A Declaración de Independencia dos Estados Unidos é un texto aprobado polo Congreso Continental dos Estados Unidos de América o 4 de xullo de 1776 no que se anuncia que as trece colonias que se atopaban naquel momento en guerra con Gran Bretaña pasaban a constituírse en estados independentes e deixaban, polo tanto, de formar parte do imperio británico.
Faltan ligazóns internas neste artigo ou sección. Por favor, axude wikificándoo. |
Historia e características
Redactada na súa maior parte por Thomas Jefferson, a Declaración é unha exposición formal das razóns polas que o Congreso votara a favor da independencia de Gran Bretaña o 2 de xullo, máis dun ano antes de que comezase a Revolución Americana. O nacemento dos Estados Unidos de América —Día da Independencia— celébrase o día 4 de xullo, data na que o Congreso aprobou o texto da Declaración.
Como xustificación da independencia dos Estados Unidos, o documento enumera as reivindicacións das colonias diante do rei Xurxo III e esixe o recoñecemento de certos dereitos naturais, entre os que figura o dereito a facer a revolución. Unha vez que cumpriu o seu cometido de anunciar a independencia, o texto caeu temporalmente no esquecemento tralo fin da guerra, pero foi cobrando relevancia co paso dos anos, sobre todo a súa segunda oración, que constitúe unha proclamación xeral dos dereitos humanos individuais e contén, a dicir dalgúns, “as verbas máis poderosas e importantes da historia dos Estados Unidos” [1]:
Sostemos por evidentes estas verdades: que todos os seres humanos son creados iguais; que son dotados polo seu creador de certos dereitos inalienables, entre os que se atopan a vida, a liberdade e a procura da felicidade.
Unha vez completado o texto o día 4 de xullo, o Congreso deu a coñecer a Declaración de Independencia en varios formatos. Inicialmente imprimiuse nunha folla de papel de gran tamaño que se distribuíu e leu en público. A versión mellor coñecida, unha copia asinada que está considerada como a auténtica Declaración de Independencia, está exposta nos Arquivos Nacionais en Washington, D.C. Aínda que a aprobación do texto tivo lugar o 4 de xullo, a data da súa sinatura é obxecto de controversia. Para a maioría dos historiadores, isto aconteceu case un mes máis tarde, o día 2 de agosto de 1776, e non, como se adoita crer, o mesmo 4 de xullo. As fontes e a interpretación da Declaración levan dado lugar a abundantes investigacións académicas.
A miúdo, para protexer os dereitos de individuos e grupos marxinados, apélase ás palabras máis coñecidas da Declaración, que moitos consideran hoxe como a norma moral á que deben aspirar os Estados Unidos. Así o entendía Abraham Lincoln, que consideraba este texto como a base fundamental sobre a que se asentaba a súa filosofía política e sostiña que nel están contidos os principios que deben guiar a interpretación da Constitución de 1787.
Señor, créame cando digo que non hai no imperio británico outro home que ame máis sinceramente ca min a unión con Gran Bretaña. Pero, polo Deus que me creou, prefiro deixar de existir antes ca aceptar este vínculo nos termos que propón o Parlamento Británico; e coido que nisto expreso o sentir de todos os americanos.Thomas Jefferson, 29 de novembro de 1775.
Cando se aprobou a Declaración de Independencia en xullo de 1776, as trece colonias e Gran Bretaña levaban en guerra máis dun ano. As relacións entre ambas partes comezaran a deteriorarse en 1763, trala Guerra dos Sete Anos, cando o Parlamento Británico autorizou unha serie de medidas destinadas a incrementar os tributos procedentes das colonias, co fin de que estas contribuísen a liquidar a enorme débeda contraída polo goberno durante o conflito. Entendía o Parlamento que medidas tales como a Lei Stamp de 1765 ou as Leis Townshend de 1767 eran un medio lexítimo para forzar ás colonias a asumir parte do custo que supoñía a súa permanencia no Imperio. Para moitos colonos, en cambio, dado que os seus territorios carecían de representantes no Parlamento, este non tiña dereito a esixirlles o pago de impostos.
