O cedro de California[1] Calocedrus decurrens, é unha conífera da familia Cupressaceae, do xénero Calocedrus. De orixe norteamericana, atopáse en Galiza coma ornamental.

Máis información Estado de conservación, Clasificación científica ...
Cedro de California
Estado de conservación

Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Pinophyta
Clase: Pinopsida
Orde: Pinales
Familia: Cupressaceae
Xénero: Calocedrus
Especie: C. decurrens
Nome binomial
'Calocedrus decurrens'
(Torr.) Florin, Taxon, 5: 192, 1956
Pechar
Etimoloxía
  • Calocedrus: procede do grego: καλλος, "callos", fermoso e de χέδρος, "cedros", o cedro, significando logo "cedro fermoso".
  • decurrens: epíteto latino que ten o mesmo significado que "decorrente" -do cal deriva- aludindo ás "escamas" das follas que se recobren unhas ás outras.

Nota: malia o seu nome, a árbore só ten un afastado parentesco co xénero Cedrus, pois é un membro da familia Cupressaceae, pertencendo os cedros a Pinaceae. O único en común, logo, é pertenceren á orde botánica Pinales.

Descrición

É unha grande árbore, que acada tipicamente alturas de 40–60 m e un toro cun diámetro de até 3 m (máximo, 69 m de alto e 4,5 m de diámetro[2]), estreitamente cónico, de ramallada mesta. A casca é dunha cor parda alaranxada que co tempo se torna agrisada, macía ao principio e despois vai formando fendas e exfoliándose en longas fitas na parte baixa do toro nos exemplares máis vellos. Os acios das follas son aplanados en forma de abano. A follaxe é persistente, composta de follas en pseudoverticilos de 4, escuamiformes, de ápice agudo e incurvado, longamente decorrentes na base, de cor verde escura brillante e que teñen un recendo resinoso intenso e peculiar. A árbore é monoica, con flores masculinas de preto de 3 mm en grupos nos extremos das franzas, globulares e douradas con 3-5 sacos polínicos e con estróbilos femininos de 6 escamas: 2 estériles, 2 reducidas e 2 seminíferas. Ditos conos son pequenos (15–25 mm), estreitos, rematados en punta, e ovoides. Dunha cor verde intensa ao principio, estes conos tórnanse pardos na madureza (logo dun ano), ceibando 4 (ou menos) sementes alíferas cando abren.[3]

Distribución

Nativo do oeste de América do Norte, estando o groso da súa área de distribución nos Estados Unidos, dende o centro-oeste de Oregón a través da maior parte de California e o extremo oeste de Nevada, e tamén no noroeste de México, na parte norte da Baixa California.

Medra desde os 50 deica os 2900 m de altitude, sendo a especie máis estendida do xénero.[3][4][5]

Usos

A madeira lixeira da árbore utilízase para a elaboración de lapis, en particular nos Estados Unidos onde é a principal materia prima para a súa fabricación, por mor a que é macía e tende a se aguzar de xeito doado sen formar achas ou estelas, ou en marquetaría. Tamén é unha árbore ornamental popular, valiosa pola súa resistencia á seca. A madeira é moi aprezada polos escultores. A súa casca pode se queimar coma incenso.

Árbore senlleira en Galiza

O cedro de California do Pazo de Torrecedeira en Redondela, figura no catálogo de árbores senlleiras de Galiza elaborado pola Xunta de Galicia.

Sinónimos

  • Abies cupressoides Poir.
  • Heyderia decurrens (Torr.) K.Koch
  • Libocedrus decurrensTorr.
  • Thuja craigana A.Murray
  • Thuja decurrens (Torr.) Voss[6]

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.