From Wikipedia, the free encyclopedia
En bioloxía os factores abióticos son as partes químicas ou físicas non vivas do ambiente que afectan aos organismos vivos e ao funcionamento dos ecosistemas. Entre os factores abióticos están a luz, radiación, temperatura, presión, humidade, concentracións dos gases atmosféricos, condicións do solo, concentración de substancias químicas etc.
Os compoñentes abióticos comprenden as condicións físicas e os recursos non vivos que afectan ao crecemento, mantemento ou reprodución dos organismos vivos. Os recursos son as substancias ou obxectos no ambiente que un organismo require e consome ou que fai que queden dispoñibles para outros organismos.[1][2]
Entre os factores abióticos físicos están: temperatura (temperatura media no ecosistema, oscilacións da temperatura, temperaturas mínimas por debaixo da conxelación), cantidade de luz (moita luz, sombra, horas de luz), precipitacións (cantidade, uniformes ao longo do ano, estación seca), humidade atmosférica, vento, presión etc. Moitos destes factores están influídos polo clima.[3] Entre os factores químicos están: pH (concentración de H+), cantidade de oxíxeno (disolto na auga, nos poros do solo), cantidade de auga e aire no solo, salinidade, concentración de nutrientes ou toxinas etc. Nos ecosistemas terrestres os factores principais son a luz, temperatura e humidade atmosférica. Nos ecosistemas acuáticos os máis importantes son a luz, temperatura, salinidade, cantidade de oxíxeno, presión, movementos da auga (correntes, ondas), nutrientes disoltos etc. Ademais, hai que ter en conta que a viscosidade e densidade da auga é maior que a do aire.
Todos estes factores afectan de distintas maneiras aos organismos, que teñen que adaptarse a eles. Cada especie ten un límite de tolerancia para cada un destes factores. A luz só penetra ata certa profundidade nos ecosistemas acuáticos, polo que nesa zona (zona fótica) é onde pode vivir o fitoplancto. Moitas plantas da selva están adaptadas a pouca luz, xa que o chan das selvas está en penumbra ao taparen as follas das árbores a luz. Os seres vivos que están adaptados a condicións abióticas extremas denomínase extremófilos. Por exemplo, certas arqueas especializáronse en vivir en condicións de temperatura extremadamente altas.[4]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.