Esta discrepancia non era máis ca unha mostra das diferenzas de maior calado en torno á interpretación das leis británicas e a autoridade que posuía o Parlamento nas colonias. Desde a Revolución Gloriosa de 1688, a visión británica máis ortodoxa sostiña que o Parlamento era a autoridade suprema en todo o Imperio, polo que calquera das súas decisións era por forza constitucional. Nas colonias entendíase, porén, que as leis da metrópole recoñecían certos dereitos fundamentais que ningún goberno —nin tampouco o Parlamento— podía conculcar. Trala aprobación das Leis Townshend, algúns intelectuais mesmo comezaron a pór en dúbida que o Parlamento tivese xurisdición algunha nas colonias. Adiantándose aos acordos sobre os que se construiría moito despois a Commonwealth británica, autores como Samuel Adams, James Wilson ou Thomas Jefferson afirmaban que o Parlamento tiña poder unicamente en Gran Bretaña, e que as colonias, que contaban coas súas propias asembleas lexislativas, estaban só conectadas co resto do Imperio a través da súa lealdade á Coroa[2].
O primeiro Congreso Continental
A cuestión da autoridade parlamentaria nas colonias derivou en crise coa aprobación das denominadas leis de restrición (restraining acts, coñecidas popularmente nas colonias como intolerable acts, é dicir, leis intolerables) en 1774 co fin de castigar á provincia de Massachusetts polo motín do té, que tivera lugar en Boston en decembro de 1773. Moitos colonos consideraban que as leis de restrición constituían unha violación das leis británicas e unha ameaza para a liberdade da América británica, polo que en setembro de 1774 convocaron na cidade de Filadelfia o primeiro Congreso Continental co fin de dar unha resposta coordinada. As medidas que alí se acordaron, un boicot aos produtos ingleses e unha petición para que o rei derrogase as leis mencionadas, non tiveron ningún efecto sobre Xurxo III nin sobre o seu primeiro ministro, Lord North, decididos a non ceder nin un ápice na cuestión da supremacía do Parlamento. O propio rei exporía por escrito ao seu ministro a súa postura en novembro de 1774: “será a forza a que decida se seguen a estar sometidos a este país ou son independentes” [3]. Coa guerra xa comezada, en abril de 1775, a maioría dos colonos aínda conservaban a esperanza de reconciliarse con Gran Bretaña, e cando o segundo congreso continental se reuniu en Filadelfia en maio, algúns delegados confiaban na independencia final pero ningún propoñía declarala aínda abertamente. Moitos consideraban que o Parlamento perdera a súa autoridade sobre eles, pero mantíñanse leais ao Xurxo III e aínda confiaban que intercedería ao seu favor. Porén, cara a finais de ano, o rei rexeitou a segunda petición do Congreso, declarou as colonias en rebelión e o 26 de outubro anunciou diante do Parlamento que mesmo prevía aceptar axuda estranxeira para reprimir a revolta. Só algúns parlamentarios advertiron de que o goberno non lles estaba deixando aos colonos máis saída que a independencia.
Cara á independencia
En xaneiro de 1776, ao tempo que os colonos se desenganaban da actitude do rei, Thomas Paine, un colono acabado de chegar de Inglaterra, publicou un panfleto titulado “Sentido común”, no que defendía a independencia e o republicanismo, fronte á monarquía e o poder hereditario. Aínda que non achegaba ideas novas e probablemente influíu pouco na postura do Congreso, tivo un enorme impacto na opinión pública e gañou moitos adeptos para a causa da independencia. A decisión do Parlamento de bloquear os portos americanos e declarar os navíos das colonias como inimigos e a confirmación de que o rei contratara mercenarios alemás para loitar contra os seus súbditos coloniais incrementaron definitivamente o apoio á causa. Malia o crecente apoio popular, o Congreso carecía de autoridade para declarar a independencia, dado que os representantes foran nomeados por trece gobernos diferentes en circunstancias moi dispares e con instrucións tamén moi diferentes, que nalgúns casos mesmo lles prohibían expresamente apoiar medidas conducentes á separación de Gran Bretaña. Os partidarios da independencia houberon de centrar a súa campaña política, entre abril e xullo de 1776, na revisión desas instrucións. Para que o Congreso puidese declarar a independencia, era necesario que unha maioría dos representantes tivese autorización para votar a favor, e polo menos unha das delegacións debería ter instrucións específicas para presentar a proposta no Congreso.
