xogador de hóckey a patíns galego From Wikipedia, the free encyclopedia
César Carballeira Domínguez, nado na Coruña o 10 de febreiro de 1996 é un xogador galego de hóckey a patíns, que xoga na posición de defensa no Deportivo Liceo, da OK Liga, co que gañou sete títulos. Internacional coa selección española, conquistou con esta o Campionato do Mundo de 2024 e os Campionatos de Europa de 2021 e 2023.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 10 de febreiro de 1996 (28 anos) A Coruña, España |
Actividade | |
Ocupación | xogador de hóckey a patíns |
Deporte | hóckey a patíns |
Xogou nas categorías inferiores do HC Liceo da Coruña dende os tres anos.[1] Debutou co primeiro equipo do Liceo en outubro de 2012, aos 16 anos de idade, nun partido da OK Liga fronte ao PAS Alcoi.[2][3] Xogou varias tempadas co primeiro equipo, gañando unha liga, unha Supercopa, unha Copa Continental e unha Intercontinental.
En 2018, despois de 18 anos no club liceísta, fichou polo Reus Deportiu.[4] Estivo dúas tempadas no club catalán, fracturando na segunda delas a tibia e o peroné, motivo polo que estivo case tres meses de baixa.[5][6]
En maio de 2020 volveu ao HC Liceo.[7] Marcou 14 goles na liga 2020/21, na que o seu equipo acabou subcampión, e fixo tamén tres goles na Copa do Rei, un deles na final contra o FC Barcelona en Riazor, contribuíndo así de xeito importante a que o Liceo conquistase o título copeiro 17 anos despois.[8]
En xuño de 2022 proclamouse de novo campión de liga, despois de rematar segundo na fase regular e vencer na final ao Reus de forma contundente, en só 3 partidos.[9] Tras disputar unha nova final da Copa do Rei en 2023 en Calafell, caendo ante o Barcelona, o Liceo atravesou unha tempada de transición na 2023/24, na que non conseguiu clasificarse para a Copa do Rei e só puido ser terceiro en liga. Con todo, Carballeira culminou un dos seus mellores anos a nivel individual, liderando o equipo xunto a Dava Torres, e superou a súa marca goleadora (28 goles na liga regular e cinco nos play-offs). Foi elixido no cinco inicial da OK Liga, canda a Sergi Fernández, João Rodrigues, Pau Bargalló e Jordi Bargalló.[10]
Xogou en varias categorías inferiores da selección española e liderou en 2018 á selección sub-23 na súa conquista da Copa Latina en Francia.[11] En 2019 debutou coa selección absoluta, coa que participou na 68ª Copa das Nacións. Debutou na derrota por 3-4 fronte á selección de Angola.[12] No 2021 disputou o Campionato de Europa en Paredes, marcando na final contra Francia o gol do empate que forzou a prórroga, na que España acabou proclamándose campioa.[13] Dous anos despois participou no seu segundo Europeo e tivo un destacado papel, proclamándose de novo campión continental tras vencer na final a Portugal.[14]
En 2024 foi convocado por Guillem Cabestany para a disputa do Campionato do Mundo en Novara. Titular en todos os partidos, estreouse como goleador mundialista na ampla vitoria sobre Chile da segunda xornada (12-0), anotando dous tantos, e marcou tamén no seguinte partido ante Italia.[15][16] Tras eliminar a Suíza en cuartos de final e a Portugal nas semifinais, saíu tamén no cinco inicial na final ante a vixente campioa, a Arxentina, e aos 30 segundos de comezar o partido, marcou o primeiro gol para o combinado español, contribuíndo ao triunfo final por 2-1.[17]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.