From Wikipedia, the free encyclopedia
A Union Internationale Amateur de Football Association (en galego: Unión Internacional Afeccionada de Fútbol Asociación, UIAFA) foi unha asociación internacional de federacións de fútbol nacionais fundada en 1909 co obxectivo de xestionar e desenvolver este deporte no mundo.
Orixinalmente reuniu a federacións francesas, inglesas e bohemias, e encargouse da organización do Gran Torneo Europeo de 1911, unha das primeiras competicións europeas entre seleccións nacionais, celebrada 49 anos antes da Eurocopa 1960. O devandito campionato tivo lugar durante a Exposición Internacional do Norte de Francia en Roubaix, acadando a vitoria a selección de Bohemia.[1][2][3][4]
Aínda que se expandíu axiña a España, Suíza e Bélxica, a UIAFA foi perdendo influencia pouco a pouco ante o auxe da Federación Internacional de Fútbol Asociación (FIFA), cesando a súa actividade en 1912.[5]
En 1907 produciuse un cisma no fútbol inglés cando a Amateur Football Asocciation (AFA) se separou da Football Association (FA) no contexto dun conflito aberto entre o amateurismo e o profesionalismo. A AFA tentou ingresar na FIFA, pero non foi admitida. En solidariedade, a Union des sociétés françaises de sports athlétiques (USFSA), representante de Francia na FIFA, abandonou a organización, sendo substituída polo Comité français interfédéral (CFI).[3][4]
Por outra banda, en Bohemia existía a Český svaz footballový (ČSF; en galego: Federación Checa de Fútbol), que ingresara na FIFA en 1906, pero foi expulsada do organismo internacional o 8 de xuño de 1908 durante o congreso celebrado en Viena, pola oposición da Asociación Austríaca de Fútbol (Österreichischer Fußball-Verband, ÖFV), xa que Bohemia era parte do territorio administrado por Austria dentro do Imperio Austrohúngaro.[2]
Estas tres federacións non asociadas á FIFA fundaron a UIAFA (Union internationale amateur de football association),[6] que ficou definitivamente constituída en París o 18 de marzo de 1909.[7] O príncipe británico Artur de Connaught foi nomeado presidente de honra da organización.[8] O primeiro presidente foi Victor E. Schneider, que fora vicepresidente da FIFA e representaba aos clubs francófonos suízos reticentes a renunciar á disputa de partidos contra os clubs membros da UIAFA. Algúns clubs de segunda categoría de Viena vacilaron con se unir, pero finalmente mantivéronse na ÖFV.[4] No congreso da FIFA celebrado en Budapest en 1909 foi prohibida a celebración de partidos entre os clubs das súas federacións membro e os clubs da UIAFA.[9]
O 15 de outubro de 1909 uniuse á UIAFA a Federación Española de Clubs de Football (FECF), a primeira federación de ámbito estatal fundada en España e antecesora da Real Federación Española de Fútbol fundada en 1913.[10] En febreiro de 1910 ingresou a Fédération Belge des Sports Athlétiques (FBSA), unha federación rebelde belga, e no congreso celebrado en xaneiro de 1911 uniuse á organización unha federación suíza, a Ligue Sportive Suisse (LSS).[11][12][13] Algunhas fontes indican que tamén ingresaron outra da África Oriental Británica e outra de América do Sur nese mesmo congreso.[4] Ese mesmo ano a UIAFA celebrou o Gran Torneo Europeo de 1911 durante a Exposición Internacional do Norte de Francia celebrada en Roubaix, obtendo a vitoria a selección de Bohemia.[1][2][3][4]
Finalmente, o 28 de maio de 1911 solicitou a súa adhesión a Związkiem Footballistów Polskich (ZFP; en galego: Asociación de Futbolistas Polacos), unha federación formada na Galicia austríaca por iniciativa do club polaco Wisła Kraków, que xa pertencía á UIAFA desde decembro de 1910.[14][15] Esta federación íase converter en membro de pleno dereito no seguinte congreso da organización que se levaría a cabo en Praga en 1912.[15][16] Porén, a UIAFA deixou de dar sinais de vida. A USFSA francesa uniuse ao CFI, recoñecido pola FIFA, en decembro dese mesmo ano.[4] En 1913 a FECF española e a súa escisión a RUECF (Real Unión Española de Clubs de Football) loitaron por unirse á FIFA sen éxito, algo que non se conseguiría até a formación da RFEF ese mesmo ano.[10] A Amateur FA inglesa integraríase finalmente na FA en 1914.[4] Pola súa banda, tras a desintegración do Imperio Austrohúngaro e o nacemento de Checoslovaquia, a ČSF converteuse na Federación Checoslovaca de Fútbol (ČSSF; en checo: Československý Svaz Footballový).
A estas cómpre sumar as federacións respresentativas da África Oriental Británica e de América do Sur, que segundo algunhas fontes foron admitidas como novos membros da UIAFA no congreso de xaneiro de 1911.[4] Durante ese mesmo congreso tamén foi publicada a presenza dunha federación austríaca.[11][12][13]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.