From Wikipedia, the free encyclopedia
Un elemento dos vasos ou membro dos vasos é un dos tipos celulares do xilema das plantas, especializado no transporte de zume bruto (auga e sales) pola planta desde as raíces a todas as partes da planta. Os elementos dos vasos están perforados en certas zonas e únense uns con outros formando longos tubos chamados vasos ou traqueas. Os elementos dos vasos son típicos das anxiospermas pero están ausentes nalgunhas anxiospermas e na maioría das ximnospermas como as coníferas (estas posúen traqueidas).
Cada vaso ou traquea está formado por un número limitado de elementos dos vasos con perforacións unidos uns encima dos outros, pero os diferentes vasos dunha serie están unidos entre si por paredes imperforadas (similares ás das traqueidas), que tamén poden ser atravesadas pola auga e solucións acuosas.
No xilema secundario, os elementos dos vasos orixínanse a partir dunha célula fusiforme do cámbium, que cando madura morre e perde o seu protoplasto, polo que a célula queda baleira, pero conserva a súa parede celular lignificada. Tipicamente o protoplasto morre antes de que se forme a perforación. Aínda que o elemento do vaso é unha célula morta, conserva a súa funcionalidade como elelmento condutor, e está protexida polas células vivas que a rodean.
A parede celular está moi impregnada de lignina (lignificación). En cada un dos dous extremos do elemento dos vasos hai aberturas na parede, polas que se conecta un elemento dos vasos co seguinte. Estas aberturas chámanse perforacións ou placas perforadas. Estas perforacións poden ter formas moi variadas: os tipos máis comúns son a perforación simple (unha simple abertura) e a perforación escalariforme (varias aberturas alongadas unhas encima das outras formando un deseño parecido a uha escada). Outros tipos son a placa perforada foraminada (varias aberturas arredondadas) e a placa perforada reticulada (cun deseño en rede, con moitas aberturas). As paredes laterais teñen puntuacións, e poden ter engrosamentos en espiral, pero xeralmente non perforacións.
A presenza de vasos no xilema é considerada unha das innovacións evolutivas chave que levaron ao éxito das plantas con flor. Pensábase antes que esta innovación era exclusiva das plantas con flor, pero a súa ausencia nalgunhas anxiospermas basais e a súa presenza nalgúns membros das Gnetales suxire que esta hipótese debe ser reexaminada; os elementos dos vasos nas Gnetales non poden ser homólogos dos das anxiospermas, ou os elementos dos vasos que se orixinaron nun precursor das anxiospermas puideron perderse posteriormente nalgunhas liñaxes basais (por exemplo, Amborellaceae, Tetracentraceae, Trochodendraceae, e Winteraceae), descritas por Arthur Cronquist como "primitivamente sen vasos". Cronquist considera que os vasos de Gnetum son resultado dunha evolución converxente cos das anxiospermas.
Células similares ás dos vasos tamén se atoparon no xilema de varios membros das Pteridophyta como Equisetum, Selaginella, Pteridium aquilinum (fento común), Marsilea e Regnellidium (fentos acuáticos), e o enigmático grupo fósil das Gigantopteridales. Nestes casos, admítese xeralmente que os vasos evolucionaron independentemente. Puido acontecer tamén que os vasos aparecesen máis dunha vez entre as anxiospermas.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.