Tonsila
From Wikipedia, the free encyclopedia
No campo da anatomía, a tonsila, antes denominada amígdala, é un órgano con forma de améndoa (en latín é o que significa, amendoíña), formado pola unión de numerosos nódulos linfáticos.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/b/b1/Amigdalas_diag-1-.jpg/250px-Amigdalas_diag-1-.jpg)
Dáselle este nome en especial á amígdala palatina pero, por extensión, tamén se denomina tonsila a calquera órgano constituído por un retículo de tecido linfoide e epitelial, que contén folículos linfáticos.
As tonsilas son tecido linfoide situado na farinxe e que constitúen o anel de Waldeyer. Segundo a localización en que se atopen na farinxe, chámanse:
- Tonsila farínxea (ou amígdala de Luschka): situada no teito ou bóveda da farinxe, na súa porción nasal. Nos nenos adoitan estar hipertrofiadas e entón chámanse adenoides, chegando a provocar insuficiencia respiratoria nasal e deformación facial (vexetacións), polo que adoitan extirparse.
- Tonsila tubárica (ou amígdala de Gerlach): rodea o extremo farínxeo da trompa de Eustaquio.
- Tonsila palatina: tamén chamada amígdala palatina. Órgano par situado a ambos lados do istmo das fauces, na entrada da orofarinxe, entre os piares do veo do padal, a ámbolos lados da úvula. Cando se inflaman constitúen as típicas anxinas (non confundir coa anxina de peito) ou, tecnicamente, amigdalite. A súa extirpación denomínase amigdalectomía ou tonsilectomía.
- Tonsila lingual: é un conxunto voluminoso de tecido linfoide situado na base da lingua.