A revisión das instrucións dos representantes do Congreso
Durante a campaña pola revisión das instrucións para os representantes, moitos americanos apoiaron a independencia por medio de declaracións estatais e locais. A historiadora Pauline Maier identificou máis de noventa destes textos feitos públicos nas trece colonias entre abril e xullo de 1776[4]. Nalgúns casos tratábase de instrucións formais para os delegados, como, por exemplo, as Resolucións de Halifax, do 12 de abril, coas que Carolina do Norte se converteu no primeiro estado en autorizar o voto a favor da independencia. Outras eran acordos das asembleas lexislativas polos que se poñía fin oficialmente ao control británico en colonias concretas, como no caso de Rhode Island, o 4 de maio. Moitas eran declaracións de apoio adoptadas en consellos municipais ou comarcais. Algunhas outras, finalmente, tomaron a forma de instrucións xudiciais, como a emitida o 23 de abril polo Presidente do Tribunal Supremo William Henry Drayton, de Carolina do Sur: “a lei desta terra autorízame a declarar... que Xurxo Terceiro, rei da Gran Bretaña,...carece de autoridade sobre nós e que nós non lle debemos obediencia”[5]. Na maior parte dos casos, estas declaracións quedaron eclipsadas pola aprobada polo Congreso o 4 de xullo.
O preámbulo do 15 de maio
De acordo co procedemento habitual, o Congreso nomeou un comité para redactar un borrador do preámbulo no que se explicase a finalidade da resolución. O texto, escrito por John Adams, dicía que dado que o rei Xurxo non aceptaba a reconciliación e estaba mesmo a contratar a mercenarios para loitar contra as colonias, “é necesario suprimir por completo calquera forma de autoridade exercida ao amparo da citada coroa”. Todos entenderon o texto como unha invitación ao derrocamento dos gobernos de Pensilvania e Maryland, rexidas aínda como concesións comerciais. Tras varios días de debate, o 15 de maio o Congreso aprobou o preámbulo, a pesar do voto en contra de catro das colonias centrais e as protestas da delegación de Maryland, que abandonou a sesión. Así foi publicado o texto nas actas do Congreso Continental:
Considerando que a súa Maxestade Británica, xuntamente con os lores e os comúns de Gran Bretaña, en virtude dunha lei recente do Parlamento, excluíu aos habitantes destas Colonias Unidas da protección da súa coroa; e considerando que é pouco probable que obteñan resposta as humildes solicitudes de reparación e reconciliación con Gran Bretaña por parte destas colonias, cuxas boas xentes se verán, en cambio, sometidas a os esforzos destrutivos daquel reino, axudado por mercenarios estranxeiros; e considerando que semella de todo punto irreconciliable coa razón e a boa conciencia que as xentes destas colonias fagan os xuramentos e declaracións necesarios para apoiar a calquera goberno que se estableza baixo a coroa de Gran Bretaña, e que é necesario suprimir por completo calquera forma de autoridade exercida ao amparo da citada coroa e exercer todos os poderes de goberno baixo a autoridade da xente destas colonias, para o mantemento da paz interna, a virtude e a orde así como para a defensa das súas vidas, liberdades e propiedades fronte ás invasións hostís e a cruel depredación dos seus inimigos; resólvese, polo tanto...
