especie de mamífero artiodáctilo ruminante da subfamilia dos bovinos From Wikipedia, the free encyclopedia
O bisonte europeo (Bison bonasus) é unha especie de mamífero artiodáctilo ruminante da familia dos bóvidos, subfamilia dos bovinos e tribo dos bovininos.
Bisonte europeo Bison bonasus | |||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Bisonte europeo adulto | |||||||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||||
Vulnerable[1] | |||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||
Bison bonasus (Linnaeus, 1758) | |||||||||||||||||||||||
Distribución xeográfica histórica: Verde claro, no holoceno; Verde escuro, na Alta Idade Media; Vermello, comezos do século XX | |||||||||||||||||||||||
Subespecies | |||||||||||||||||||||||
|
É o mamífero de maior tamaño de Europa,[2] e un dos máis ameazados, polo que é obxecto de varios programas de reprodución en catividade levados a cabo en parques zoolóxicos.
De aspecto similar ao do bisonte americano (Bison bison), pero de maior tamaño, constitución máis esvelta e cornos máis desenvolvidos.[3][4]
A súa silueta é maciza, cos cuartos dianteiros moi desenvolvidos, a cabeza grande e larga e a cruz moi marcada.[5] A pelaxe é longa, de cor parda escura e particularmente desenvolvida na cabeza, ombros e colo.[6]
Os becerros adoitan teren a pelaxe máis clara que a dos adultos. Tamén están provistos dunha pequena "barba" na gorxa, e a cola está recuberta por pelo longo. A parte inferior das patas teñen pelaxe curta, ao contrario que no bisonte americano. Ambos os sexos teñen cornos,[7] os cales son curtos, grosos, e dirixidos cara a arriba.
O bisonte europeo mide de 250 a 350 cm de lonxitude (máis de 50 a 80 cm da cola), e ten unha altura na cruz que vai de 150 a 200 cm.[6] Os machos adultos pesan entre 400 e 920 kg, mentres que as femias, de menor tamaño, oscilan entre os 300 e os 400.[8]
En contraposición aos bisontes americanos, os europeos nunca gustaron da vida nas praderías e espazos abertos, senón que se estableceron nos bosques, tanto caducifolios como mixtos de coníferas e árbores e folla caduca. Por eles vagaban en grupos duns 20 individuos, alimentándose de todo tipo de materia vexetal, fundamentalmente follaxe baixo, pero tamén herbas, codias e pólas tenras.
Os freixos parecen atraerlles en maior medida que outras árbores, mentres que as agullas dos piñeiros e outras árbores de folla perenne non son do seu agrado.
En inverno reuníanse en mandas que podían chegar ao medio centenar de individuos, dedicados a retirar a neve e á busca de raíces, tubérculos, rizomas e froitos enterrados, aínda que os machos vellos sempre evitaban este tipo de aglomeracións e levaban unha vida solitaria.
O bisonte europeo é un animal social e gregario que formaba pequenas mandas que oscilaban entre os 10 e os 30 individuos liderados por un macho.
A época de celo ten lugar entre agosto e setembro. O período de xestación é de entre 260 e 270 días, tras os cales as femias paren unha soa cría. Os partos danse entre maio e xuño, e as femias adoitan illarse para parir. As crías destétanse aos sete meses, e permanecen canda a nai até os tres anos.
A lonxevidade máxima que se rexistrou foi de 22 anos, aínda que en catividade pode chegar aos 40.[9]
Antigamente os bisontes europeos caían ocasionalmente vítimas de lobos, osos, tigres e leóns, pero hoxe en día estes animais desapareceron do continente europeo ou se fixeron moi raros, polo que se pode considerar que os poucos bisontes que quedan carecen actualmente de depredadores naturais.
Describíronse as seguintes subespecies:
Hai 2.000 anos o bisonte abundaba en toda a Europa central e setentrional chegando até Asia occidental. A distribución orixinal comprendía desde a Península Ibérica[Cómpre referencia] até Rusia occidental, estando presente tamén no Cáucaso e no noroeste de Irán. Heródoto cita a súa presenza en Tracia e noutras rexións do norte de Grecia.
Aínda que enorme, esta vasta distribución non era continua pois, como quedou dito, os bisontes prefiren os espazos boscosos, e nas chairas despexadas estaban substituídos por mandas de uros ou touros salvaxes, (Bos primigenius).
