From Wikipedia, the free encyclopedia
A Copa de Campións CONMEBOL–UEFA,[1] antes coñecida oficialmente como Copa de Nacións de Europa/América do Sur,[2] e comunmente como Copa Artemio Franchi, é unha competición oficial de fútbol a partido único organizada pola CONMEBOL e a UEFA, e disputada polos gañadores da Copa América e da Eurocopa. Organizado cada catro anos, é o equivalente de seleccións á antiga Copa Intercontinental, que enfrontaba aos clubs campións de clubs de Europa e América do Sur.[3] A competición celebrou as súas dúas primeiras edicións en 1985 e 1993, antes de ser suspendida durante case tres décadas. Foi recuperada en 2022, coa disputa da chamada Finalissima,[1] tras chegar a un acordo a CONMEBOL e a UEFA.
Tipo | competición futbolística |
---|---|
Deporte | fútbol |
Epónimo | Artemio Franchi |
Organizador | Confederación Sudamericana de Fútbol |
Número de participantes | 2 |
Localización e Datas | |
Vixencia | 1985 – |
Período de ocorrencia | 4 |
Outro | |
Páxina web oficial | uefa.com… |
Creada en 1985 como a Copa de Nacións de Europa/América do Sur, tamén foi coñecida como a "Copa Artemio Franchi" debido ao trofeo da competición, que recibiu o nome do falecido Artemio Franchi, expresidente da UEFA que morreu nun accidente de tráfico en 1983. Foi organizado conxuntamente entre a CONMEBOL e a confederación europea, funcionando como unha supercopa intercontinental. Foi concibida como o equivalente en seleccións nacionais á Copa Intercontinental de clubs, disputada entre os gañadores da Copa de Europa/Liga de Campións da UEFA e da Copa Libertadores.[4] Debía disputarse cada catro anos, alternando a sede entre Europa e América do Sur. Xogouse por primeira vez en 1985, entre a gañadora da Eurocopa de 1984, Francia, e a gañadora da Copa América 1983, Uruguai. Francia acolleu o partido no Parc des Princes de París e gañou 2-0, con goles de Dominique Rocheteau e José Touré. A edición de 1989 non chegou a disputarse, xa que a selección dos Países Baixos (gañadora da Eurocopa de 1988) e a do Uruguai (gañadora da Copa América 1987) non conseguiron acordar unha data para o partido. A seguinte edición tivo lugar en 1993 entre os gañadores da Copa América 1991, Arxentina, e os vencedores da Eurocopa de 1992, Dinamarca. A Arxentina acolleu o partido no Estadio José María Minella de Mar del Plata e gañou 5-4 na quenda de penaltis, despois de que na prórroga se mantivese o empate a un gol. A competición quedou suprimida despois de dita edición.[5]
A Copa Artemio Franchi está considerada como a precursora da Copa do Rei Fahd/Copa Confederacións da FIFA, disputada por primeira vez en 1992 e organizada pola FIFA desde a súa terceira edición en 1997.[6][7][8] A competición contaba cos campións dos campionatos continentais e da Copa do Mundo.[3] Trala edición de 2017, a FIFA anunciou a eliminación do torneo.[9]
O 12 de febreiro de 2020, a UEFA e a CONMEBOL asinaron un novo memorando de entendemento, co obxectivo de mellorar a cooperación entre as dúas organizacións. Como parte do acordo, unha comisión mixta da UEFA e da CONMEBOL examinou a posibilidade de organizar partidos intercontinentais entre Europa e América do Sur, tanto para o fútbol masculino como para o feminino e entre varios grupos de idade.[10] O 28 de setembro de 2021, a UEFA e a CONMEBOL confirmaron que os gañadores da Eurocopa e da Copa América se enfrontarían nun partido intercontinental, cun acordo que abarcaría inicialmente tres edicións a partir de 2022. O 15 de decembro de 2021, a UEFA e a CONMEBOL asinaron de novo un memorando de entendemento renovado ata 2028, que incluía disposicións específicas sobre a apertura dunha oficina conxunta en Londres e a posible organización de varios eventos de fútbol. Confirmouse que o partido tería lugar no estadio de Wembley de Londres o 1 de xuño de 2022.[11][12] Ademais anunciouse que o novo nome da Copa Artemio Franchi sería "Copa de Campións CONMEBOL–UEFA".[1]
A primeira edición do torneo na súa nova etapa foi coñecido como a Finalissima 2022 e enfrontou ao campión da Eurocopa 2020 (celebrada en 2021), Italia, e o gañador da Copa América 2021, a Arxentina, no estadio de Wembley de Londres, Inglaterra.[13] A Arxentina gañou o partido por 3-0, facéndose co seu segundo título.[14]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.