A resolución de Lee e o impulso definitivo
O mesmo día no que o Congreso aprobaba o preámbulo radical de Adams, a Convención de Virxinia creaba o marco idóneo para unha declaración de independencia ao dar instrucións aos seus delegados para que elevasen “a aquel órgano respectable a proposta de que as Colonias Unidas fosen declaradas estados libres e independentes, e quedasen eximidas da lealdade e dependencia da Coroa ou o Parlamento de Gran Bretaña”.[6] Cumprindo esa orde, o 7 de xuño Richard Henry Lee someteu aos delegados un texto en tres partes, que de novo contaba co apoio de John Adams e no que se instaba ao Congreso a declarar a independencia, concertar alianzas con outros países e preparar un plan para a constitución dunha confederación colonial. No debate da moción, houbo certa resistencia por parte dalgúns que, aínda admitido a escasa probabilidade dunha reconciliación con Gran Bretaña, consideraban prematura a declaración de independencia e entendían que era máis urxente acadar apoios no exterior. Os que estaban a favor da resolución, en cambio, crían que os gobernos estranxeiros non estarían dispostos a intervir nunha disputa interna, polo que unha declaración formal de independencia era un paso previo necesario para poder contar con axuda exterior. Segundo eles, todo o que o Congreso tiña que facer era “proclamar un feito que xa era unha realidade”[7]. Os representantes de Pensilvania, Delaware, Nova Jersey, Maryland e Nova York non estaban aínda autorizados a votar a favor da independencia, polo que algúns deles ameazaron con abandonar a sesión se de aprobaba a resolución. En consecuencia, o 10 de xuño o Congreso decidiu adiar o debate durante tres semanas e encargou a un comité que, nese tempo, preparase un documento para anunciar e explicar a independencia, por se a resolución resultaba aprobada cando se retomase a súa discusión en xullo.
Durante a segunda metade do mes de xuño de 1776, a opinión favorable á declaración de independencia foise consolidando. O día 14 a asemblea de Connecticut deu instrucións aos seus delegados para que fixesen a proposta, e o día seguinte as lexislaturas de New Hampshire e Delaware autorizaron aos seus a que votasen a favor. En Pensilvania as loitas políticas provocaron a disolución da asemblea colonial e o 18 de xuño unha nova Conferencia de Comités presidida por Thomas McKean autorizou aos delegados desta colonia a declarar a independencia. O día 15, o Congreso Provincial de Nova Jersey, que iniciara o seu mandato en xaneiro, declarou que o Gobernador Real William Franklin era “un inimigo das liberdades deste país” e ordenou o seu arresto. Seis días máis tarde elixiron novos delegados e déronlles autorización para adherirse á declaración de independencia.
Para entón, quedaban só Maryland e Nova York por autorizar a independencia. Os delegados do primeiro destes territorios, tras abandonar a sesión cando se votaba o preámbulo de Adams o 15 de maio, pediron instrucións á súa Convención e recibiron orde de votar en contra. Samuel Chase acudiu a Maryland e, por medio de resolucións locais a favor da independencia, logrou que a Convención cambiase de parecer o día 28, co que xa só quedaba Nova York pendente de revisar as instrucións dos delegados. O día 8 de xuño, cando se debatía a moción pola independencia, o Congreso Provincial de Nova York indicáralles aos seus delegados que agardasen, pero xa non se volvería a reunir ata o 10 de xullo, dado que o 30 de xuño foi necesario evacuar Nova York ante o avance das tropas británicas. Como consecuencia, os delegados deste territorio non contarían con autorización para declarar a independencia ata que o Congreso xa tivese a súa decisión tomada.
O borrador final e a aprobación
Mentres as manobras políticas ían preparando o terreo para unha declaración de independencia, estábase xa a traballar nun documento explicativo. O 11 de xuño de 1776, o Congreso encargou a un comité composto por John Adams (Masachusetts), Benjamin Franklin (Pensilvania), Thomas Jefferson (Virxinia), Robert R. Livingston (Nova York) e Roger Sherman (Connecticut) que redactasen un borrador da Declaración. Dado que non hai actas das sesións deste comité e as descricións escritas anos despois por Jefferson e Adams se contradicen e non son totalmente fiables, non se sabe con certeza como foi o proceso de elaboración do documento. Con todo, parece seguro que tras un debate inicial sobre a estrutura do documento, decidiuse que fose Jefferson o encargado de facer un primeiro borrador[8]. O máis probable é que, ocupado como estaba no Congreso, Jefferson escribiu unha primeira versión en pouco tempo, consultou co resto do comité e, tras incorporar as súas suxestións, redactou unha nova versión que se presentou o 28 de xuño co título “Declaración dos Representantes dos Estados Unidos de América reunidos en Congreso Xeral”, pero o Congreso decidiu suspender o debate da moción.
