Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
A β-oxidación ou beta oxidación é un proceso catabólico dos ácidos graxos no cal estes perden sucesivamente grupos de dous carbonos nun proceso cíclico, no que o ácido graxo se descompón totalmente en forma de moléculas de acetil-CoA, e na que se producen coencimas reducidos (NADH, FADH2). O acetil-CoA e os coencimas serán oxidados na respiración celular mitocondrial e orixinarán a formación dunha gran cantidade de enerxía en forma de ATP. Deste modo os ácidos graxos achegan gran parte da enerxía que necesita a célula. Nos animais a β-oxidación ten lugar nas mitocondrias, fundamentalmente do fígado, aínda que os ácidos graxos de cadea moi longa son oxidados nos peroxisomas. Nas plantas ten lugar nos glioxisomas.
A β-oxidación dos ácidos graxos consta de catro reaccións que se repiten ciclicamente. Antes de que os ácidos graxos entren na β-oxidación deben activarse uníndose ao coencima A e atravesar a membrana mitocondrial interna, xa que proceden do citosol. Despois de acabada a β-oxidación, os seus produtos finais entran na respiración celular, onde son completamente oxidados.
Por tanto, podemos resumir a oxidación dos ácidos graxos nestes 4 procesos:
Antes de que comece a β-oxidación deben activarse os ácidos graxos uníndose ao coencima A (CoASH), formando acil-coencima A (acil-CoA, R–CO–SCoA), concretamente acilo graxo-CoA, o cal ten lugar no retículo endoplasmático ou na membrana mitocondrial externa, onde se atopa o encima que cataliza a reacción, a acil-CoA sintetase (ou ácido graxo tioquinase):[1]
Para establecer o enlace tioéster entre o ácido graxo e o coencima A deben consumirse dous enlaces de alta enerxía do ATP en forma de pirofosfato (PPi), que despois orixina 2 Pi, polo que neste paso previo hai un consumo de enerxía.
Os ácidos graxos atópanse no citosol, onde se realiza a síntese de ácidos graxos. Como a beta-oxidación ten lugar nos animais nas mitocondrias, deben chegar ás mitocondrias, pero a membrana mitocondrial é impermeable a eles (e aos acil-CoA) deben usar un transportador. Os acil-CoA formados no paso anterior usan o transportador da carnitina da membrana mitocondrial para pasar ao interior da mitocondria (matriz).
O mecanismo que usa a carnitina para facer a traslocación é o seguinte:
A carnitina é un derivado aminoacídico que reduce os niveis de triglicéridos e colesterol en sangue e participa nos pasos previos da beta-oxidación. Prodúcese naturalmente no fígado a partir dos aminoácidos L-metionina e a L-lisina.
As catro reaccións das que consta a β-oxidación resúmense na seguinte táboa e despois serán tratadas con máis detalle. Estas catro reaccións conducen á liberación dunha molécula de acetil-CoA e de coencimas e ao acurtamento en dous átomos de carbono do ácido graxo. As catro reacción repítense ciclicamente (hélice de Lynen), de modo que o ácido graxo é cada vez máis pequeno, e o ciclo continúa ata que o ácido graxo estea completamente desfeito:
Descrición | Reacción | Encima | Produto final |
Oxidación por FAD O primeiro paso é a oxidación do ácido graxo pola acil-CoA deshidroxenase. O encima cataliza a formación dun dobre enlace entre C-2 (carbono α) e C-3 (carbono β). | acil-CoA deshidroxenase | trans-Δ2-enoíl-CoA | |
Hidratación O seguinte paso é a hidratación do enlace entre C-2 e C-3. Esta reacción é estereospecífica, formando só o isómero L. | enoíl-CoA hidratase | L-3-hidroxiacil-CoA | |
Oxidación por NAD+ O terceiro paso é a oxidación do L-3-hidroxiacil-CoA polo NAD+, o que converte o grupo hidroxilo (–OH) nun grupo cetona (=O). | L-3-hidroxiacil-CoA deshidroxenase | 3-cetoacil-CoA | |
