Simone Veil, anteriormente Simone Jacob, nada en Niza o 13 de xullo de 1927 e finada en París o 30 de xuño de 2017, foi unha política e maxistrada francesa. Nada no seo dunha familia xudía orixinaria de Lorena, foi deportada a Auschwitz cando tiña 16 anos, durante a Shoá, na que perdeu o seu pai, a súa nai e o seu irmán. Tras cursar os estudos de dereito e ciencia política entrou na maxistratura como alta funcionaria. Foi nomeada ministra de saúde en 1974 polo presidenteValéry Giscard d'Estaing, quen lle encargou a tarefa de lograr a aprobación da lei que despenalizaría o acceso das mulleres á interrupción voluntaria do embarazo. Esta lei foi logo coñecida como lei Veil. A raíz disto foi recoñecida como unha icona da loita contra a discriminación das mulleres en Francia. Foi a primeira muller en ocupar a presidencia do Parlamento Europeo en 1979, na primeira elección deste por sufraxio universal directo, posto que desempeñou ata 1982. É comunmente considerada unha das promotoras da reconciliación franco-alemá e da construción europea. De 1993 a 1995 foi ministra de asuntos sociais, saúde e urbanismo e número dous no goberno de Édouard Balladur. Despois formou parte do Consello Constitucional de 1998 a 2007, antes de ser elixida membro da Academia francesa en 2008. Consonte a decisión tomada polo presidente Emmanuel Macron, os restos de Simone Veil e do seu esposo foron depositados no Panteón de París o primeiro de xullo de 2018.
Juana Capdevielle, nada en Madrid en 1905 e asasinada no monte da Gándara, ás aforas de Rábade, o 18 de agosto de 1936, foi unha intelectual e bibliotecariaespañola. Licenciouse en Filosofía e Letras pola sección de Historia na Universidade Central. Accedeu ao Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos aos vinte e cinco anos de idade e traballou como bibliotecaria na Biblioteca Nacional de España, na Biblioteca de Filosofía e Letras da Universidade Central e na Biblioteca do Ateneo de Madrid. Foi a primeira xefa dunha biblioteca universitaria de centro en España e unha das responsables do traslado das coleccións da Biblioteca de Filosofía e Letras á Cidade Universitaria de Madrid. Foi unha intelectual moi activa, como indica a súa participación nas Primeiras Xornadas Euxénicas Españolas (1933), no II Congreso Internacional de Bibliotecas e Bibliografía (1934) e na Sección de Historia do Ateneo de Madrid. A súa traxectoria profesional centrouse exclusivamente nas bibliotecas. Foi pensionada pola Junta para Ampliación de Estudos para ampliar os seus coñecementos sobre a clasificación decimal a través de estancias europeas, dado que xa estaba a aplicar este sistema na biblioteca do Ateneo e na biblioteca de Filosofía e Letras. Formou parte do Seminario de Biblioteconomía e da Asociación de Bibliotecarios y Bibliógrafos de España, onde exerceu o cargo de tesoureira. Implicouse na creación da primeira Exposición de Bibliotecas infantís realizada en España e na creación dunha biblioteca circulante no Hospital Clínico de San Carlos e máis tarde no hospital da Cruz Vermella.
Casada en marzo de 1936 co político de Izquierda RepublicanaFrancisco Pérez Carballo, acompañouno á Coruña cando este asumiu o cargo de gobernador civil. Logo do golpe de estado do 18 de xullo, separouse do seu home ante o inminente asalto do goberno civil o día vinte e xa non o volveu ver, xa que foi fusilado na madrugada do 24. Días despois foi encarcerada e logo da súa liberación refuxiouse en Vilaboa (Culleredo). Foi asasinada e o seu corpo achado no km 526 da estrada Madrid - A Coruña, no monte da Gándara, ás aforas de Rábade, con disparos en peito e cabeza.
A Wikipedia é unha enciclopedia universal en liña multilingüe, colaborativa e gratuíta. O propósito da Wikipedia é fornecer un contido libre, obxectivo e verificable que todas as persoas poidan editar e mellorar.
O proxecto está baseado en cinco principios básicos, todo o contido está dispoñible baixo a licenza Creative Commons BY-SA e pode ser copiado e reutilizado baixo esta mesma licenza.
De acordo coas nosas estatísticas, temos un total de 142744 contas de usuario rexistradas na Galipedia, e entre elas 283 estiveron activas durante o último mes. Todas as persoas que editan a Galipedia son voluntarias, integrando unha comunidade colaborativa e coordinando os esforzos por medio de proxectos temáticos e diversos espazos de conversa.