Trala suspensión, o luns 1 de xullo, o Congreso transformouse nunha comisión plenaria presidida por Benjamin Harrison (Virxinia) e retomou o debate da moción de Lee a favor da independencia. John Dickinson tratou unha vez máis de atrasar a decisión, argüíndo que non se debera aprobar a declaración sen ter asegurado o apoio externo e redactados os artigos da Confederación, pero John Adams logrou que se debatese de novo a moción a favor da declaración inmediata. Oídos os discursos, cada delegación, composta por entre dous e sete representantes, emitiu un único voto, tal e como establecía o procedemento seguido habitualmente. Pensilvania e Carolina do Sur votaron en contra. A delegación de Nova York, ao non ter autorización para apoiar a independencia, decidiu absterse. Os dous representantes de Delaware non se puxeron de acordo e optaron por non emitir voto. As restantes nove delegacións votaron a favor, co que a moción resultou aprobada pola comisión plenaria e só restaba que o propio Congreso se pronunciase. Edward Rutledge (Carolina do Sur), que se opoñía á resolución de Lee pero desexaba unha decisión unánime, solicitou o adiamento da votación ata o día seguinte.
O día 2 de xullo, Carolina do Sur cambiou o seu voto e decidiu apoiar a independencia. Na delegación de Pensilvania, Dickinson e Robert Morris abstivéronse, co que o reconto pasou a ser 3 a 2 a favor. O empate na delegación de Delaware desfíxose pola oportuna chegada de Caesar Rodney, que tamén votou a favor. A delegación de Nova York abstívose de novo, dado que seguían sen contar con autorización, aínda que a recibirían unha semana despois, no Congreso Provincial. En definitiva, a moción a favor da independencia aprobouse por doce votos a favor e unha abstención, co que as colonias puxeron fin oficialmente ao seu vínculo político con Gran Bretaña. Nunha carta que escribiu á súa esposa o día seguinte, hoxe un texto moi coñecido, John Adams prognosticaba que o día 2 de xullo se convertería para os estadounidenses nunha gran festividade na que se conmemoraría o voto pola independencia. Non podía prever que todos, mesmo el, celebrarían o Día da Independencia na data na que o anuncio dese acto se consumase.
Unha vez aprobada a moción a favor da independencia, o Congreso pasou a ocuparse do borrador da declaración. O comité plenario debateuno durante varios días e, para desgusto de Jefferson, fixo varios cambios na redacción e suprimiu practicamente a cuarta parte do texto, en particular unha pasaxe crítica co tráfico de escravos. O 4 de xullo completaron a versión definitiva, que Harrison, o presidente do comité, presentou diante do Congreso cunha lectura final. O texto foi entón aprobado por unanimidade e inmediatamente enviado á imprenta para a súa publicación e posterior sinatura.
O texto da Declaración
As primeiras palabras da Declaración establecen como unha cuestión de dereito natural a capacidade das persoas de acadar a independencia política, e recoñece que as bases de tal independencia deben ser razoables e, polo tanto, explicables e explicadas.
Cando no curso dos acontecementos humanos se fai necesario para un pobo disolver os vínculos políticos que o unen a outro e ocupar entre as nacións da terra o lugar separado e igual ao que as leis da natureza e do deus desa natureza lle dan dereito, o respecto honorable polo xuízo da humanidade esixe que expoña os motivos que o levan a esa separación.
