Fernando Vidal
empresario e dirixente galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Fernando Vidal Raposo, nado na Coruña o 20 de agosto de 1962, é un ex-deportista, empresario e dirixente deportivo galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 20 de agosto de 1962 (62 anos) A Coruña, España |
Presidente do Deportivo da Coruña | |
14 de xaneiro de 2020 – 2 de agosto de 2021 – Antonio Couceiro → | |
Actividade | |
Ocupación | empresario (pt) , dirixente deportivo, deportista |
Empresario dedicado á actividade portuaria, na súa xuventude foi xogador de balonmán e atleta, proclamándose en 12 ocasións campión galego de lanzamento de peso (catro en pista cuberta e oito ao aire libre). Tras a súa retirada continuou ligado ao deporte, sendo durante anos presidente do OAR A Coruña e durante algo máis dun ano entre 2020 e 2021, presidente do Deportivo da Coruña.
Traxectoria
Naceu no barrio coruñés das Atochas, sendo o menor de tres irmáns. Traballou durante anos no porto da Coruña e en 2001 converteuse no presidente de Maritime Global Service SL, unha empresa dedicada a prestar servizos á industria marítima e portuaria. Posteriormente pasou a ocupar tamén a presidencia da Asociación Española de Armadores e entrou no consello de administración de Ibaizabal Management Services.[1]
Traxectoria deportiva
Destacou no atletismo, formando parte durante unha década da sección de atletismo do Deportivo da Coruña, do que foi capitán ata a súa desaparición en 1988.[2] Proclamouse campión galego de lanzamento de peso doce veces, (catro delas en pista cuberta e oito ao aire libre, todas de xeito consecutivo) entre 1982 e 1989.[3][4]
Xogou tamén ao balonmán, pasando polo OAR A Coruña e o Xiria de Carballo, ata a súa retirada en 1994.[5][6]
Como dirixente deportivo
Anos despois volveu ao OAR como directivo e posteriormente converteuse no presidente do club. Durante a súa presidencia o equipo acadou os mellores resultados da súa historia e estivo a piques de ascender á liga ASOBAL.[7] En maio de 2007 deixou o cargo e foi nomeado presidente de honra do club.[8][9]
En xaneiro de 2014 entrou a formar parte do novo consello de administración do Deportivo da Coruña, presidido por Tino Fernández. Despois de case catro anos, presentou a súa dimisión en outubro de 2017, por diferenzas co resto do consello.[10]
En 2020 presentou a súa candidatura á presidencia do Deportivo, saíndo elixido co apoio de máis do 99% das accións representadas na Xunta de Accionistas.[11] Chegou á presidencia nun momento crítico para o club, ocupando a derradeira posición da Segunda División tras 22 xornadas. Entre as súas primeiras medidas, antes incluso de tomar posesión, estivo a contratación de Fernando Vázquez como novo adestrador.[12] Tamén chegou a un acordo con Abanca, para que dita entidade se convertese no máximo accionista do Deportivo, asumindo deste xeito a débeda que o club tiña co banco. A medida foi aprobada polos socios en xullo de 2020.[13]
No plano deportivo, o equipo tivo unha melloría inicial con Vázquez, chegando a encadear sete vitorias consecutivas, pero un mal final de tempada acabou por provocar na derradeira xornada o descenso do club á Segunda B catro décadas despois.[14] Con todo, Vidal renovou a Vázquez por outra tempada, mais Abanca acabou por pedir o despedimento do adestrador tras a xornada 8, na que o equipo perdeu contra o Celta B, a pesar de que os coruñeses ocupaban a segunda praza. Vidal defendeu o adestrador e mantívoo unha xornada máis, pero o equipo volveu caer derrotado, sendo cesado entón Fernando Vázquez e contratado como substituto Rubén de la Barrera.[15] O técnico coruñés só puido conseguir un punto nas seguintes tres xornadas, caendo varias posicións na táboa. Nese momento e a petición de Abanca, Fernando Vidal xunto ao resto do consello de administración, presentaron a súa dimisión.[16] Foi substituído por Antonio Couceiro.[17]
Vida persoal
Casou en 1993 con María Otero, neta do histórico futbolista Luis Otero, coa que tivo dous fillos.[1]
Notas
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.