Cápsula bacteriana
From Wikipedia, the free encyclopedia
A cápsula bacteriana é unha capa con beiras definidas que recobre a superficie de moitas células bacterianas. A cápsula está por riba da parede celular bacteriana. É unha capa ben organizada e non se pode eliminar doadamente con lavados. A cápsula protexe eficazmente a bacteria, pode ser un factor de virulencia e causa de moitas enfermidades.[1]

A cápsula pode distinguirse doutras estruturas celulares bacterianas. A cápsula é unha capa ríxida organizada de matriz impermeable que exclúe colorantes como a tinta chinesa. En cambio, a capa de material extracelular que se deforma doadamente, non pode excluír partículas e non ten un límite definido, denomínase capa mucosa ou glicocálix bacteriano.[2]
Cando unha secreción viscosa amorfa (que é o compoñente da cápsula) difunde no medio que rodea a bacteria e permanece ao seu redor en forma dunha capa de secreción frouxa e sen límites definidos, denomínase capa mucosa.
As cápsulas demasiado pequenas como para poder ser vistas con microscopio ordinario, como a de Streptococcus pyogenes, denomínanse microcápsulas.[3]
Composición
Xeralmente contén glicoproteínas e un gran número de polisacáridos diferentes, incluíndo polialcohois e aminoazucres.[4] Presenta polipéptidos en Bacillus anthracis[5]. As cápsulas son difíciles de tinguir utilizando as tinguiduras estándar. Nun exame microscópico, a bacteria e o seu fondo tínguense máis escuras ca a cápsula, que non se tingue, polo que semella un anel pálido que rodea a célula.
Función
A cápsula ten principalmente unha función protectora. Considérase un factor de virulencia porque aumenta a capacidade da bacteria de producir enfermidades ao dificultar a fagocitose. A cápsula pode protexer as células da fagocitose dos macrófagos.[6][7] As cápsulas conteñen tamén auga e protexen a bacteria contra ao desecamento. Pode ser un lugar de depósito de alimentos e de refugallos. Tamén é unha barreira que evita o ataque dos bacteriófagos e protexe contra moitos materiais tóxicos hidrofóbicos e deterxentes. As cápsulas tamén axudan a adherirse a superficies.[1][2]
Exemplos
A cápsula é máis común nas bacterias gramnegativas. Por exemplo:
- Escherichia coli (nalgunhas cepas)
- Klebsiella pneumoniae[8]
- Haemophilus influenzae[9]
- Pseudomonas aeruginosa[10] (con máis precisión debería denominarse capa mucosa)
- Salmonella. A presenza de cápsula neste xénero depende da especie e só a teñen certos serovares de S. enterica, como o Typhi, Paratyphi C e Dublin.[11][12]
Porén, tamén hai algunhas grampositivas con cápsula:[1]
- Bacillus anthracis con cápsula polipeptídica de ácido poliglutámico.
- Bacillus megaterium sintetiza unha cápsula composta de polipéptidos e polisacáridos.
- Streptococcus pyogenes sintetiza unha cápsula de ácido hialurónico.
- Streptococcus pneumoniae con cápsula polisacarídica.
- Streptococcus agalactiae produce unha cápsula polisacarídica de nove tipos antixénicos que todos conteñen ácido siálico (Ia, Ib, II, III, IV, V, VI, VII, VIII).[13]
- Staphylococcus epidermidis [14]
Ademais de nas bacterias, algún eucariota ten tamén cápsula, como o lévedo Cryptococcus neoformans.[15]
Demostración da cápsula
- Tinguidura con tinta chinesa: a cápsula aparece como un halo claro arredor da bacteria, xa que a tinta non pode penetrar na cápsula.
- Métodos serolóxicos: O material capsular é antixénico e pode ser demostrado mesturándoa cun soro anticapsular específico, como na reacción de Quellung[16]. Cando se observa ao microscopio a cápsula aparece inchada debido á combinación e precipitación do complexo formado co anticorpo e ao incremento de tensión superficial (quellung significa inchar en alemán).
As cápsulas poden ser difíciles de ver coas técnicas normais. No xénero Mycobacterium algunhas especies parecen non ter cápsula, pero esta pode demostrarse con técnicas microscópicas especiais, como no caso de M. tuberculosis.[6]
Uso na vacinación
A vacinación utilizando material capsular é efectiva contra algúns organismos, como H. influenzae tipo b e S. pneumoniae.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.