Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Albert Szent-Györgyi de Nagyrápolt, nado en Budapest o 16 de setembro de 1893 e finado en Woods Hole, Massachusetts, o 22 de outubro de 1986, foi un fisiólogo húngaro, galardoado co Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina en 1937.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2012.) |
O seu pai, Miklós Szent-Györgyi era terratenente. A súa nai, Jozefin, era filla de József Lenhossék e irmá de Mihály Lenhossék, ambos profesores de anatomía na Universidade de Budapest.
Os traballos de Szent-Györgyi estiveron relacionados coa química da respiración. Na Universidade de Szeged, empregou o pemento como fonte de vitamina C (o L-enantiómero do ácido ascórbico) e deuse conta da súa actividade contra o escorbuto. Estudou a oxidación celular e descubriu a vitamina C en 1927.
En 1937 recibiu o Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina polos seus descubrimentos en relación cos procesos de combustión biolóxica, en especial os referidos á vitamina C e a catalese do ácido fumárico.
Naceu o 16 de setembro de 1893 na cidade de Budapest, naqueles momentos dentro do Imperio Austrohúngaro e hoxe en día capital de Hungría. Iniciou os seus estudos de medicina na Universidade de Budapest, que combinou coas súas propias investigacións no laboratorio químico do seu tío. Debido á primeira guerra mundial, onde serviu como médico, tivo que interromper os seus estudos. Durante a Gran Guerra disparouse nun pé para abandonar a fronte, feito que lle permitiu finalizar os seus estudos o ano 1917.
Iniciou a súa investigación científica na cidade de Pozsony, hoxe en día Bratislava. Cando a cidade pasou a formar parte de Checoslovaquia en xaneiro de 1919, abandonou a vila xunto á maior parte de poboación de orixe húngara. Posteriormente desenvolveu a súa investigación na Universidade de Groningen, centrándose na química da respiración celular. Grazas a estes traballos e a unha bolsa da Fundación Rockefeller viaxou á Universidade de Cambridge, onde recibiu o doutoramento en 1927 polo seu traballo no illamento do "ácido hexurónico", hoxe en día denominado Vitamina C.
Posteriormente, na Universidade de Szeged utilizou o pemento (Capsicum annuum) como fonte de vitamina C (o L-enantiómero do ácido ascórbico) e deuse conta da súa actividade anti-escorbútica. O ano 1937 foi galardoado co premio Nobel de Medicina e Fisioloxía «polo seu descubrimento relacionado cos procesos de combustión biolóxica, con especial referencia á vitamina C e á catalese dos ácidos fumáricos».
Durante a segunda guerra mundial participou activamente na Resistencia Húngara. Aínda que Hungría se aliara coas potencias do Eixo, o primeiro ministro húngaro Miklós Kállay enviou a Szent-Györgyi á cidade de Istambul o ano 1944 para realizar negociacións secretas cos Aliados.
Adolf Hitler ditou unha orde de detención contra Szent-Györgyi, pero este escapou da Gestapo e permaneceu agochado dous anos. Despois da guerra recuperou o seu posto e mesmo se especulou coa posibilidade de que os soviéticos o nomeasen primeiro ministro, polo que se afiliou ao Partido Comunista de Hungría e foi elixido membro do Parlamento á vez que creou o laboratorio de Bioquímica da Universidade de Budapest e restableceu a Academia de Ciencias de Hungría. Descontento co goberno, emigrou aos Estados Unidos o ano 1947, sendo nomeado cidadán americano o ano 1955.
Durante a súa estancia en norteamérica, creou o seu propio laboratorio na cidade de Woods Hole, situada no estado de Massachusetts e iniciou as súas investigacións sobre o cancro, desenvolvendo teorías sobre física cuántica aplicadas á bioquímica desta enfermidade. Durante a década de 1970 a súa procura conduciuno a deducir que os radicais libres eran unha causa potencial do cancro.
Morreu o 22 de outubro de 1986.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Albert Szent-Györgyi |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.