Tiólise O paso final é a separación do acetil-CoA do 3-cetoacil-CoA por acción do grupo tiol doutra molécula de CoA. O novo tiol establécese entre C-2 e C-3. | β-cetotiolase | Unha molécula de acetil-CoA e unha de acil-CoA con dous carbonos menos. |
O primeiro paso é a oxidación do ácido graxo activado (acil-CoA) por FAD. O encima acil-CoA-deshidroxenase, unha flavoproteína que ten o coencima FAD unido covalentemente como un grupo prostético, cataliza a formación dun dobre enlace entre os carbonos 2 e 3 (carbonos α e β). Como o carbono 3 é o carbono β, que é o que finalmente se oxidará, a isto débese o nome β-oxidación. Os produtos finais son FADH2 e un acil-CoA-β-insaturado (trans-Δ2-enoíl-CoA), xa que o carbono β do ácido graxo se une cun dobre enlace ao perder dous hidróxenos (que son captados polo FAD). Este ácido graxo trans é unha excepción no conxunto de ácidos graxos insaturados da célula, que son cis. O FADH2 formado pode ceder os seus electróns ao coencima Q da cadea respiratoria a través da flavoproteína transferidora de electróns (EFTP) para producir ATP.
O seguinte paso é a hidratación (adición dunha molécula de auga) do dobre enlace trans entre C-2 e C-3. Esta reacción é catalizada pola enoíl-CoA hidratase e obtense un betahidroxiacil-CoA (L-3-hidroxiacil-CoA); é unha reacción estereospecífica, formándose exclusivamente o isómero L. Nesta fase houbo que consumir unha molécula de auga para facer a hidratación e facer desaparecer o dobre enlace.
O terceiro paso é a oxidación do L-3-hidroxiacil-CoA polo NAD+, catalizada pola L-3-hidroxiacil-CoA deshidroxenase, que ten especificidade absoluta polo isómero L. Isto converte o grupo hidroxilo do carbono β nun grupo cetona (satúrao). O produto final é o 3-cetoacil-CoA de maneira que o carbono β xa foi oxidado e está preparado para a escisión. O NADH orixinado pode ceder os seus electróns ao primeiro transportador da cadea respiratoria da membrana mitocondrial interna para producir ATP.
O paso final para a rotura do cetoacil-CoA entre C-2 e C-3 polo grupo tiol doutra molécula de CoA, polo que se denomina tiólise. Esta reacción é catalizada pola β-cetotiolase e dá lugar a unha molécula de acetil-CoA e un acil-CoA con dous carbonos menos.
Estas catro reaccións continúan ata que se produza a escisión completa da molécula en unidades de acetil-CoA. En cada ciclo, fórmase unha molécula de FADH2, unha de NADH e unha de acetil-CoA. Isto supón unha visión do ciclo como unha espiral xa que repiten os mesmos pasos pero coas substancias procedentes do ciclo anterior, que recibe o nome de hélice de Lynen. Para un ácido palmítico (16 C) a reacción global será:
Posteriormente, o acetil-CoA e os coencimas entrarán na respiración celular para producir enerxía, co que a oxidación total do ácido graxo estará completa.
A gran maioría dos ácidos graxos dos tecidos animais teñen un número par de átomos de carbono e degrádanse en grupos de dous carbonos por medio da β-oxidación que acabamos de ver. Os ácidos graxos de número impar de carbonos son moito máis escasos, pero seguen as mesmas vías da β-oxidación, é dicir, ciclos de deshidroxenación, hidratación, deshidroxenación e tiólise. Porén, como son impares, no último paso do ciclo, fórmase unha molécula de 3 carbonos de propionil-CoA. Este composto é potencialmente gliconeoxénico, a diferenza dos acetil-CoA, que ao entrar no ciclo dos ácidos tricarboxílicos é completamente oxidado a dúas moléculas de dióxido de carbono e non pode servir para a gliconeoxénese.
