Vehículo todo terreo
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un vehículo todo terreo[1] é un tipo de vehículo deseñado para ser conducido en todo tipo de terreos. Un dos primeiros vehículos todo terreo modificados foi a eiruga Kégresse, unha conversión realizada por primeira vez por Adolphe Kégresse, quen deseñou o orixinal namentres traballaba para o tsar Nicolao II de Rusia entre 1906 e 1916. Inicialmente os todo terreos foron usados na guerra, pero despois, estes vehículos foron adaptados para uso civil e aproveitados para realizar travesías, vixiar zonas protexidas e moverse en terreos ásperos ou escorregadizos. Case todos os vehículos todo terreo actuais incorporan tracción ás catro rodas. Hoxe en día son imprescindíbeis en zonas rurais, de alta montaña, desertos e en xeral en calquera lugar de difícil acceso para os vehículos «normais». Con todo, o uso destes vehículos esténdese máis aló do profesional, que segue existindo, polo que hoxe en día é o uso por lecer o máis utilizado.
Moitos todo terreos contan tamén cunha caixa redutora, sistema indispensábel cando se empregan vehículos con motores de baixa-media potencia, que permite multiplicar a forza do motor grazas ao uso de engrenaxes especializadas, para a superación de obstáculos complicados. Tamén serán moi útiles uns ángulos dianteiros ou de ataque do coche, ventral (ventre do mesmo) e traseiro (saída) do coche, capaces de superar os devanditos obstáculos e pendentes empinadas. Tamén é importante un chasis con reforzos ou placas para superar os esforzos e golpes neste tipo de usos, podendo ser un chasis de traveseiros ou ben un monocasco. Cando se queira circular a través de terreos extremadamente agrestes ou irregulares, serán indispensábeis os «diferenciais con bloqueo». Estes permiten que cando unha ou máis rodas fican no ar ou escorregan, as que están en terreo firme traccionen para que o vehículo poida seguir avanzando, cos diferenciais bloqueados.
Actualmente xorden algúns grupos e asociacións que se adican exclusivamente ao «Off Road», un deporte de aventura no cal se empregan todo terreos para sortear terreos silvestres con fins recreativos. Moitos afeccionados consideran a este deporte un estilo de vida.