Remove ads
casa gótica en Pontevedra From Wikipedia, the free encyclopedia
A Casa das Campás é unha das tres construcións máis antigas que se conservan da cidade de Pontevedra, e posiblemente a máis vella das civís. Localízase na rúa Don Filiberto, 11, no centro histórico.
Casa das Campás | |
---|---|
Fachada da Casa das Campás na rúa Don Filiberto | |
Edificio | |
Estilo | Gótico, Renacentista |
Enderezo | Rúa Don Filiberto, 11 |
Localización | Pontevedra |
Coordenadas | 42°25′56″N 8°38′46″O |
Propietario | Concello de Pontevedra |
Uso(s) | Vicerreitorado do Campus de Pontevedra, sede cultural |
Construción | |
Inicio | século XV |
Remodelación | 2003 |
Dimensións | |
Plantas | 3 (planta baixa, 2 andares) |
[ editar datos en Wikidata ] |
Debida á falta de documentación, as súas orixes non están claras, pero suponse que pertence á Época Baixomedieval polos escudos que se atopan na fachada e o estilo das portas. Estes escudos relaciónana coa liñaxe dos García Camba ou máis probabelmente coa dos Puga, señores de Regodeigón en Ribadavia.[1]
A primeira referencia existente da Casa das Campás é do ano 1587. Daquela, a edificación estaba preto da igrexa de San Bartolomeu o Vello, que por razóns que se descoñecen non tiña campá. Por esta razón, para chamar ós fregueses usábase o carillón da casa dos Puga,[2] que por aquel entón xa pasara a mans dos monxes beneditinos do mosteiro de San Salvador de Lérez. Os monxes tamén empregaron a Casa das Campás como adega de viño, na que podían chegar a almacenar uns 12.000 litros.
No século XX, nos anos da posguerra, o edificio acolleu o bar Pitillo, que recibía ese nome porque nel obsequiaba ós clientes con tabaco.[2] Na década de 1980 a edificación ficou en estado de abandono ata que a adquiriu o concello no ano 2000 coa finalidade de restaurala. Tras unha coidadosa reforma, a casa reabriu as súas portas en 2003.[3]
Desde 2006 a Casa das Campás é a sede do vicerectorado do Campus Universitario de Pontevedra.[4] A casa tamén acolle conferencias, exposicións, cursos, obradoiros e presentacións de libros.[5][6] En 2017 celebráronse alí uns 380 eventos. Especialmente no verán, a Casa das Campás convértese nun lugar de visita para os turistas.
É un edificio do gótico tardío cuxa autoría pode atribuírse a un mestre que traballou na construción da basílica de Santa María a Maior.[1]
No exterior, a casa conserva a fachada do século XV con dous arcos conopiais sobre as portas. As dúas fiestras da primeira planta teñen impostas superiores e inferiores para aloxar contraventás corredeiras, característica típica da arquitectura do século XVI, así como as bólas de pedra que decoran a cornixa. Entre as xanelas do primeiro piso hai dous escudos de armas esculpidos en pedra, o máis pequeno coas armas dos Puga (esporas e caldeiros) e o máis grande cunha garza, típica das armas dos García-Camba.[7][1]
No interior do edificio, de 1.400 m2, conviven a pedra, a madeira case negra que lembra os galeóns e o cristal, nunha coidada reforma que lle dá un toque de modernidade. Esta sede universitaria conta cun vestíbulo ou sala de exposicións na planta baixa, unha sala de despachos, unha sala de tecnoloxía, unha sala de conferencias e despachos para o vicereitor, os directores de área e dos Novos Cinemas nas dúas plantas superiores.[8]
Durante os séculos XIX e XX corría o rumor de que na casa estaba escondido o tesouro de Benito Soto, o pirata pontevedrés.[2]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.