Remove ads
Argentina From Wikipedia, the free encyclopedia
Os centros clandestinos de detención ou CCD foron as instalacións secretas empregadas polas forzas armadas e de seguridade para executar o plan sistemático de desaparición de persoas da ditadura autodenominada Proceso de Reorganización Nacional na Arxentina.
As Forzas Armadas clasificaban os CCD en dous tipos:
O plan do goberno de facto, que exerceu o poder na Arxentina entre o 24 de marzo de 1976 e o 10 de decembro de 1983, formaba parte das operacións de contrainsurxencia clandestinas, comezadas poucos anos antes, no marco do Operativo Independencia, para eliminar a disidencia política. Operativos similares leváronse a cabo noutros países da rexión, co apoio expreso do goberno dos Estados Unidos, interesado en promover a toda costa o control do comunismo e outras correntes ideolóxicas opostas ao seu bando na guerra fría.
Os primeiros CCD foron instalados en 1975, antes do golpe militar do 24 de marzo de 1976. Nese ano xa estaban en funcionamento la Escuelita en Faimallá (Tucumán) e Campito (Provincia de Buenos Aires). Tamén en 1975 funcionou un CCD na planta da empresa Acindar en Villa Constitución, presidida por José Alfredo Martínez de Hoz, como parte da estrutura represiva organizada para conter a folga declarada polo sindicato UOM en maio dese ano[1].
En 1976 chegaron a existir 610 CCD, pero moitos deles foron temporais e circunstanciais. Logo dos primeiros meses posteriores ao golpe de estado, a cifra estabilizouse en 364 CCD. En 1977 a cantidade reduciuse a 60. En 1978 hai 45 CCD, e para 1979 os centros chegaron a 7. En 1980 quedaban dous: a ESMA e o Campito (Campo de Mayo). En 1982 e 1983 a ESMA era o único campo de concentración que seguía sendo utilizado[2].
En Buenos Aires houbo 60 centros, na provincia de Córdoba 59 e na Santa Fe 22.
Cinco grandes centros foron o eixe de todo o sistema: a ESMA e o Club Atlético na Cidade de Buenos Aires; o Campito (Campo de Mayo) e El Vesubio no Gran Buenos Aires (Provincia de Buenos Aires); e La Perla (centro de detención) en Córdoba.
A pesar das súas diferenzas, os CCD foron organizados cunha estrutura e un réxime de funcionamento similar. Todos os CCD contaban cunha ou máis sás de torturas, amplos espazos para manter aos desaparecidos sempre en condicións de gran precariedade, e un centro de vivendas para os torturadores e gardas. Case todos tiñan algún tipo de servizo médico. Nalgúns casos houbo servizos relixiosos permanentes para o persoal militar.
Os Grupos de Tarea (GT, tamén coñecidos como "patotas") estaban encargados de realizar os secuestros, xeralmente de noite. Inmediatamente os detidos-desaparecidos eran levados ao CCD correspondente, onde permanecían constantemente encapuchados e esposados. Inmediatamente eran severamente torturados e interrogados polos mesmos integrantes dos GT. O tempo deste período inicial de tortura variaba considerabelmente, malia en termos xerais pode dicirse que oscilaba entre un e dous meses. Con posterioridade a ese período inicial de tortura-interrogatorio, dispoñíase:
Durante a súa permanencia no CCD procedíase sistematicamente á deshumanización dos detidos-desaparecidos mediante diversos procedementos: substitución do nome por un número, violacións, animalización, humillación, amoreamento, condicións intolerábeis de aloxamento, nudez forzada, racismo, antisemitismo, homofobia etc.
Tamén existiu unha política e un procedemento común para as detidas-desaparecidas que se atopaban embarazadas. Nese caso postergábase o asasinato e producíase un parto clandestino con supresión da identidade do bebé quen era entregado para a súa crianza a persoas intimamente vinculadas ao sistema represivo, e nalgúns casos partícipes do asasinato do pai e/ou nai biolóxico. Malia que este feito é aínda discutido, xa que os rexistros oficiais só amosan a existencia de 12 casos, dos que 2 só son militares. Sen considerar os aproximadamente 500 casos en que foron nenos entregados ao sistema legal para ser devoltos aos seus respectivos familiares. Incluso as avoas de Praza de Maio, no seu último libro, non falan de máis de 60 casos, dos cales infiren responsabilidade directa só a 6 casos.
O centro clandestino de detención máis famoso e case emblemático do Proceso foi a Escuela Superior de Mecánica de la Armada (ESMA). Situado no casino de oficiais desa institución da Armada Arxentina, na zona norte da Cidade de Buenos Aires (Núñez), sobre a Avenida do Libertador ao 8200 (34°32′S 58°27′O), funcionou desde marzo de 1976 a novembro de 1983.