A seguinte sección, o ben coñecido preámbulo, contén os principios esenciais da Declaración. Constitúe ao mesmo tempo unha proclamación do que se coñece como “dereito á revolución”, que, en esencia, vén a dicir que cando un goberno viola certos dereitos fundamentais das persoas, estas teñen o dereito de “reformar ou abolir” ese goberno.
Sostemos por evidentes estas verdades: que todos os seres humanos son creados iguais; que son dotados polo seu creador de certos dereitos inalienables, entre os que se atopan a vida, a liberdade e a procura da felicidade; que para garantir estes dereitos se institúen os gobernos, que derivan os seus poderes lexítimos do consentimento dos gobernados; que cando unha forma de goberno se volve destrutora destes principios, o pobo ten dereito a reformala ou abolila e establecer un novo goberno fundado sobre os devanditos principios e a organizar os seus poderes do xeito que consideren máis favorable para a súa seguridade e felicidade. A prudencia, de certo, aconsellará que non se cambien por motivos leves e transitorios gobernos consolidados; e, tal e como ten demostrado a experiencia, a humanidade está máis disposta a sufrir, mentres os males resulten tolerables, ca a facerse xustiza abolindo as formas ás que están afeitos. Mais cando unha longa serie de abusos e usurpacións, dirixida invariablemente ao mesmo obxectivo, revela o designio de someter ao pobo a un despotismo absoluto, é o seu dereito e o seu deber derrocar ese goberno e procurar nova protección para a súa seguridade futura.
A seguinte sección é unha relación de acusacións contra o rei Xurxo III que pretenden demostrar que violou os dereitos dos colonos e non é, polo tanto, digno de gobernalos.
Tal foi o paciente sufrimento destas colonias; e tal é hoxe a necesidade que as forza a reformar o seus antigos sistemas de goberno. A historia do actual rei de Gran Bretaña é unha sucesión de agravios e usurpacións reiterados, encamiñados a establecer unha tiranía absoluta sobre estes estados. Como proba disto, sometemos os feitos ao xuízo dun mundo imparcial.Refusou dar o seu beneplácito ás leis máis convenientes e necesarias para o ben público.
Prohibiu aos seus gobernadores sancionar leis de inmediata e urxente necesidade a menos que se suspendese a súa aplicación ata que obtivesen o seu beneplácito, e, unha vez que se atopaban nese estado de suspensión, desatendeunas por completo.
Negouse a sancionar outras leis que regulaban a distribución de distritos dos pobos, impoñendo como condición que estes renunciasen á súa representación na asemblea lexislativa, un dereito inestimable para eles e temible só para os tiranos.
Convocou a corpos lexislativos en lugares desacostumados, incómodos e afastados do depósito dos seus rexistros públicos, co único propósito de coaccionalos a someterse ás súas medidas.
Disolveu en repetidas ocasións as cámaras de representantes, por opórense con firmeza ás súas intromisións nos dereitos do pobo.
Negouse, durante un longo período tras tales disolucións, a que se elixisen novos representantes, de tal xeito que os poderes lexislativos, a aniquilación dos cales non é posible, recaeron de novo no pobo para o seu exercicio sen límites, mentres o Estado quedaba exposto a o perigo de invasión externa ou convulsións internas.
Fixo todo o posible por obstaculizar o poboamento destes estados, poñendo trabas ás leis de naturalización de estranxeiros, negándose a sancionar outras que incentivasen a inmigración e endurecendo as condicións para a adquisición de novas terras.
Bloqueou a administración de xustiza, ao negar o seu beneplácito ás leis necesarias para establecer os poderes xudiciais.
Fixo que dependese unicamente da súa vontade a permanencia dos xuíces no seu cargo así como a súa remuneración.
Creou innumerables oficinas e enviou unha morea de funcionarios co cometido de acosar e empobrecer o noso pobo.
Mantivo entre nós, en tempos de paz, tropas armadas sen o consentimento das nosas asembleas lexislativas.
Influíu para que as autoridades militares fosen independentes do poder civil e estivesen por riba deste.
