Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
As cruzadas contra os husitas implicaron as accións militares contra os partidarios de Jan Hus en Bohemia durante o período comprendido entre 1420 ata case 1434. Estes foron os primeiros combates en Europa nos que as armas portátiles de lume, como os mosquetes, tiveron unha contribución decisiva.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2019.) |
O movemento husita asumiu un carácter revolucionario dende o momento no que Jan Hus foi axustizado, en Praga, o 6 de xullo de 1415. Os cabaleiros e nobres de Bohemia, que estaban a favor da reforma da Igrexa, enviaron ao Concilio de Constanza, o 2 de setembro de 1415, unha protesta coñecida como a prostestaio Bohemorum condenando a execución de Hus coas palabras máis duras. A actitude do emperador Sexismundo foi a de enviar, á súa vez, unhas cartas a Bohemia declarando que aniquilaría de inmediato a todos os Wyclifitas e Husitas, o que enfureceu ao pobo, producíronse revoltas en diversas partes de Bohemia.
Os husitas dividíronse formando dúas faccións. Pouco tempo antes da súa morte, Hus aceptara unha doutrina adoptada, durante a súa ausencia, polos seus seguidores en Praga, denominada Ultraquismo na que era obrigado, para as súas pólas, o recibir a comuñón baixo as dúas especies. Os husitas ultraquistas tomaron como símbolo o cáliz. Ao mesmo tempo, os reformadores máis radicais negábanse a recoñecer calquera autoridade, do tipo que fora, desexando vivir exclusivamente segundo as leis da Biblia. Foron coñecidos como os Taboristas por ser a cidade de Tabor o lugar no que se achaba a súa sede.
Contrariamente ao seu irmán, Venceslau que tolerou o movemento husita, Sexismundo decidiu eliminalo. Un numeroso grupo de husitas liderados por Nicolás Hus (sen relación algunha con Jan Hus) deixou Praga. Reuníronse en diversos lugares de Bohemia, en particular en Usti, preto do lugar no que foi fundada a cidade de Tabor, atacando violentamente a Sexismundo e preparándose para a guerra.
Aínda que moitos husitas influentes abandonaran a cidade, as revoltas continuaron en Praga. O 30 de xullo de 1419, unha manifestación husita encabezada por Jan Zelivsky defenestrou aos conselleiros imperiais dende as fiestras do Concello de Praga. Esta defenestración, coñecida como a primeira Defenestración de Praga, provocou a morte de Venceslau I (debida a un infarto) e foi o comezo das hostilidades relixiosas.
A morte do rei aumentou as revoltas en Praga, ás que axiña uniuse Bohemia. Moitos católicos, a maior parte alemáns e representantes do poder imperial, foron expulsados das cidades. En Praga tiveron lugar, en novembro, moitos combates entre os husitas e os mercenarios que a raíña Sophie (viúva de Venceslau e rexente) recrutara con urxencia. Logo de destruír gran parte da cidade, os combatentes acordaron o 13 de novembro unha tregua. Os nobres que eran partidarios dos husitas e apoiaban á rexente, animaron a Sexismundo para que interviñese como mediador, mentres que os cidadáns de Praga accederon a entregar ás forzas reais o Castelo de Vysehard. Jan Zizka, que desaprobaba este compromiso, abandonou Praga e trasladouse a Plzeň. Dende aí avanzou ata o sur de Bohemia e, logo de derrotar aos católicos na batalla de Sudomer o 25 de marzo de 1420, chegou a Usti, pero sentíndose inseguro, uniuse aos combatentes de Tabor. Catro capitáns (hejtman), entre eles Zizka, foron elixidos e introduciron unha estrita disciplina militar.
Sexismundo converteuse en rei de Bohemia trala morte do seu irmán Venceslau, pero non estaba nada claro se a sucesión debía ser herditaria ou por elección. Xa que Sexismundo apoiaba á Igrexa de Roma, conseguiu a axuda do Papa Martiño V que promulgou, o 14 de maio de 1420, unha cruzada para acabar cos heréticos. Un importante exército reuniu a un gran número de príncipes e innumerables aventureiros que, atraídos pola pillaxe, viñeron de toda Europa e iniciaron o asedio de Praga o 30 de xuño, abandonándoo pouco despois. Iniciáronse entón unha serie de negociacións co fin de intentar solucionar as diferenzas relixiosas.
Sexismundo mantiña as súas fortalezas de Vysehrad e de Hradcany que, aínda que dominaban Praga, atopábanse illadas a unha da outra. Ao intentar dota-las de víveres, Sexismundo foi abatido o 1 de novembro en Pankrác, preto Praga. Bohemia quedou, de inmediato, baixo o control dos rebeldes.