Dependía en última instancia do almirante Eduardo Massera, e estivo directamente a cargo do Grupo de Tareas 3.3/2, dirixido polo contraalmirante Rubén Chamorro e o capitán o Tigre Acosta. Outros soados represores que formaron parte do mesmo foron Alfredo Astiz, Ricardo Miguel Cavallo e Adolfo Scilingo; o presbítero Alberto Ángel Zanchetta foi capelán da ESMA durante 1977.
A ESMA converteuse na base do poder político da Mariña e en particular de Massera; foi clausurado en novembro de 1983, logo das eleccións nas que gañou Raúl Alfonsín e poucos días antes de que asumisen as autoridades constitucionais.
O 24 de marzo de 2004 o presidente Néstor Kirchner e o Xefe de Goberno da Cidade de Buenos Aires Aníbal Ibarra asinaron un "Acordo entre o Estado nacional e a Cidade Autónoma de Buenos Aires para a construción do espazo para a memoria e para a promoción e defensa dos dereitos humanos no predio da ESMA" que quedou rexistrado baixo o Nº 8/04. A decisión foi anunciada nun acto masivo, no que se abriron as portas de Escuela de Mecánica de la Armada.
"El Olimpo" foi un centro clandestino de detención situado no oeste da cidade de Buenos Aires, barrio de Floresta entre as rúas Olivera, Ramón Falcón, Lacarra, Fernández e Rafaela (34°38′S 58°29′O). O centro tiña na entrada un cartel que dicía "Bienvenido al Olimpo de los Dioses. Los Centuriones". O centro só funcionou durante seis meses, de agosto de 1978 a xaneiro de 1979, porén alí foron aloxados 700 detidos dos cales sobreviviron 50[3].
Este centro clandestino dependía de Guillermo Suárez Mason (alcumado o carnicero do Olimpo), comandante do I Corpo do Exército Arxentino. O responsábel do campo foi o Maior do Exército Guillermo Minicucci, e del dependían tamén oficiais da Policía Federal Arxentina como Julio Simón (alcumado "o Turco Julián") e Juan Antonio del Cerro alcumado "Colores").
O edificio utilizábase como terminal de autobuses, ata que nos comezos do Proceso de Reorganización Nacional foi expropiado polas Forzas Armadas. A principios de 1978 construíronse as celas para aloxar aos detidos, as cales foron construídas por detidos que foron trasladados desde outros centros.
O CCD tiña 4 fileiras de 20 celas cada unha, con argolas de ferro nas paredes para suxeitar aos prisioneiros. Existía unha sala de garda, o casino dos suboficiais, as habitacións onde durmirían os carcereiros, latrinas, un lavadoiro, unha zona de duchas, e un almacén no que se depositaban as neveiras e televisores roubados durante as operacións de secuestro. As instalacións incluían dúas sás de tortura, con cablaxe eléctrica reforzada.
Coa chegada da democracia o edificio pasou a mans da Policía Federal Arxentina, e foi convertido nun centro de verificación automotor. O predio foi declarado sitio histórico mediante a Lei 1197 da Lexislatura da Cidade de Buenos Aires, e en xuño de 2005 foi traspasado ao Goberno da Cidade de Buenos Aires en cumprimento do acordo asinado entre o Presidente Néstor Kirchner e o Xefe de Goberno Anibal Ibarra o 4 de outubro de 2004[4]. En 2006, o Goberno da Cidade de Buenos Aires xunto con organizacións veciñais e de dereitos humanos avaliaron o futuro uso do predio. En 1999 realizouse unha película co nome de "Garage Olimpo", dirixida por Marco Bechis[5].
"El Club Atlético", El Club o El Atlético foi un centro clandestino de detención situado no sur da cidade de Buenos Aires, próximo ao barrio de La Boca na Avenida Paseo Colón 1200. Recibiu ese nome por estar situado nas proximidades do Club Atlético Boca Juniors.
Tratábase dun edificio público que foi demolido para construír a autoestrada 25 de Maio. Con posterioridade atopáronse as súas ruínas e o Goberno de Buenos Aires comezou a realizar as escavacións necesarias para recuperalo como espazo de memoria.
A La escuelita de Famaillá correspondeulle o triste privilexio de constituírse no iniciador da experiencia dos campos de concentración no país.