Pero a principios do século XVIII, a causa sobre todo da caza abusiva e da progresiva deforestación, para aproveitar a madeira ou para destinar a terra á agricultura ou ao pastoreo, reduciron o hábitat primixenio dos bisontes, e este animal quedou relegado a algunhas zonas boscosas de Polonia (bosque de Białowieża) e do Cáucaso, reservas de caza dos tsares de Rusia.
No século XII matouse ao último bisonte ibérico en Navarra,[10] sendo daquela xa moi raro en Europa occidental.
No século XIV só quedaban unhas poucas cabezas na rexión francesa das Ardenas, que non resistiron até o final do século. En Romanía (Moldova e Valaquia) perviviron até 1762 e en Transilvania, baixo dominio austrohúngaro até 1790.
O bisonte do Cáucaso (Bison bonasus caucasicus) fora desprazado, durante os últimos decenios da súa existencia, cara á zona ocupada polos bosques de coníferas, sendo moi posíbel que os seus refuxios invernais estiveran localizados nas zonas de bosques de faias situados a menores altitudes, pero ao non serlles permitida a estancia nestas zonas, o seu hábitat foi reducíndose cada vez máis, até chegar á súa extinción e 1930.
Ao bisonte europeo que habitaba nos territorios de Transilvania sucedeulle algo parecido ao que aconteceu no Cáucaso.
Pola súa parte, desde o século XVI as dinastías reinantes en Rusia, Lituania e Polonia consideraron que a morte dun bisonte era privilexio da realeza, chegando a castigar o furtivismo incluso coa morte nalgunhas ocasións. Isto permitiu unha supervivencia máis ou menos aceptábel deste animal en Europa oriental até a primeira guerra mundial, cando comezaron a ser masacrados por decenas para alimentar aos soldados e aos refuxiados. En 1919 morreu o último bisonte polaco na rexión de Białowieża, e en 1927 fíxoo o último exemplar que vivía en liberdade no Cáucaso. A especie extinguiríase totalmente de non ser porque había nese momento uns 50 individuos vivindo en parques zoolóxicos repartidos por todo o mundo.
En 1923 constituíuse en Polonia a Compañía Internacional de Defensa do Bisonte (CIDB), que defendía a recuperación desta especie. Nos anos 1950 conseguiu o permiso do goberno polaco para reintroducir 12 exemplares (11 polacos, máis o último bisonte caucásico, chamado por iso Kaukasus) no bosque de Białowieża, que foi declarado Parque Nacional. En 1966 a ONU incluíu o bisonte europeo no seu lista de animais protexidos.
Desde entón, os esforzos combinados do CIDB e varios parques zoolóxicos de distintos países lograron un notábel éxito: daqueles 12 individuos descenden hoxe en día máis de 600 bisontes que habitan en distintos parques nacionais polacos, e varias novas mandas foron introducidas en réxime de semiliberdade en Belarús, Rusia, Romanía, Ucraína, Lituania e Kirguizistán, ademais de en España, onde o 4 de xuño de 2010 reintroducíronse, despois de mil anos, sete exemplares no municipio palentino de San Cebrián de Mudá, Palencia.[10] os cales se adaptaron tan ben que até conseguiron reproducirse, sendo xa 9 individuos.[11] Tamén existe un proxecto para reintroducir a especie en Francia.
En 2011 estimábase que o número total de bisontes europeos era duns 4.000. Pero, a pesar diso, a especie segue estando en perigo. A súa baixa diversidade xenética, froito da consanguinidade, fai que estes animais sexan especialmente vulnerábeis a virus como o da febre aftosa.
Por se isto fora pouco, en 2004 estalou a polémica cando se fixo público que o rei de España Xoán Carlos I conseguira permiso para matar un macho de bisonte no refuxio de Czerwony Dwor, previo pago de 7.000 euros. Os cidadáns e os medios de comunicación polacos mostraron a súa indignación ante a morte dun animal que consideran como un símbolo da nación. A pesar de que en Polonia a caza do bisonte está teoricamente prohibida, non é raro que a realicen de vez en cando altos cargos políticos do goberno e os "convidados" que eles estimen oportuno.[12]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.