Os ruminantes son os únicos que teñen moitos ácidos graxos de número impar de carbonos debido á súa peculiar dixestión baseada en fermentacións bacterianas[2].
A maior parte dos ácidos graxos dos triglicéridos das graxas animais son insaturados (teñen un ou varios dobres enlaces). A β-oxidación dos ácidos graxos insaturados presenta un problema importante, porque a localización do dobre enlace cis que teñen estes ácidos graxos pode impedir a formación do enlace trans-Δ2 que se orixna na primeira reacción da β-oxidación, xa que os enlaces dobres non son un substrato axeitado para os encimas da β-oxidación. A β-oxidación funciona normalmente ata que o ácido graxo se vai acurtando e se chega á posición onde está o dobre enlace cis, onde se presentará o problema. Este problema soluciónase coa participación de dous encimas adicionais:
En resumo:
Nos animais a β-oxidación dos ácidos graxos é un proceso principalmente mitocondrial, pero pode producirse tamén nos peroxisomas, orgánulos nos que se oxidan os ácidos graxos de cadea moi longa. Porén, a oxidación destes grandes ácidos graxos nos peroxisomas remata cando se chega ao octanil CoA; despois deben saír do orgánulo. Pénsase que os ácidos graxos de cadea moi longa (maior5 de 22 carbonos) sofren unha oxidación iniical nos peroxisomas e despois esta debe continuar nas mitocondrias.
Unha diferenza significativa é que a β-oxidación nos peroxisomas non está combinada coa síntese de ATP coma nas mitocondrias. En lugar disto, os electróns de alto potencial son transferidos ao O2, o que orixina a formación de H2O2. O encima catalase, que é exclusivamente peroxisómico, converte o peróxido de hidróxeno en auga e osíxeno. O acetil-CoA formado pasa ao citosol, onde será utilizado en biosínteses.
A β-oxidación peroxisómica tamén require encimas específicos do peroxisoma e para os ácidos graxos moi longos. Hai tres diferenzas clave entre os encimas usados para a β-oxidación peroxisómica e mitocondrial:
A β-oxidación nos peroxisomas está activada por dietas ricas en graxas e pola administración de fármacos hipolipidémicos como o clofibrato.
Nas plantas a β-oxidación ten lugar nos peroxisomas. Nun tipo de peroxisoma especial chamado glioxisoma a β-oxidación está combinada co ciclo do glioxilato, por medio do cal o acetil-CoA formado a partir dos ácidos graxos pode acabar servindo para formar azucres por gliconeoxénese. Nas sementes en xerminación que almacenan aceites a β-oxidación e o ciclo do glioxilato están moi activos.
A oxidación dos ácidos graxos ten lugar en dúas fases. A primeira é a produción de acetil-CoA e coencimas reducidos na β-oxidación e a segunda é a entrada deses produtos finais na respiración celular. Dado que durante a β-oxidación a cadea de carbonos dos ácidos graxos rompe en unidades de dous carbonos (unidas ao coencima A) e que cada rotura produce unha molécula de FADH2 e unha molécula de NADH + H+, é fácil calcular as moléculas de ATP xeradas na oxidación completa dun ácido graxo. Os FADH2 e NADH van á cadea respiratoria e os acetil-CoA ingresan no ciclo de Krebs onde xeran GTP e máis moléculas de NADH e FADH2. Se tomamos como exemplo o ácido palmítico, ácido graxo saturado de 16 carbonos, o máis importante no metabolismo lipídico animal, o rendemento enerxético é o seguinte:
Se temos en conta os dous enlaces de alta enerxía que se utilizan na activación do ácido graxo a acil-CoA e que hai que restar, a partir dunha molécula de ácido palmítico obtense un rendemento neto de 106 moléculas de ATP. Canto máis longa sexa a molécula de ácido graxo, máis moléculas de ATP se xerarán.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.