From Wikipedia, the free encyclopedia
Antonio Ortiz Ramírez, nado en Barcelona o 13 de abril de 1907 e finado o 2 de abril de 1996, foi militante da Confederación Nacional do Traballo e da Federación Anarquista Ibérica, carpinteiro-ebanista de profesión. Pertenceu ao grupo de afinidade "Nosotros". Foi Comandante da 25ª división republicana e Oficial do exército francés.
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 13 de abril de 1907 Barcelona, España |
Morte | 2 de abril de 1996 (88 anos) Barcelona, España |
Actividade | |
Ocupación | anarcosindicalista, Terrorista anarquista, sindicalista, anarquista, miliciano anarquista |
Membro de | |
Carreira militar | |
Conflito | guerra civil española |
Naceu no barrio de El Poblenou, fillo de pais emigrados desde Pedralba (Provincia de Valencia). Cursou estudos elementais ata os once anos. Desde esa idade traballou en diferentes carpinterías, e malia compaxinar os estudos co traballo durante un tempo, axiña os abandonou para atender as necesidades familiares. En 1921, con catorce anos, afiliouse ó Sindicato da Madeira da CNT.
Coa caída da ditadura de Primo de Rivera e a proclamación da Segunda República Española, a CNT experimentou unha grande expansión. A organización anarcosindicalista vivía daquela un forte debate entre trintistas e faístas. Ortiz é afín á tendencia faísta, da que son notables representantes Buenaventura Durruti e Joan García Oliver. Publica algúns artigos no portavoz oficial da CNT, Solidaridad Obrera, e acepta responsabilidades no Sindicato da Madeira, do que é nomeado presidente en 1932. Nesa época viviuse unha durísima folga ó negarse a patronal a atender as reivindicacións dos ebanistas que se concretaban, resumidas, en "xornada de 44 horas semanais, en lugar das 48 vixentes; que as ferramentas fosen a cargo dos patróns; abolición de toda festa intersemanal a excepción do 1.º de Maio". A folga foi especialmente dura e prolongada, entre novembro de 1932 e abril de 1933, período no que foron detidos moitos folguistas, incluído Ortiz.
Entrou a formar parte do grupo "Nosotros", grupo de afinidade anarquista integrado na FAI, continuación de Los Solidarios, xunto a Durruti, García Oliver, Francisco Ascaso, Gregorio Jover, Ricardo Sanz, José Pérez Ibáñez "El Valencià", Quico Sabaté e Aurelio Fernández, e desenvolve unha intensa actividade sindical e política.
A sublevación militar fascista de xullo de 1936 que conduciu á guerra civil española (1936-1939) produciu unha mobilización xeral da CNT, na que Ortiz tivo un destacado protagonismo, sobre todo na sufocación do golpe de Estado en Barcelona, comprometido en primeira liña ó igual que os demais membros do grupo "Nosotros". O 24 de xullo de 1936 sae de Barcelona á cabeza duns 800 homes en dirección a Caspe, preto da liña da fronte. Esta expedición, a Columna Sur-Ebro, tamén coñecida como "Segunda columna", "Columna Roja y Negra" ou "Columna Ortiz", foi crecendo a medida que absorbía moitos grupos espontáneos e desorganizados.
Coa militarización imposta polo goberno republicano, as milicias e en xeral todo o movemento libertario perden protagonismo. O 15 de abril de 1937 a fronte de Aragón reorganízase e Ortiz pasa a ser xefe da 25ª División. Ata entón a Columna Ortiz estaba firmemente comprometida cos cambios sociais e políticos producidos en Aragón, sendo Joaquín Ascaso o presidente do seu Consello de Defensa. As tensións producidas polo labor anti-colectivista dos militares adictos ó Partido Comunista de España, exemplificada na actuación do xeneral Enrique Líster, conduciron primeiro á disolución do Consello de Aragón, e despois á detención de Ascaso baixo a acusación, nunca probada, de incautarse de bens públicos. Ortiz solidarizouse en todo momento con Ascaso, vivindo así un dos episodios máis desgarradores e dramáticos da Guerra Civil. O 14 de setembro de 1937, Ortiz foi destituído como xefe da 25ª División, substituíndoo no cargo Miguel García Vivancos. Entre setembro de 1937 e febreiro de 1938 permanece en Barcelona á espera de destino militar. En decembro de 1937 ingresa na Escola Popular de Estado Maior, na que se licenza quinto nunha promoción de sesenta aspirantes. Finalmente, en febreiro de 1938, asígnaselle destino na fronteira francesa, cerca de La Seu d'Urgell.
