Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
A arcea da fraga[2], tamén coñecida como arcea[3], cea[4], galiñola, pitarola, pita das poulas ou torda[5] (Scolopax rusticola) é unha especie de ave da orde dos caradriformes, suborde dos escolopacios, unha das integradas no xénero Scolopax.
Arcea da fraga Scolopax rusticola | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Scolopax rusticola Linnaeus, 1758 | |||||||||||||||||
A especie foi descrita en 1758 por Linneo na 10ª edición do seu Systema Naturae.[6]
Para a do xénero, ver Scolopax.
O epíteto específico, rusticola, é o nome latino dunha ave de caza mencionada por Plinio o Vello e Marcus Valerius Martialis. Posibelmente fose unha pita do monte.[7]
Rusticola é o nominativo feminino singular do adxectivo rusticulus, -a, -um, "propio do campo", derivado de rūs, rūris, "campo".
Scolopax rusticola é unha especie monotípica: non se recoñece ningunha subespecie.[8]
Os adultos miden de 33 a 38 cm de lonxitude, incluíndo o pico recto de 6 a 8 cm, e unha envergadura alar de 55 a 65 cm.[9] A súa plumaxe é críptico para adaptarse ao seu hábitat forestal, coas partes superiores de cor parda avermellada con debuxos moteados, e as partes inferiores pardas. A cabeza presenta dúas liñas case negras, non é raiada como a dos seus parentes próximos, como a becacina. Os ollos son grandes, e están situados a ambos os lados da cabeza, o que lle dá unha visión monocular de 360 graos.[10][11] As ás son arredondadas, e a base do pico é de cor carne caa punta escura. A cor das patas varía de gris a rosada.[9] A especie é sexualmente dimórfica, sendo o macho moito máis grande que a femia.[12]
Aproximadamente un terzo da poboación da arcea cría en Europa, e máis do 90 % da poboación do continente cría en Rusia e en Fenoscandia. A súa área de reprodución esténdese desde Fenoscandia até o mar Mediterráneo e as Illas Canarias, e desde Europa occidental até Rusia.[13]
Esta especie é a limícola que se encontra na maior parte da Eurasia temperada e subártica. As poboacións do norte e a asiática migran ao sur de Europa ou ao subcontinente indio, respectivamente. As aves dos países máis suaves de Europa occidental e das illas atlánticas,[14] son residentes. As poboacións que se reproducen no noroeste e sur de Europa son na súa maioría sedentarias.[13]
A migración primaveral das aves comeza en febreiro; os territorios de reprodución alcánzanse entre marzo e maio.[14] Os movementos de migración primaveral da arcea están influídos polas condicións meteorolóxicas, pero isto non ten un efecto importante no seu éxito reprodutivo posterior.[15]
A ameaza máis importante para esta especie na súa área de reprodución é a actual fragmentación dos bosques. Fóra da época de cría, a especie está ameazada pola desaparición dos pastos permanentes,[16] e pola intensificación das prácticas agrícolas (por exemplo, a destrución de sebes, a diminución do número de prados de pastoreo permanente e o empobrecemento da fauna do solo como consecuencia do arado e da aplicación de fertilizantes químicos).[17] A especie é susceptible á gripe aviar (tanto na súa zona de reprodución como de invernada), polo que pode verse ameazada por brotes futuros do virus.[18] A especie é amplamente cazada, sobre todo en Francia, Italia, Reino Unido e España.[16]
Segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais, esta especie ten unha área de distribución moi grande e, polo tanto, non se aproxima aos limiares de vulnerábel baixo o criterio de tamaño da área de distribución. A tendencia de poboación parece ser estábel e, polo tanto, non se aproxima aos limiares de vulnerábel baixo o criterio de tendencia de poboación. O tamaño da poboación é extremadamente grande e, polo tanto, non se aproxima aos limiares de vulnerábel segundo o criterio de tamaño da poboación. Por estes motivos a especie é avaliada como LC (pouco preocupante).[1]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.