 partidos oficiais tralo partido disputado contra Palestino o 23 de marzo no Estadio Municipal de La Cisterna.[13][14] O 11 de febreiro de 2009 retirouse do fútbol tras perder as semifinais da Copa Chile ante o Universidad de Concepción, onde marcou de falta o seu último gol profesional.[15]
Foi 54 veces internacional coa selección chilena, coa que debutou da man de Arturo Salah en 1991, nun partido amigable ante México en Veracruz, entrando na segunda parte como substituto de Juan Carlos Vera.[16] Non volveu vestir a camisola da selección ata 1993, cando xogou contra Bolivia, marcando o seu primeiro gol. Ese mesmo ano participou na súa primeira Copa América, celebrada en Ecuador, onde disputou tres partidos e marcou un gol ante o Brasil.[17] En 1995 xogou a súa segunda Copa América, na que só contou con 45 minutos contra os Estados Unidos.[18]
Foi convocado polo seleccionador Nelson Acosta para o Mundial de 1998 en Francia, no que disputou catro partidos e marcou un gol fronte ao Camerún, cuxa portería defendía Jacques Songo'o.[19] Ao ano seguinte disputou o seu último gran torneo internacional, a Copa América 1999, na que xogou cinco partidos e marcou un gol, alcanzando as semifinais.[20] Vestiu a camiseta chilena por derradeira vez o 2 de setembro do ano 2000, nun partido de clasificación para o Mundial de 2002 diante de Colombia.[21]
O 6 de outubro de 2009 asumiu o cargo de adestrador interino do primeiro equipo da Unión Española trala dimisión de Luis Hernán Carvallo, que viña de obter sete derrotas consecutivas. Debutou ante o Rangers no estadio de Santa Laura, logrando un empate 3-3. Dirixiu un total de tres partidos, antes de deixar o equipo nas mans do uruguaio Rubén Israel. Con todo, en 2010 volveu coller as rendas do equipo trala marcha de Israel, e conseguiu clasificar o equipo para a liguiña Pre Libertadores. Nesta, derrotou o Universidad de Chile e o Audax Italiano, conseguindo o pase á Copa Libertadores. Os seus bos resultados fixeron que continuase de xeito definitivo no banco do equipo, ao que adestrou durante os seguintes cinco anos.
En 2012 acadou os oitavos de final da Copa Libertadores e perdeu a final do Torneo Clausura de Chile, caendo ante o Huachipato, que logrou remontar no partido de volta a vitoria inicial do Unión Española na ida. Finalmente, en 2013 gañou o seu primeiro título da Primeira División como adestrador, no Torneo Transición, despois de liderar a táboa durante a maior parte do campionato.[22] Dous meses despois conseguiu outro título para o seu club, ao vencer ao Universidad de Chile na disputa da Supercopa de Chile 2013. Dirixiu o equipo ata 2015.
O 18 de maio de 2015 converteuse no novo adestrador do Colo-Colo, regresando así ao club co que gañara 3 títulos de liga e unha Copa de Chile como futbolista. Na súa primeira tempada cos albos gañou o seu segundo campionato de liga, ao vencer o Torneo Apertura de 2015.
Ademais chegou á final da Copa Chile dese mesmo ano, perdendo na quenda de penaltis ante o seu máximo rival, Universidad de Chile. No Torneo Clausura de 2016 acabou subcampión por detrás de Universidad Católica, mentres que na Copa Libertadores non conseguiu pasar da primeira fase. O 6 de xullo de 2016 presentou a súa dimisión.[23]
O 28 de xullo de 2016, foi presentado como novo adestrador do Al-Ittihad de Arabia Saudita, uns días despois de que o club fichase ao tamén chileno Carlos Villanueva. Rematou a súa primeira tempada no club árabe co segundo posto na Liga Profesional Saudita e coa conquista da Copa do Príncipe Herdeiro, despois de derrotar na final ao Al Nassr por 1-0, cun gol do exipcio Kahraba. Na seguinte tempada só puido ser noveno na liga, pero sumou un novo título, ao vencer na final da Copa do Rei ao Al Faisaly.[24]
Deixou o equipo en maio de 2018, sendo substituído polo arxentino Ramón Díaz.[25]
Entre xullo de outubro de 2018 adestrou o Shabab Al-Ahli dos Emiratos Árabes Unidos, sendo destituído polos malos resultados.[26]
O 24 de febreiro de 2019 volveu ao banco do Al-Ittihad, que ocupaba o penúltimo lugar da Liga Profesional Saudita, sucedendo ao croata Slaven Bilić. Conseguiu endereitar o rumbo do equipo e salvalo do descenso, rematando finalmente na décima posición.[27] Iniciou a seguinte tempada á fronte do club saudita, pero foi destituído en novembro de 2019, despois de quedar eliminado nos cuartos de final da Liga de Campións da AFC e ocupando o oitavo lugar na liga.[28]
En novembro de 2020 regresou ao fútbol chileno para coller as rendas do Palestino trala destitución de Ivo Basay. Colleu o equipo na 15ª posición e conseguiu acabar 5º, a un só punto da clasificación para a Copa Libertadores. Con todo, os malos resultados na seguinte tempada precipitaron o seu despedimento en agosto de 2021.[29]
A finais de agosto de 2021 volveu ao Unión Española, iniciando a súa cuarta etapa no club, pero desta vez como director deportivo.[30][31] Con todo, pouco máis de dous meses despois deixou o cargo para regresar a Arabia Saudita.[32]
Instalouse na cidade de Ḥaʼil, onde se puxo á fronte do seu terceiro equipo saudita, o Al-Tai. Chegou como substituto do adestrador serbio Zoran Manojlović, co que o equipo ocupaba a última praza da táboa.[32]
Casado con Grace Cabrera, un dos seus fillos, José Luis, é tamén futbolista.[33]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.