Aliouse con outros para someternos a unha xurisdición allea á nosa constitución e carente de recoñecemento nas nosas leis, dando por boas as súas accións presuntamente lexislativas:
- para acuartelar entre nós grandes continxentes de tropas armadas;
- para impedir, por medio de parodias xudiciais, que estas recibisen castigo polos crimes que cometesen contra os habitantes destes estados;
- para bloquear o noso comercio co resto do mundo;
- para impoñernos tributos sen o noso consentimento;
- para privarnos en moitos casos do beneficio dun xuízo con xurado;
- para facernos cruzar o mar para sermos xulgados por presuntos delitos;
- para abolir o sistema libre das leis inglesas nunha provincia veciña, establecendo nela un goberno arbitrario e ampliando as súas fronteiras co fin de convertela ao mesmo tempo en exemplo e en instrumento adecuado para a introdución do mesmo poder absoluto nestas colonias;
- para suprimir as nosas Cartas constitutivas, derrogar as nosas leis máis valiosas e alterar a esencia das nosas formas de goberno;
- para suspender a nosa propia lexislatura e declararse investidos do poder para lexislar por nós en todos os casos.
Abdicou do seu goberno aquí ao declararnos fóra da súa protección e iniciar unha guerra contra nós.
Polo tanto, nós, os representantes dos Estados Unidos de América, convocados en Congreso Xeral e reunidos en asemblea, apelando ao Xuíz Supremo do mundo pola rectitude das nosas intencións e no nome e pola autoridade do bo pobo destas colonias, proclamamos solemnemente que estas Colonias Unidas son, e han de ser por dereito, estados libres e independentes; que quedan libres de toda lealdade á coroa británica e que toda vinculación política entre elas e o estado de Gran Bretaña queda e ha de quedar totalmente disolta; e que, como estados libres e independentes, teñen pleno poder para declarar a guerra, firmar a paz, concertar alianzas, establecer relacións comerciais e levar a cabo todos os actos aos que teñen dereito os estados independentes. E en apoio desta declaración, confiando firmemente na protección da divina providencia, empeñamos as nosas vidas, as nosas facendas e a nosa sagrada honra.
Saqueou os nosos mares, devastou as nosas costas, incendiou as nosas cidades e destruíu as vidas das nosas xentes.
Neste intre envía cara a nós grandes exércitos de mercenarios estranxeiros para rematar a obra de morte, desolación e tiranía xa comezada cunha crueldade e perfidia apenas comparables ás das épocas máis bárbaras e totalmente impropias do líder dunha nación civilizada.
Obrigou a concidadáns nosos feitos prisioneiros en alta mar a portaren armas contra a súa propia patria e a convertérense en executores dos seus amigos e irmáns ou morreren eles mesmos a mans destes.
Alentou sublevacións entre nós, e esforzouse en lanzar sobre os habitantes das nosas fronteiras aos desapiadados indios salvaxes, cuxo coñecido método de facer a guerra consiste na destrución indiscriminada de persoas de calquera idade, sexo ou condición.
En cada etapa destas opresións pedimos reparación nos termos máis humildes, sen que as nosas solicitudes fosen respondidas máis ca con novas inxurias. Un príncipe cuxo carácter está deste xeito marcado polos actos propios dun tirano non é digno de gobernar un pobo libre.
Tampouco deixamos de dirixirnos aos nosos irmáns británicos. Advertímoslles de cando en vez dos intentos por parte da súa lexislatura de estender sobre nós unha xurisdición inxustificada. Lembrámoslles as circunstancias da nosa emigración e establecemento nestas terras. Apelamos ao seu innato sentido da xustiza e a súa magnanimidade, e conxurámolos en virtude dos nosos vínculos de parentesco a repudiar estas usurpacións, que acabarían por interromper irremediablemente as nosas relacións e correspondencia. Tampouco eles quixeron escoitar a voz da xustiza e a consanguinidade. Debemos, polo tanto, convir na necesidade de anunciar a nosa separación e consideralos, coma ao resto da humanidade, inimigos na guerra e amigos na paz.
Notas
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.