As revoltas internas non permitiron aos gobernadores organizarse eficazmente. En Praga, o pai Jan Zelivsky converteuse no ditador de Tabor, o movemento igualitario (promotor da igualdade absoluta de todos ante Deus e sobre a terra, e da repartición dos bens materiais) foi reprimido por Zizka. Pouco tempo despois comezou unha nova cruzada. Un grande exército alemán invadiu e puxo sitio, en agosto de 1421, á cidade de Zatec. Os cruzados confiaban na axuda de Sexismundo, pero este estaba prisioneiro en Hungría. Ao anunciarse a chegada das tropas husitas, os cruzados fuxiron. Sexismundo non volveu a Bohemia ata últimos dese ano, tomando posesión da cidade de Kutná Hora, e sufriu unha derrota decisiva na batalla de Nemecky Brod (Deutschbrod) o 6 de xaneiro de 1422.
Jan Zelivsky foi arrestado o 9 de marzo de 1422 polo consello municipal de Praga e foi decapitado. Zizka tivo que reprimir as sublevacións de Tabor. O príncipe Sexismundo Korybutovic de Polonia foi gobernador do país durante un curto período de tempo. Pero pouco logo da súa marcha, a guerra civil estourou de novo entre os ultraquistas de Praga e os taboristas. Os taboristas ao mando de Zizka derrotaron aos ultraquista dirixidos por Cenek de Watemberg; pouco tempo despois asinouse un armisticio en Konopilt. Os rebeldes invadiron a Moravia católica na que, unha parte da poboación, era favorable ás súas crenzas.
Formouse unha nova cruzada, e Sexismundo Korybutovic, que tomara o mando das seguidores husitas trala morte de Zizka, inflinxiu unha cruel derrota aos alemáns en Usti nad Laben e despois en 1427 en Tachov, o que lle permitiu facer unha incursión en Alemaña .
O carácter fundamentalmente democrático dos husitas e as súas continuas vitorias provocaron nos príncipes dos países próximos un certo temor ante a posibilidade de que os seus súbditos adoptasen esas ideas. Por outra banda, os ultraquistas preferían consolidar as súas conquistas. As negociacións para conseguir a paz comezaron o 3 de marzo de 1431, no Concilio de Basilea. Os católicos solicitaron, ardentemente, que os representantes da Igrexa Ortodoxa e outras pólas cristiás estivesen presentes. Antes de dar o seu consentimento querían intentar un último esforzo para conseguir a paz cos husitas. O 1 de agosto de 1431, un grande exército de Frederico, conde de Brandeburgo, acompañado polo cardeal Cesarini, legado do Papa, atravesou a fronteira de Bohemia e o 14 de xullo entrou na cidade de Domazlice. Con todo, cando o husita Prokop Holy fixo acto de presenza, os cruzados emprenderon a fuxida.
O 15 de outubro, os membros do concilio enviaron unha invitación formal aos rebeldes. Unha delegación encabezada por Prokop Holy, Jan de Rokycany, o abade de Tabor Nicolao de Pelhrimov e outros, chegaron o 4 de xaneiro de 1433. As conversacións fracasaron e o 30 de maio de 1434, o conflito entre os extremistas e os moderados volveu reproducirse. O exército dos taboristas foi derrotado na batalla de Lipany, morrendo o hejtman dos ultraquistas, Prokop Holy.
Os moderados, que tomaran a dianteira, presentaron as súas demandas, que foron aceptadas o 15 de xullo de 1436 polo Vaticano logo dalgunhas emendas referentes ás posesións das ordes católicas de Jihlava. As compactata foron o resultado das negociacións, segundo as cales a Igrexa permitía aos husitas a comuñón baixo as dúas especies. Foron avalados, así mesmo, polo emperador Sexismundo, xa que constituían o único obstáculo para que fose recoñecido como rei de Bohemia polos Estados Xerais da coroa de Bohemia. As compactata recoñecían a confiscación, tralas sublevacións husitas, dos bens da Igrexa, confiscacións que foron aproveitadas pola nobreza checa e polas cidades. As peticións "democráticas" das capas menos favorecidas do pobo foron, polo xeral, desatendidas.
Os ultraquistas uníronse aos católicos ata a batalla da Montaña Branca, acontecida en 1620, e moitos deles convertéronse ao protestantismo seguindo a doutrina de Martiño Lutero e de Jean Calvin.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.