En febreiro de 1975, coa posta en marcha do "Operativo Independencia", aséntase na localidade de Famaillá un centro clandestino de detención a cuxo cargo atópase primeiramente o xeneral Acdel Vilas, e do que logo se faría cargo o xeneral Antonio Domingo Bussi. Desde ese momento ata a data do golpe militar do ano 1976 funcionou nunha escola que se atopaba en construción na cidade de Famaillá.
O Campito foi o principal campo de concentración utilizado polo exército. Tamén era coñecido como "Los Tordos". Funcionou en Campo de Mayo (San Miguel (partido), Gran Buenos Aires, Provincia de Buenos Aires), a máis importante guarnición militar da Arxentina entre 1975 e 1982. Por alí pasaron uns 5.000 detidos. Só 43 sobreviviron.
Campo de Mayo é unha enorme área militar de 5000 ha, a 30 km do centro da Cidade de Buenos Aires. Situado preto das cidades de San Miguel e Villa Mayo, na zona onde se cruzan a Ruta Nacional 8 e a Ruta Provincial 202 (34°32′S 58°40′O), que o bordean. No Hospital Militar de Campo de Mayo funcionou un sistema de partos clandestinos.
En Campo de Mayo, de marzo de 1976 a 1980 funcionaron catro CCD: o Campito, "la Casita" ou "las Casitas", a Prisión Militar de Procesadoos, e o Hospital Militar.
O centro estivo baixo a área de mando do Comando de Institutos Militares, que na época do seu funcionamento estivo a cargo dos xenerais Santiago Omar Riveros, José Montes, Cristino Nicolaides e Reynaldo Benito Bignone. O Campito estivo dirixido directamente polo tenente coronel Jorge Vosso, en tanto que o maior médico Julio César Caserotto foi xefe do servizo de Maternidade do Hospital Militar.
O Hospital Militar de Campo de Mayo foi detectado como un dos centros en que se realizaban partos clandestinos de prisioneiras, para proceder logo ao secuestro dos nenos, a supresión da súa identidade e a entrega dos mesmos, usualmente a matrimonios integrados por militares que non podían ter fillos. En moitos casos os "pais adoptivos" foron partícipes dos asasinatos dos pais e nais biolóxicos dos nenos.
Un dos represores do "Campito", o ex sarxento Víctor Ibáñez, confesou e describiu amplamente as súas características. O seu testemuño atópase recollido no libro Campo Santo, de Fernando Almirón (1999). Nunha parte do libro Ibáñez dice:
Cuando entré al lugar, lo primero que me golpeó fue la imagen de toda esa gente así, encerrada ahí adentro. Los colchones, tirados sobre el piso de baldosas rojas, con las cabeceras apoyadas contra las paredes. Uno al lado del otro, en una hilera que daba toda la vuelta a lo largo del galpón. Todas las ventanas estaban tapadas con mantas verdes que no dejaban entrar la luz del sol. Las lámparas estaban siempre encendidas, nunca se sabía cuándo era de día y cuándo de noche (1). Arriba de cada uno de esos colchones de lana viejos, de cotín rayado, estaban sentados los detenidos. Encapuchados, con las manos atadas por delante con una soga y en absoluto silencio.(Almirón 1999)
A partir do establecemento da democracia en 1983, presentáronse proxectos para establecer alí un polo industrial, crear centros de estudos terciarios e universitarios, mantelo como reserva ecolóxica etc.
El Vesubio foi un centro clandestino de detención utilizado polo Exército que estaba situado no Gran Buenos Aires, na localidade de La Tablada (Partido da Matanza), cerca do cruzamento do Camiño de Cintura coa Autoestrada Riccheri que leva ao Aeroporto Internacional Ministro Pistarini, nun terreo do Servizo Penitenciario Federal. "Empresa El Vesubio" era o nome clave que utilizaban para referirse ao mesmo as forzas represivas. Comezou a funcionar en 1975 sendo utilizado pola Triple A, antes do golpe de estado, co nome de "A Ponderosa" e deixou de funcionar en 1978[6]. Entre desaparecidos e sobreviventes ao menos 400 persoas estiveron detidas alí [7].
Estaba na Zona Militar Nº 1, baixo xurisdición do I Corpo de Exército ao mando do Xeneral Carlos Guillermo Suárez Mason, quen visitaba periodicamente o campo, e directamente a cargo da Central de Reunión de Intelixencia (CRI) do Rexemento 3 da Tablada, baixo o mando do Coronel Federico Minicucci. Alí tamén operaban os coroneis Juan Bautista Sasiain e Franco Luque. O Xefe do Vesubio fora o Maior Pedro Alberto Durán Saenz.
Os lugares onde se aloxaban os detidos denominabánse as cuchas, e no centro de torturas se colocou un cartel que dicía «si lo sabe cante, si no aguante»[6].