A CNT estaba dividida profundamente e Barcelona sufría os bombardeos fascistas, co que cundía a desmoralización. O distanciamento entre Ortiz e os responsables da CNT, particularmente con Mariano Rodríguez Vázquez "Marianet", Santillán e García Oliver, leva a serios enfrontamentos verbais. A posición pirenaica é precaria e Ortiz cre fundamentadamente que desde o Partido Comunista e mesmo desde a súa mesma Organización se lle tenden trampas para asasinalo. É destituído do mando da división e o 5 de xullo de 1938 pasa a Francia xunto a once dos seus colaboradores, entre eles Joaquín Ascaso. O goberno republicano insta ó goberno francés para que procese ós evadidos por deserción e roubo de bens públicos, petición que non prospera e que esixe de Ortiz e Ascaso explicacións que apenas teñen eco entre as bases confederais, notablemente influídas por Federica Montseny, Segundo Blanco, Mariano Rodríguez Vázquez "Marianet" e Joan García Oliver. Ortiz acusou os dirixentes confederais de intentar asasinalo. Os fuxidos son detidos primeiro e logo dispersados en Francia; Ortiz ingresa en febreiro de 1939 no campo de concentración de Saint Cyprien e máis tarde no de Vernet, onde recibe a noticia de que o 10 de maio de 1940 ten lugar a invasión de Francia polo exército de Adolf Hitler.
Os internados no campo de Vernet, xunto a máis revolucionarios e intransixentes, foron deportados a Alxeria polo goberno francés para que traballaran no ferrocarril. Liberado tralo desembarco aliado no norte de África, enrólase en decembro de 1942 no exército francés como voluntario por toda a duración da guerra. Participa en varias batallas fronte ó Afrika Korps alemán e é ascendido a sarxento. Embarca para Francia, onde se produce o primeiro desembarco aliado; integrado no exército francés avanza por Aix-en-Provence e Lión, recibindo varias distincións dos seus mandos. A súa participación máis relevante tivo lugar na liberación de Belfort, o que lle valeu unha distinción asinada por Charles De Gaulle. O corpo no que está integrado Ortiz prosegue a súa ofensiva ata territorio alemán, toma Karlsruhe e Pforzheim, onde é ferido e evacuado.
Trala fin da guerra, e coa desmobilización, Ortiz montou un serradoiro en Saverdun (Francia), xunto ó seu amigo José Pérez Ibáñez "El Valencia". En novembro de 1948, a bordo dunha avioneta na que tamén viaxa "El Valencià" participa nun atentado frustrado contra Francisco Franco en Donostia. En febreiro de 1951 a prensa francesa dá a noticia do descubrimento da avioneta e expón diversas hipóteses insostibles que comprometen a súa seguridade. Ortiz decide emigrar a América Latina, vive en Bolivia e no Perú e en 1955 instálase en Venezuela, onde monta unha carpintería. En 1987 regresou a Barcelona, onde conseguiu que se lle recoñecese un soldo como sarxento do exército republicano. En 1995 os historiadores José Manuel Márquez e Juan José Gallardo mantiveron varias entrevistas con el e tiveron acceso ó seu arquivo persoal, o que deu orixe a unha excelente biografía do personaxe, que é, ademais, un documentado e moi completo repaso dos acontecementos políticos e bélicos vividos na zona republicana e particularmente na CNT e os medios anarquistas en xeral. A publicación da biografía permite coñecer outros puntos de vista do vivido nos medios anarquistas máis alá das teses oficialistas que trataron de silenciar a Ortiz e sempre deron del unha imaxe controvertida, de persoa difícil e problemática. A biografía ten tamén a cualidade de ensanchar os horizontes duns debates necesariamente complexos. Morreu nunha residencia de anciáns do barrio de La Verneda (Barcelona), e legou o seu corpo á investigación médica.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.