Remove ads
biblioteca da Santa Sé, na Cidade do Vaticano From Wikipedia, the free encyclopedia
A Biblioteca Apostólica Vaticana (en latín: Bibliotheca Apostolica Vaticana), máis comunmente coñecida como Biblioteca Vaticana ou simplemente como Vat,[1] é a biblioteca da Santa Sé, situada na Cidade do Vaticano. Leva o nome de "apostólica", porque é unha institución que dende a súa fundación se considera a "Biblioteca do papa", xa que lle pertence directamente. É unha das máis antigas bibliotecas do mundo e custodia unha moi importante colección de textos históricos. Ten arredor de 75 000 códices de tódalas épocas da historia,[2] así como 1,1 millóns de libros impresos, que inclúen 8 500 incunables.
Os expertos dividen en cinco etapas a historia da biblioteca:[3]
O papa Nicolao V fundou a biblioteca en 1448 reunindo uns 350 códices gregos, latinos e hebreos herdados dos seus antecesores coas súas propias adquisicións, entre as que estaban varios manuscritos da biblioteca imperial de Constantinopla. A fundación propiamente dita tivo lugar cando Sisto IV, coa bula Ad decorem militantis Ecclesiae (15 de xuño de 1475), asignoulle un orzamento e nomeou bibliotecario a Bartolomeo Platina, quen elaborou un primeiro catálogo en 1481. A biblioteca posuía entón máis de 3.500 manuscritos, o que a convertía de lonxe na maior do mundo occidental. Cara a 1587, o papa Sisto V encargou ó arquitecto Domenico Fontana que construíse un novo edificio para albergar a biblioteca, o que se utiliza aínda.
A comezos do século XVII segregouse da biblioteca o Arquivo Secreto Vaticano. En 1623, a Biblioteca Palatina de Heidelberg, que contiña uns 3.500 manuscritos, foi doada á Biblioteca Vaticana por Maximiliano I, duque de Baviera, en agradecemento polo apoio que lle prestou o papa Gregorio XV durante a Guerra dos Trinta Anos. En 1657, adquiríronse tamén os manuscritos da casa ducal de Urbino.
En 1661, o intelectual grego León Alacio converteuse en bibliotecario. En 1689, incorporáronse á biblioteca as coleccións da raíña Cristina de Suecia.
Durante o século XVIII, a biblioteca enriqueceuse tamén con novas adquisicións e xurdiu o primeiro proxecto de publicar un catálogo completo dos manuscritos da biblioteca. Con todo, só chegaron a publicarse tres dos vinte volumes proxectados. A finais do século, algúns libros deberon ser entregados como tributo de guerra á Francia napoleónica, aínda que a maioría foron restituídos coa derrota de Napoleón, en 1815.
Hoxe, a biblioteca custodia máis de 1.600.000 libros antigos e modernos, dos cales 8.300 son incunables, máis de 150.000 manuscritos e documentos de arquivos sen contar 100.000 documentos impresos e fragmentos, 300.000 moedas e medallas e 20.000 obxectos de arte.
O Arquivo Secreto Vaticano, que foi separado da biblioteca a comezos do XVII, contén uns 150.000 volumes.
Entre os máis importantes manuscritos da biblioteca está o Codex Vaticanus, o máis antigo manuscrito completo da Biblia. A Historia Secreta de Procopio descubriuse nesta biblioteca, e publicouse en 1623. Tamén se atopou nela un dos tres cancioneiros coñecidos da lírica galaicoportuguesa, o chamado Cancioneiro da Biblioteca Vaticana. Custodia así mesmo as actas orixinais do proceso de Galileo, un manuscrito autógrafo de santo Tomé de Aquino e as cartas orixinais do caso de Martiño Lutero.
Dende o 20 de setembro de 2010, e tras distintas reparacións que a mantiveron pechada ó público durante tres anos, a Biblioteca reabriu ao público.[5][6]
Na Biblioteca Vaticana consérvase o Codex Vaticanus (Códice Vaticano 1209), un dos máis antigos manuscritos gregos da Biblia, que se atopa alí polo menos dende o século XV. É un códice do século IV que contén case na súa totalidade o texto bíblico.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.