Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Enrique Fuentes Quintana, nado en Carrión de los Condes (Palencia), o 13 de decembro de 1924 e finado en Madrid o 6 de xuño de 2007, foi un político e economista español, de grande influencia académica e social na segunda metade do século XX.
O seu pai, Cristóbal Fuentes Valdés, era avogado do Sindicato Católico Agrario. Estudou no colexio dos Maristas de Carrión de los Condes e marchou facer o bacharelato a Valladolid e Madrid. Comezou a carreira de Dereito na Universidade Complutense de Madrid en 1942 e dous anos despois, Económicas, coincidindo co momento de creación desta carreira. Doutorouse na Facultade de Dereito en 1948 cunha tese sobre o keynesianismo e en Ciencias Políticas e Económicas (1956) coa tese "Un ensayo de metodología económica". Nese mesmo ano consegue a cátedra de Economía Política e Facenda Pública da Universidade de Valladolid (1956-1958) e posteriormente a cátedra de Facenda Pública e Dereito Fiscal na Facultade de Ciencias Políticas, Económicas e Comerciais da Universidade Complutense de Madrid (1958-1978).
Ligado ao grupo de economistas do diario Arriba, acompañou a súa carreira universitaria co traballo na administración pública, pois foi técnico comercial do Estado desde 1951, e director do Servizo de Estudos do Ministerio de Comercio de 1958 a 1970. Durante ese período dirixiu a revista Información Comercial Española. Nese 1970 pasou a ser director do Instituto de Estudos Fiscais e director de Facenda Pública Española e doutras publicacións da devandita entidade, ata 1978.
Aínda que non ocupara cargos de relevancia política durante o franquismo Fuentes Quintana era xa amplamente coñecido pola súa obra como economista. En xuño de 1977 o rei Xoán Carlos designouno senador nas Cortes Constituíntes, e el integrouse na Agrupación Independente de senadores, un colectivo de senadores designados polo monarca de perfil máis moderado. Desas mesmas eleccións saíu o terceiro goberno da monarquía, baixo a presidencia de Adolfo Suárez, no que Fuentes Quintana foi nomeado vicepresidente segundo para Asuntos Económicos, cargo que ocupou durante menos dun ano, ata a súa dimisión o 23 de febreiro de 1978.
A primeira actuación pública de Fuentes Quintana como ministro de Economía, foi unha intervención en Televisión Española, tres días despois do seu nomeamento, en horario de máxima audiencia. A prensa fixo un gran seguimento da intervención, onde puxo de manifesto que accedera ao posto só pola delicada situación económica e social que vivía España no momento. Os principais problemas eran a inflación, o paro e o déficit exterior. Para a súa solución pedía a colaboración responsable de todos os grupos e partidos políticos. Desde o seu posto de vicepresidente económico levou a cabo o Programa de Saneamento e Reforma Económica acordado polas forzas democráticas nos Pactos da Moncloa así como unha fonda reforma fiscal. Logo da súa dimisión non se presentou a ningunhas eleccións.
Predecesor: Alfonso Osorio |
Vicepresidente Segundo do Goberno de España 1977-1978 |
Sucesor: Fernando Abril Martorell |
Predecesor: Eduardo Carriles |
Ministro de Economía de España 1977-1978 |
Sucesor: Fernando Abril Martorell |
Á súa saída da política foi catedrático de Economía Aplicada da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) (1978-1990) e profesor emérito desta mesma Universidade desde 1990 ata o seu falecemento.
Tamén foi director xeral da Fundación Fondo para a Investigación Económica e Social (FIES) das Caixas de Aforros Confederadas (1979-1995), e das revistas Papeles de Economía Española, Perspectivas de Sistema Financiero, Economía de las Comunidades Autónomas e Cuadernos de Información Económica. Foi presidente da Fundación Santa María la Real de estudos do Románico entre 1996 e 2002, e a partir dese ano presidente de honra ata o seu falecemento.
Foi nomeado doutor honoris causa polas universidades de Valladolid, Oviedo, Sevilla, Castela-A Mancha, Zaragoza, Alcalá de Henares, e Santiago de Compostela, esta última en 1996.
Entre as súas obras destacan:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.