Alí estiveron detidos, entre outros Héctor Oesterheld, o autor do Eternauta e o escritor Haroldo Conti así como a cidadá alemá Elisabeth Kaesemann, Elena Alfaro, Ana María di Salvo, Luis Alberto Fabbri, Rodolfo Goldin, Daniel Jesús Ciufo e Catalina Oviedo de Ciufo.
Outros prisioneiros de El Vesubio identificados pola xustiza italiana e alemá son Claudio Gimbini, Mario Sagroi, Esteban Adrian, Ofelia Alicia Cassano, Rosita Luján Taranto de Altamiranda, Horacio Altamiranda, Juan Marcelo Guinar Soler, Graciela Moreno, Jorge Antonio Capello, Irma Beatriz Márquez, Silvia de Sánchez, Jórge Máximo Vásquez, Luciano Scimia, Jorge Watts, Marta Barea, María del Pilar García e Francoise Dauthier.
El Vesubio deixou de funcionar e os seus edificios foron demolidos en 1978 debido á visita da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos.
Por mor da anulación das leis de Punto Final e de Obediencia Debida realizada en 2003, a xustiza arxentina ordenou no ano 2006 a detención de oito represores que actuaron en El Vesubio: o xeneral (R) Héctor Gamen, alcumado “Beta”, Pedro Durán Sáenz, o “Delta”, xefe inmediato do centro, José Néstor Maidana, Hugo Pascarelli, Ramón Erlán, Roberto Carlos Zeolitti, Diego Chemes, Alberto Neuendorf. Este último actuaba no campo desde 1975 e pertenceu á Triple A [7].
Actualmente o terreo atópase deteriorado e sen uso. Na Cámara de Deputados presentouse un proxecto para transformar o predio nun espazo para recuperar a memoria.
A Mansión Seré, Quinta de Seré, ou Atila foi un centro clandestino de detención (CCD) que funcionou nunha casa antiga de dúas plantas, situada na rúa Blas Pareras no límite entre as localidades de Castelar e Ituzaingó, Partido de Morón, Provincia de Buenos Aires.
Entre 1977 e 1978, o lugar funcionou como centro clandestino de detención baixo a xurisdición da Forza Aérea con asistencia da Policía Bonaerense de Castelar.
A película Crónica de una fuga (2006) do director de Adrián Caetano[8] recrea a historia real da fuga desde ese centro de Claudio Tamburrini, Daniel Rusomano, Guillermo Fernández e Carlos García.
A partir do ano 2000 funciona no lugar a Casa da Memoria e a Vida e a Dirección de Dereitos Humanos da Municipalidade de Morón.
La Perla, tamén chamado La Universidad, foi o principal centro clandestino de detención (CCD) utilizado fora da zona de Buenos Aires. Por alí pasaron uns 3000 detidos[9].
Estaba situado a 12 km da cidade de Córdoba, sobre a Ruta Nacional N° 20 que leva da cidade capital a Carlos Paz. As instalacións son visibéis desde a ruta, sobre a man dereita , indo cara a Carlos Paz, fronte á fábrica Corcemar (31°26′S 64°18′O).
La Perla foi instalado en 1975, antes do golpe militar do 24 de marzo de 1976 e foi desmontado en 1979.
Estaba dentro da Zona Militar 3 baixo, a cargo do III Cuerpo de Exército baixo o mando do xeneral Luciano Benjamín Ménéndez, quen inspeccionaba frecuentemente o CCD; o xeneral Sasaian foi o seu segundo ao mando e o coronel César Emilio Anadón, estivo ao mando directo de La Perla.
No libro "Sobrevivientes de la Perla" os autores relatan:
En La Perla los prisioneros eran fusilados en los campos aledaños al centro. Hasta allí eran trasladados en un camión bautizado “Menéndez Benz”. Geuna contó: “Antes de descender del vehículo, eran maniatados. Luego se los bajaba y se les obligaba a arrodillarse delante del pozo y se los fusilaba. En los fusilamientos participaban oficiales de todas las unidades del Tercer Cuerpo, desde los subtenientes hasta los generales”.(Contepomi 1984)
Con posterioridade a 2000, en Córdoba tomouse a decisión de crear un Museo da Memoria, no edificio onde funcionou o Departamento de Intelixencia D-2, da policía local, sobre a pasaxe Santa Catalina, nun dos costados do histórico Cabido da cidade de Córdoba. O D-2 non era un CCD permanente, senón o lugar de chegada dos detidos que estaban en tránsito cara á Perla ou á Penitenciaría do barrio San Martín.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.