From Wikipedia, the free encyclopedia
O aligátor[2] da China[3][4] (Alligator sinensis) é un réptil crocodilio pertencente ao xénero Alligator da familia Alligatoridae. É a única especie de aligatóridos presente en Asia, sendo endémica da China oriental.
Aligátor da China | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||
Crítico[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
O seu aspecto é moi semellante ao do seu conxénere americano, o aligátor do Mississippi (Alligator mississippiensis), porén posúe algúns trazos distintivos.
Por unha parte, é notablemente máis pequeno, rondando normalmente na idade adulta os 1,5 metros de longo e un peso de 36 kg. De feito, é unha especie que crece moi lentamente, chegando aos 60 cm de longo só ao cabo de dous anos. Non obstante, hai rexistros dalgúns machos excepcionalmente grandes, que chegaron a atinxir os 2,1m e os 45 kg. Por outra parte, a diferenza do Alligator mississippiensis está completamente acoirazado: ten escamas por todo o corpo, incluído o ventre, característica que comparten poucos crocodilios.
O aligátor chinés ten as mesmas proporcións ca o americano, a pesar das súas reducidas dimensións. Só se observa a diferenza de que as crías acabadas de saír do ovo posúen unha cabeza máis desenvolvida, o que probabelmente lles permite alimentarse de insectos acuáticos maiores ca aqueles que caza a proxenie do aligátor americano.
Vive nuns poucos ríos do leste da China e é de carácter moi tímido e dócil, inclusive no caso dos exemplares salvaxes. Aliméntase case exclusivamente de peixes e ras que captura baixo da auga, aínda que nas zonas habitadas pode matar galiñas e cans. Tamén pode comer ratas, e con elas o veleno usado para combatelas. Isto fixo diminuír o seu número en varias rexións durante os últimos decenios. Non se rexistrou nunca un ataque contra humanos.
Vive nunha rexión subtropical, temperada.[5] O seu hábitat habitual son lugares de baixa elevación e con zonas de auga doce coma pantanos, lagos, arroios e estanques.[6] As zonas húmidas son extremadamente importantes para o aligátor da China dada a biodiversidade animal que hai nelas.[7]
O aligátor chinés desapareceu de amplas zonas da súa antiga distribución debido á presión humana, que cultiva as ribeiras onde descansan e aniñan, e pesca en grandes cantidades os peixes que constitúen a maior parte da súa dieta. Actualmente restan uns 300 exemplares en estado salvaxe e é realmente difícil localizar niñadas nos ríos chineses, polo que se considera que esta especie corre grave perigo de extinción.[1] Con todo, en catividade reprodúcese de forma rápida e abundante, polo que numerosos zoolóxicos confían en que os programas de cría nesta modalidade poidan salvar a especie. Uns 10.000 exemplares están repartidos por distintos zoos do mundo.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.